O Palacio Medici Riccardi, ten a tipoloxía de palacio urbano e foi construído por Michellozzo para Cosme de Medici, alcumado o Maior ou o Vello (en italiano, Cósimo il Vecchio), entre 1444 e 1460,Autores como Young (1987), afirman que os traballos remataron en dez anos (p. 77) sendo o fogar da familia Medici durante máis de cen anos. O custo foi de 60 000 ducados e, en 1492, o inventario do seu mobiliario chegaba a 81 000 ducados.

O Palacio foi descrito por Vasari como o "primeiro que se constuíu ao xeito moderno"; isto é, o primeiro edificio renacentista (no Quattrocento) construído en Florencia. Michellozzo xa traballara previamente para Cosme na remodelación de vilas rurais da familia. Hoxe está situado no número 3 do que, en épocas anteriores, era chamada Vía Larga, agora vía Cavour, e contén a actual sede do Consello metropolitano.

O palacio de Cosme, o Maior O palacio é unha obra de Michelozzo encargada polo patriarca da familia Medici, Cosme il Vecchio, como vivenda da familia e representación do seu poder. Nun primeiro momento, Cosme encargáralle un proxecto, unha maqueta, a Brunelleschi, mais acabouno rexeitando por un exceso de magnificencia e ornamentación que, pensaba, espertaría a envexa dos seus concidadáns.Young tamén afirma (p.113) que o palacio era considerado excesivamente suntuoso para un simple cidadán, pois superaba en esplendor as redidencias dos reis de Francia e de Inglaterra e, mesmo, do emperador do Sacro Imperio. Os seus escrúpulos xustificábanse no feito de que dez anos antes, por mor da acusación de tiranía realizada polos seus adversarios políticos, sufrira prisión no Palazzo Vecchio e o exilio no Véneto, dende onde foi reclamado en medio da satisfacción popular.

O proxecto de Michelozzo, un arquitecto discípulo de Brunelleschi, consistía nun palacio cúbico de aparencia externa impoñente pero sobrio e austero, mentres o interior se organizaba en torno a un patio central porticado con columnas de capitel corintio ou composto, inspirado en parte nos elementos clásicos empregados por Leon Battista Alberti no Palazzo Rucellai, pero cunha innovación de tipo tipolóxica; xa non debía ser un expoñente do poderío da cidade senón que manifestara a relevancia da familia que o habitaba. Porén, foi, precisamente, o Palazzo Medici o que definiu un dos modelos de arquitectura civil do Renacemento en Florencia, e alén de Florencia que foi repetido polo propio Michelozzo en varias construcións máis. Un exemplo da súa influencia foi o Palazzo Strozzi.

Análise arquitectónica O palacio foi e está situado nun lugar estratéxico, na encrucillada entre a Vía Larga (agora vía Cavour) e a Vía de Gori, preto das igrexas protexidas pola familia (San Lourenzo e San Marcos) e do Duomo. Por iso, toda a zona é denominada o "barrio dos Medici".

Michelozzo recorreu ao rigor clásico de Brunelleschi para purificar e enriquecer a tradición do gótico florentino creando un palacio, cunha planta orixinal, practicamente cúbico, cun patio central no cal un portal permitía o acceso ao xardín, rodeado por altos muros. Tamén se viu influído polo uso de modelos de orixe romana como a albanelería rústica ou o uso de cornixas para diferenciar os diferentes andares, ou polo uso de columnas nos patios como nos perístilos romanos.

Fachada

A súa fachada é unha obra mestra de sobriedade e elegancia, aínda que ten elementos "excepcionais" como o uso do perpiaño, que na Idade Media quedaba reservado para os edificios públicos que albergaban o goberno da cidade.

O exterior está dividido en tres rexistros ou corpos separados por cornixas que sobresaen lixeiramente e diferencian os diferentes andares. Tamén, os perpiaños almofadados de pedra marcan os 3 andares porque son moito máis grosos e rústicos no nivel inferior, máis achatados e suaves no segundo andar e moi suavizado, case liso, no andar superior, marcando un desenvolvemento horizontal dos volumes. Tamén so vans contribúen a diferenciar os 3 andares: na parte inferior son nichos cadrados e fiestras nos superiores. Esta concepción tripartita infuirá, posteriormente, en Alberti no seu Palacio Ruccellai, que se desenvolverá tamén como un corpo tripartito pero diferenciado en altura polas ordes clásicas: dórica, xónica e corintia.

Na planta baixa había un pórtico angular (amurallado en 1517); no piso superior, no canto da cornixa había canzorros con algunhas ameas que acentuaban o seu carácter de influencia militar. Ao longo dos lados leste e meridional corre un banco de rúa, unha base de pedra elevada, que se empregou por razóns prácticas e estéticas.

As fiestras xeminadas ou bíforas, con parteluz, e cun medallón no medio delas co escudo de armas dos Medici, marcan regularmente a fachada e están enmarcadas por un anel semicircular. As fiestras diferéncianse lixeiramente entre os diferentes andares pois teñen marcos máis amplos na parte superior para equilibrar a altura do piso inferior. Con ese efecto pretendíase dar maior importancia ao segundo andar ou piano nobile.

Patio miniatura|O patio de Palazzo Medici Tamén presenta un notable estudo sobre a harmonía e variedade na decoración de tal xeito, que suxire un efecto de simetría que non existe. O primeiro rexistro está composto por un pórtico con columnas de fustes lisos e capiteis compostos sobre os que apoia un alto friso con medallóns que conteñen os escudos de armas dos Medici, e formas variadas e mitolóxicas atribuídas a Bertoldo di Giovanni, que se conectan con grilandas ou festóns realizados coa técnica do fresco, hoxe repintadas, e que se deben ao traballos de Maso di Bartolomeo.

No segundo andar, de cachotaría sólida, aparecen fiestras bíforas sobre os eixos dos arcos do pórtico interior que lembran a fachada exterior e son recubertas por un friso. No andar superior, aparecen estancias con columnas xónicas aliñadas coas liñas do pórtico.

A decoración, sobre todo, está influída por formas clásicas con gusto e imaxinación. Pódese apreciar un certo xogo coa perspectiva nas columnas das esquinas, onde hai máis carga estrutural, pois son algo máis baixas cás demais. Iso provoca que as fiestras dos lados estean máis próximas cás outras; unha irregularidade que os arquitectos posteriores trataron de solucionar de diferentes xeitos.

Decoración dos interiores miniatura|A capela dos reis Magos, parede leste: a procesión con Lourenzo o Magnífico, seguido polo seu pai, Piero e o seu avó Cosme o vello; detrás deles a procesión do florentinos ilustres Dentro do Palacio realizáronse, ao longo do tempo, numerosas obras decorativas. Unha das primeiras foi a Capela dos reis Magos (Cappella dei Magi). Esta foi unha obra mestra da pintura mural coa técnica do fresco do florentino Benozzo Gozzoli, alumno de fra Angelico, encargada por Piero de Medici (alcumado o Gotoso) que supervisou o deseño e o desenvolvemento de traballo. Este pequeno espazo foi a capela privada da familia, e foi construída e pintada en 1459. Aparece pintada nas tres paredes máis grandes unha representación da Procesión dos reis Magos. Un tema relixioso que foi un pretexto para representar unha serie de retratos da familia e de figuras políticas da época, que veñen oficialmente a Florencia a invitación dos Medici e son retratos que tiñan como finalidade a celebración dos éxitos políticos de familia polo que son representados na cabeza do cortexo, aparecendo entre os personaxes retratados Lourenzo o Magnífico de mozo, seu irmán Giuliano seu pai Piero o Gotoso e o xefe da familia, Cosme o vello. O propio Gozzoli tamén aparece autoretratado.

Sobre o altar atópase unha copia do orixinal de Filippo Lippi, A natividade, de finais do Quattrocento, que hoxe se expón en Berlín.

A era de ouro de Lourenzo o Magnífico miniatura|O xardín do palacio A finais do século XV, as grandes coleccións de arte dos Medici permaneceron no palacio, como o David de Donatello, que foi exposto no patio, ou como as tres pinturas de Paolo Uccello a Batalla de San Romano, que unha vez decorou o cuarto do Magnífico, sen descoidar as obras de Botticelli, Verrocchio, Pollaiolo, Domenico Ghirlandaio, coleccións de pedras preciosas, cameos e vasos en pedras semipreciosas e cristal de rocha etc.

No gran xardín no lado norte do palacio, o chamado Xardín de San Marcos, a muller de Lourenzo, Clarice Orsini, colocou moitas esculturas clásicas mercadas, en gran parte, en Roma, baixo a dirección do escultor Bertoldo. Deste xeito, creouse o que foi o antecedente dunha Academia de Belas Artes por primeira vez en Europa, onde os mozos artistas podían copiar e estudar os clásicos e aprender as súas técnicas artísticas. O máis importante destes artistas novos foi Michelangelo Buonarroti, como indica Vasari, na súa obra As Vidas. Moitas veces os mozos artistas tamén foron aloxados no edificio de Lourenzo, como aconteceu, por exemplo, con Michelangelo, que viviu os seus anos de mocidade no palacio.

Tamén tivo grande importancia a frecuente presenza do círculo de humanistas neoplatónicos florentinos, entre os que estaba o filósofo Pico della Mirandola e o poeta Agnolo Poliziano. Creouse no palacio un ambiente cultural que permitiu o desenvolvemento do pensamento e da arte do Renacemento.

Traxectoria

O Século XVI Con Lourenzo morto en 1492 rematou unha era para toda a cidade. Os florentinos, enfurecidos polos sermóns de Savonarola, que predicaba contra os traxes lascivos, contra a prepotencia e o neo-paganismo da cidade, foron instigados á revolta e saquearon o palacio en 1494, confiscando en nome da República florentina os tesouros dos Medici (ouro, xoias e as obras de arte).

A ocasión foi propiciada polo vil comportamento do fillo de Lourenzo, Piero, con respecto ao paso do exército do Rei francés Carlos VIII, a quen abriu as portas dos territorios florentinos e, segundo cronistas hostís para os Medici, mesmo bicara os zapatos do rei en sinal de submisión. Este foi o motivo da chamada segunda expulsión dos Medici (tralo primeiro ostracismo de Cosme o Velllo). Desta volta, a escultura de bronce de Xudit e Holofernes de Donatello, ornamento dunha fonte no xardín do palacio, foi trasladada até a Piazza della Signoria, simbolizando a derrota da tiranía polo pobo. Un destino semellante foi para o David, de Donatello, que acabou no Palazzo Vecchio (hoxe exponse no Museo Bargello). Para outros bens, o seu destino ofoi pero ao seren vendidos en poxa en Orsanmichele, aínda que a maior parte deles permanceron en mans florentinas e, posteriormente, foron recuperados polos sucesores da familia.

Tres anos máis tarde, retornaba a Florencia, coa axuda das tropas hispanas, o Cardeal Giovanni (máis tarde León X, papa), o fillo de Lourenzo o Magnífico e o Cardeal Giulio (máis tarde Clemente VII, papa), fillo do irmán de Lourenzo, o Giuliano asasinado durante a conspiración dos Pazzi.

Entre as modificacións do palacio neste período, apareceron as grandes fiestras na planta baixa, á beira da estrada, gañando tanto en espazo coma en seguridade da vivenda. Equipadas cun frontón triangular, e unhas ménsulas de apoio moi marcadas, hoxe son denominadas fiestras axeonlladas e son atribuídas a Michelangelo (1517), e serviron de inspiración para outras construcións. No patio interior, colocouse unha escultura de Orfeo, de Baccio Bandinelli que aínda pode ser admirada hoxe.