Iniciativa Cidadá de Mugardos (ICM) é un movemento cidadán político creado no Concello de Mugardos que se presentou ás eleccións municipais de maio do 2015 como agrupación de electores.

Javier García Dieste foi o candidato de ICM nas eleccións municipais do 25 de maio de 2015, nas que obtivo 540 votos (un 18,25%) e o foi a terceira candidatura máis votada, tras do Partido Popular e Esquerda Unida, superando ás dúas últimas formacións en ostentar a Alcaldía (BNG e PSdeG-PSOE) e á candidatura independente Gañemos Mugardos.

Nas eleccións xerais do 2015 e 2016 a organización apoiou a candidatura de En Marea ao congreso e o senado, e en setembro do 2016 á Xunta de Galicia.

Historia e características O primeiro tramo da candidatura da Iniciativa Cidadá de Mugardos formouse mediante primarias abertas, con dereito a voto para a cidadanía maior de 16 anos residente ou traballando en Mugardos. Votaron 126 persoas, o que en termos porcentuais supuxo a maior participación en procesos de primarias abertas das mareas cidadás galegas no 2015. O segundo tramo da candidatura definiuse mediante asembleas abertas. Os membros da candidatura que obtiveron acta de concelleiro/a, ademais de Javier García Dieste, foron Miguel Ángel Bastida Martínez e Paula Morgade Carnero.

Tras os resultados das eleccións municipais ICM someteu a unha consulta popular o seu voto na sesión de constitución da nova corporación. O resultado desta consulta fixo que os 3 votos de ICM fosen para o seu propio candidato, mentres EU (3), BNG (2) e PSdeG-PSOE (1) votaban pola candidata de EU tras as negociacións previas entre as catro formacións de centro-esquerda. Isto fixo que ningunha candidatura acadase a maioría plenaria de 7 votos, polo que foi nomeado alcalde Juan Domingo Deus Fonticoba, do PP, con catro votos.

En decembro do 2015 dimitía como concelleiro Javier García Dieste, sendo substituído por César Pena Leira en xaneiro do 2016. O 12 de agosto de 2016 o grupo municipal de ICM realizaba, xunto con EU e BNG, unha moción de censura que retiraba da alcaldía ao Partido Popular para concederlla a Pilar Díaz Otero (EU). Miguel Ángel Bastida Martínez e César Pena Leira serían 1º e 4º tenentes de alcalde, respectivamente. En novembro do 2017 ICM abandonaba o goberno municipal, xunto co BNG.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Ames Novo Marea Atlántica Compostela Aberta Lugonovo Marea Pontevedra

Ligazóns externas Páxina web

Categoría:Forzas políticas de Galicia Categoría:Mugardos