Beatriz Gimeno Reinoso, nada en Madrid o 9 de maio de 1962, é unha política e activista española en favor dos dereitos LGBT. Desde xuño de 2015 é deputada por Podemos da X Lexislatura da Asemblea de Madrid e responsable da área de igualdade de Podemos na Comunidade de Madrid. Foi presidenta da Federación Española de Lesbianas, Gays, Transexuales y Bisexuales entre 2003 e 2007, período no que se aprobou o matrimonio entre persoas do mesmo sexo en España e Madrid foi elixida como sede do Europride 2007.

Traxectoria Beatriz Gimeno estudou Filoloxía semítica. En 1985 foi vivir coa súa familia a Sevilla, e en 1988 comezou a asistir a reunións dunha asociación feminista, primeira das moitas nas que posteriormente chegou a militar. Ao regresar a Madrid uniuse ao Colectivo de Gays, Lesbianas, Transexuales y Bisexuales de Madrid, e en 1995 comezou a centrarse na FELGTB. Foi Secretaria Xeral da federación até que en 2002 asumiu a presidencia en substitución de Pedro Zerolo. Foi substituída no cargo o 6 de marzo de 2007 por Antonio Poveda, e pasou a ser vogal de cultura dentro da FELGTB, promovendo os estudos LGBT na cultura e a universidade. Beatriz Gimeno é colaboradora de diversos medios de comunicación, como o diario dixital El Plural.

Traxectoria política Nas eleccións autonómicas de Madrid celebradas en 2015 Gimeno concorreu como número 4 nas listas de Podemos, e acadou un escano como deputada ao Parlamento de Madrid. En febreiro de 2017 liderou xunto a Miguel Urbán a lista da corrente Anticapitalistas para as primarias de Podemos.

Posturas Feminista lesbiana Gimeno sinalou a existencia dun 'machismo gay' dentro do movemento homosexual, debido ao cal as mulleres serían 'dobremente discriminadas' pola súa condición de lesbianas e mulleres. Publicou diversas obras especializadas sobre o tema do feminismo lésbico e pronunciouse en numerosas ocasións en contra da legalización da prostitución, denunciando a mercantilización e o neoliberalismo sobre os corpos das mulleres.

Matrimonio entre persoas do mesmo sexo en España Durante a tramitación da lei para aprobar en España o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, Gimeno, como Presidenta da FELGTB, arremeteu contra a postura do Partido Popular e da igrexa católica, que se opuñan de forma frontal á regularización das parellas homosexuais. A FELGTB convocou unha manifestación multitudinaria, coincidindo coa celebración do día Internacional do Orgullo LGBT, para celebrar a aprobación da nova lei.

Vida persoal Tras unha relación dunha década coa tamén activista FELGTB Boti García Rodrigo, casaron en decembro de 2005. Á voda -oficiada por Inés Sabanés, coa participación do concelleiro do PSOE Pedro Zerolo e do PP Luis Asua- asistiron 110 persoas, entre elas o coordinador xeral de IU Gaspar Llamazares, a secretaria de Estado de Cooperación Internacional Leire Pajín, o Defensor do Poblo (Ararteko) do País Vasco Íñigo Lamarca, a escritora Almudena Grandes e o poeta Luis García Montero. Gimeno ten un fillo nado na década de 1980.

Obra Primeras caricias: 50 mujeres cuentan su primera experiencia con otra mujer (Ediciones de la Tempestad, 2002) ¿Seré lesbiana? (Cyan, 2004; con Boti García Rodrigo) Su cuerpo era su gozo (Foca, 2005) La liberación de una generación: historia y análisis político del lesbianismo (Gedisa, 2006) La luz que más me llama (Olifante, 2009) Deseo, placer (InÉditor, 2009) La prostitución (Bellaterra, 2012)

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

www.beatrizgimeno.es Web persoal

Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1962 Categoría:Activistas LGBT de España Categoría:Feministas de España Categoría:Políticos de Podemos Categoría:Deputados da X Lexislatura da Asemblea de Madrid Categoría:Escritores da Comunidade de Madrid Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Deputados da XI Lexislatura da Asemblea de Madrid