O ciclo troiano é un conxunto de poemas datados na época da Grecia arcaica que narraban a sucesión dos acontecementos da lenda da guerra de Troia. Entre eles atópanse dous que chegaron até os nosos días, a Ilíada e a Odisea, atribuídos ambos a Homero, e outros, hoxe perdidos e que só se coñecen por fragmentos ou resumos realizados por autores antigos. Existen resumos sobre o contido destes poemas perdidos na Crestomatía, obra de Proclo, do cal se discute se se debe identificar co gramático Eutiquio Proclo, do século II ou co filósofo neoplatónico Proclo, do século V. Ás veces considérase que o ciclo troiano era parte doutro grupo de poemas máis numerosos denominado ciclo épico. Outras veces, con todo, identifícanse ambos os termos como sinónimos. Os poetas gregos aos que se atribuíu a composición destes poemas cíclicos son: Estasino de Chipre, Arctino de Mileto, Eumelo de Corinto, Lesques de Lesbos, Axias de Trezén, Pisandro de Camiro, Eugamón de Cirene, etcétera.
Datación A maioría dos estudosos inclínase por aceptar os datos cronolóxicos achegados por autores da Antigüidade acerca da composición destes poemas, que inclúe datas temperás como son os séculos -VIII e -VII. Con todo, hai algúns que prefiren datar estas obras a fins do século -VI ou mesmo en datas posteriores, malia admitiren que a tradición oral que orixinou estes poemas debeu ser moi anterior.
Obras
Ciprias
miniatura|O Xuízo de Paris representado nunha ánfora etrusca de figuras negras. Cara ao -530. Staatliche Antikensammlungen, Múnic. As Ciprias ou Cantos Ciprios comprendían once libros en hexámetros dáctilos. É posíbel que o título deste poema aluda ao lugar de procedencia do seu autor, nese caso sería composto por un autor de Chipre, pero tamén se suxeriu que podería estar relacionado con Afrodita, deusa que, segundo a tradición, nacera en Chipre e que tería un importante protagonismo no poema.
Adoita considerarse que foi composto na primeira metade do século -VII, a malia haber autores que prefiren situalo a fins do século -VIII e outros a fins do século -VI.
A tradición di que Homero llo deu ao seu xenro Estasino de Chipre como parte do dote da súa filla (hai unha alusión a isto nun fragmento dun poema de Píndaro). Outros mencionan como compilador a Hexesias de Salamina. Argumento Narraba as orixes do conflito troiano e os nove primeiros anos de guerra.
Empezaba cunha deliberación entre Zeus e Temis acerca da guerra de Troia. Continuaba coa aparición inesperada de Eris na voda da nereida Tetis co mortal Peleu e o consecuente xuízo de Paris acerca da beleza de Atenea, Hera e Afrodita.
Afrodita gaña este xuízo de beleza tras prometer a Paris que conseguiría a Helena de Esparta. Paris, acompañado de Eneas, viaxa a Lacedemonia, onde Afrodita provoca que Paris e Helena se unan. Despois embarcan xunto con gran cantidade de riquezas. A nave, sacudida por unha tempestade enviada por Hera, chega primeiro a Sidón, e Paris apodérase da cidade. Desde alí volven emprender a navegación e chegan a Troia, onde se celebra a voda de Paris e Helena.
Tamén se relataba o enfrontamento de Cástor e Pólux contra Idas e Linceo, tras o cal Zeus concede a Cástor e Pólux a inmortalidade en días alternos.
Menelao, rei de Esparta e marido de Helena, delibera co seu irmán Agamenón de Micenas e posteriormente con Néstor de Pilos acerca da necesidade de reunir un exército. Percorren Grecia e reúnen aos caudillos. Odiseo, rei de Ítaca, trata de evitar ser recrutado e fínxese tolo, pero Palamedes descobre a trampa e Odiseo únese ao resto da expedición.
A frota grega reúnese no porto de Áulide. O adiviño Calcante interpreta agoiros e logo parten, arribando por erro a Teutrania, onde feren ao seu rei Télefo, que posteriormente será curado polo mesmo que o feriu, Aquiles.
Reunida novamente a expedición en Áulide, non poden partir por mor das tempestades. Calcante comina a Agamenón a sacrificar á súa filla Ifixenia para tranquilizar á deusa da caza, Ártemis. Esta ofendeuse porque Agamenón matara unha cerva consagrada dicindo que el era mellor porteiro que a deusa. Finalmente, Ártemis impide o sacrificio e é a unha corza á que sacrifican no seu lugar.
Por fin parten cara a Troia, pero Filoctetes é abandonado en Lemnos tras ser mordido por unha serpe. Tras chegar e desembarcar en Troia, Héctor mata a Protesilao e Aquiles mata a Cicno. Os aqueos esixen a devolución de Helena e o seu dote pero os troianos néganse.
Os aqueos saquean toda a rexión. Do botín obtido, Aquiles toma como escrava a Briseida e Agamenón a Criseida. Palamedes morre a mans de Odiseo e Diomedes. Segundo o resumo da Crestomatía a parte final do poema relataba o designio de Zeus de apartar a Aquiles da contenda e o catálogo dos que combateron contra os troianos.
Ilíada
miniatura|Crises ofrece a Agamenón un rescate pola súa filla Criseida, representado nunha cratera de figuras vermellas, cara a -360/-350. Museo do Louvre, París. A Ilíada é o poema máis antigo que se conservou escrito da literatura europeaHomero, Ilíada. Introducción de Emilio Crespo Güemes, p.VII, Madrid: Editorial Gredos. ISBN 978-84-249-1446-2.. Atribúese tradicionalmente a Homero. Composta en hexámetros dactílicos, consta de 15.693 versos (divididos polos editores, xa na antigüidade, en 24 cantos ou rapsodias). Narra os acontecementos ocorridos durante 51 días no décimo e último ano da guerra de Troia. O título da obra deriva do nome grego de Troia, Ιlión.
Etiópida miniatura|Eos sostén ao seu fillo Memnón morto, representado nunha copa ática de figuras vermellas, cara a -490/-480. Museo do Louvre, París. A Etiópida comprendía cinco libros en hexámetros dactílicos. A data tradicional en que se considerou que foi composta é a fins do século -VIII.
Atribúese a súa compilación a Arctino de Mileto, pero referencias a un dos seus máis importantes personaxes (Pentesilea, raíña das amazonas) datan do -600, suxerindo unha data máis tardía. Argumento Empezaba narrando acontecementos sucedidos pouco despois da morte de Héctor, coa chegada da raíña Pentesilea, filla de Ares, á fronte das amazonas en axuda aos troianos. Ten momentos de gloria na batalla pero Aquiles mátaa.
O guerreiro aqueo Tersites búrlase logo de Aquiles acusándoo de que se namorou dela tras tela matado, e Aquiles mata a Tersites. Logo ha de purificarse ritualmente en Lesbos por este crime.
Máis tarde chega outro aliado de Troia: Memnón o etíope, fillo de Eos, liderando as tropas de Etiopía e levando unha armadura feita polo deus Hefesto.
Memnón mata en batalla a Antíloco, fillo de Néstor e amigo de Aquiles. Aquiles mata a Memnón e Zeus faino inmortal a petición da súa nai Eos.
Aquiles, rabioso, persegue aos troianos até as mesmas portas da cidade, e ante a porta Escea é morto por Paris e Apolo. Áiax e Odiseo rescatan o seu corpo.
Faise un funeral para Antíloco e outro para Aquiles, ao que asiste a súa nai, a ninfa mariña Tetis, acompañada polas musas. Celébranse xogos funerarios por Aquiles, nos que se ofrece como premio as súas armas. Dispútanllas Áiax e Odiseo.
É dubidoso se o xuízo polas armas de Aquiles e o suicidio de Áiax se relataban neste poema ou na Pequena Ilíada, ou en ambos.
Pequena Ilíada
miniatura|Suicidio de Áiax, representado nunha cratera de figuras vermellas, cara a -400/-350., Museo británico, Londres. A Pequena Ilíada estaba composta por catro libros en hexámetros dactílicos. Atribúese a súa compilación a Lesques de Pirra ou de Mitilene, a pesar de que na Antigüidade tamén había quen o atribuía a Cinetón de Esparta, Diodoro Eritreo ou Homero. Tradicionalmente dátase a fins do século -VIII debido sobre todo a un testemuño de Clemente de Alexandría que data na Olimpíada XVIII (-708) unha competición entre Lesques e Arctino de Mileto. Argumento Empezaba co xuízo tras os xogos funerarios por Aquiles, para dirimir quen debe posuír as armas de Aquiles. Gáñaos Odiseo e Áiax tolea e suicídase.
Seguía co asedio a Troia. Héleno, adiviño troiano que é capturado por Odiseo, profetiza acerca da toma de Troia. Entre estes vaticinios figura que a toma da cidade só será posíbel con axuda de Filoctetes (o cal fora abandonado na illa de Lemnos). Diomedes, probabelmente acompañado por algún outro heroe, vai a Lemnos e trae a Filoctetes, o cal é curado por Macaón.Tras iso, Filoctetes loita con Paris en combate singular e mátao, e Helena casa co seu cuñado Deífobo.
Odiseo vai a Esciros, de onde trae ao fillo de Aquiles, Neoptólemo, e dálle a armadura do seu pai. Neoptólemo mata a Eurípilo, fillo de Télefo, que acudira en auxilio dos troianos.
Odiseo disfrázase de esmoleiro e entra en Troia para espiar. Helena veo e recoñéceo, pero non o delata e mesmo planean xuntos a captura da cidade. Logo Odiseo volve con Diomedes a Troia para roubar o Paladio.
Epeo constrúe, por indicación de Atenea, o cabalo de madeira e métense no seu interior os mellores guerreiros gregos. Queiman o campamento e repregan a súa frota na illa de Ténedos. Crendo que os seus inimigos se retiraron, os troianos rompen parte das súas murallas para poder meter dentro o cabalo e celebrar a vitoria.
O desenlace e posterior queima e saqueo de Troia relatábanse na Iliupersis. Con todo, varios fragmentos indican que estes acontecementos tamén figuraban na Pequena Ilíada: prodúcese unha batalla nocturna entre gregos e troianos, Neoptólemo mata a Príamo, a Astianacte e a Axenor e toma como prisioneiros a Andrómaca e a Eneas, Diomedes mata a Corebo, Odiseo salva a Helicaón por mor dos vínculos de hospitalidade que adquirira co seu pai Antenor e Menelao reencóntrase con Helena.
Iliupersis
A Iliupersis atribúese a Arctino de Mileto. Eran dous libros en hexámetros dactílicos. O seu nome significa saqueo de Ilión.
Outro autor grego do período arcaico, Estesícoro, tamén escribiu un poema sobre o saqueo de Troia e por iso algúns autores apuntaron a posibilidade de que o resumo que a Crestomatía ofrece podería ser do poema de Estesícoro.
Posto que se atribúe ao mesmo autor que a Etiópida, a data tradicional en que se considerou que foi composto é a fins do século -VIII.
Os acontecementos que se narraban neste poema están moi relacionados con parte do libro II da Eneida (Virxilio), que conta a historia desde o punto de vista troiano con diferenzas en detalles (a fuxida de Eneas ou a identidade do asasino do bebé Astianacte). miniatura|O cabalo de Troia, representado no chamado Vaso de Mikonos, cara a -670. Museo arqueolóxico de Miconos. Argumento Empezaba narrando a discusión dos troianos sobre que facer co cabalo de madeira. Casandra e Laocoonte, adiviños troianos, manifestan a súa sospeita de que sexa unha trampa e que conteña soldados no seu interior, pero outros troianos din que é unha reliquia sacra e que debía ser ofrecida a Atenea. Finalmente esta última opinión é a que prevalece e celébrase a aparente vitoria pola crenza de que os gregos abandonaron o asedio.
Con todo, aparecen dúas serpes que matan a Laocoonte e a un dos seus fillos. Vendo isto, só Eneas e os seus homes ven claro o desenlace e deixan a cidade.
Pola noite, os gregos saen do cabalo e abren as portas da cidade para que os demais gregos, que volveron de Ténedos, entren. Os troianos son masacrados e quéimase toda a cidade.
No poema tamén se debía facer referencia ao roubo do Paladio. A diferenza do que se narraba na Pequena Ilíada, na Iliupersis dicíase que os gregos non roubaran o Paladio orixinal senón que os troianos colocaran o orixinal nun lugar seguro e que o que roubaran era unha copia.