África de las Heras Gavilán, nada en Ceuta o 27 de abril de 1909 e finada en Moscova o 8 de marzo de 1988, foi unha militante comunista española nacionalizada soviética e unha destacada espía do KGB cuxo nome en clave era Patria, aínda que adoptou os nomes de María Luisa de las Heras de Darbat en París, María de la Sierra en México, Patricia, a subcomandante Ivonne na guerrilla de Ucraína durante a Segunda guerra mundial, María de las Heras na súa estancia no Río da Prata, a limpadora Znoi na oficina da Gestapo de París ou María Pavlovna cando residiu en Moscova.
Traxectoria
Primeiros anos Naceu no seo dunha familia acomodada. O seu pai era Julián Francisco de las Heras, avogado e alcalde de Ceuta. O seu tío, Manuel de las Heras Jiménez, Xeneral de División, faleceu en 1930 en Jaca tras ser disparado ó conter unha rebelión republicana. Casou en 1928, cun tenente da Lexión, con quen tivo un fillo que morreu aos poucos anos e do que se separou decontado coa proclamación da República.
Pouco despois, tras morrer tamén seu pai, marcha coa súa nai a Madrid. Comezaron a vivir nunha pensión onde coñeceu a Luis Pérez García-Lago, antigo empregado de banca socialista e dirixente da federación de banca de UGT,que foi quen a introduciu nos círculos proximos ao Partido Socialista e chegou a militar nas dúas organizacións.
Pouco tempo despois, participou activamente na Revolución de outubro de 1934 en Asturias, actuando como enlace, onde coñeceu o histórico dirixente comunista Santiago Carrillo.
En 1936, ao estourar a Guerra civil, estaba en Barcelona e se integrou nas Juventudes Socialistas Unificadas (JSUC) e no Partido Socialista Unificado de Cataluña (PSUC). Un ano máis tarde comandou unha das patrullas cidadás de Barcelona con sede no náutico da cidade e dirixiu os interrogatorios dunha checa na rúa de san Elías. Nesta época casou con Luis Pérez García-Lago. Ese ano, 1937, regresou a Ceuta por última vez para avisar ó seu tío do perigo que corría.
Marcha á URSS En 1937, en Barcelona, foi recrutada por varios axentes da NKVD en España —Leonid Eitingon, o húngaro Ernő Gerő e o ruso Alexander Orlov— e enviada a Moscova para a súa pertinente instrución.
Crese que a encargada de introducir na espionaxe a África foi Caridad, a nai de Ramón Mercader (o asasino de Trotski), quen dirixía un comando de choque xunto co seu amante Pável Sudoplátov. Tras a instrución, encomendóuselle a súa primeira misión, polo que se trasladou a Noruega.
Estancia en México En Noruega a súa misión era entrar en contacto con militantes trotskistas. Estabeleceu relación co equipo de Trotski, e conseguiu infiltrarse e converterse en secretaria deste en México. Unha vez no país azteca dedicouse a pasar información á NKVD. Axudou así ó seu compatriota Ramón Mercader a organizar o asasinato de Trotski por orde de Stalin. Porén, tamén hai quen dubida desa proximidade a Trotski por mor da inxexistencia de rastros documentais.
Abandonou México precipitadamente, agochada na adega dun barco ante a presenza no país de Alexander Orlov, xefe da NKVD en España, quen desertara ó temer a purga de Stalin e que ía ós Estados Unidos.
A Segunda guerra mundial En 1941 chegou á URSS de regreso ó KGB. Participou na defensa de Moscova enrolada no Exército Vermello e, posteriormente, estudou enfermaría e radiotelegrafía, e foi nomeada responsable de radiotransmisións.Segundo ela mesma indica nunha entrevista: «Terminei con sobresaliente os cursos rápidos de radiotelegrafía». Trala finalización dos cursos foi enviada en maio de 1942 ó destacamento guerrilleiro Os Vencedores. Saltou en paracaídas sobre os bosques de Vinnytsia (Ucraína) tralas liñas alemás, xunto con outros españois, para interceptar as comunicacións e enviarlles mensaxes erróneas ós alemáns. En 1944, tras dous anos de guerrillas, regresou a Moscova e recibiu un novo curso de espionaxe.
A guerra fría Tralo remate da segunda guerra mundial comezou o seu labor de espía dentro do KGB. Asinaba os seus informes co alcume de Patria.
París En 1946 instalouse en París, proveniente de Berlín. Baixo o alias de María Luisa de las Heras, fíxose pasar por unha refuxiada do réxime franquista e traballou como modista de alta costura, o que lle serviu para se introducir nos ambientes da alta sociedade parisiense. Nesta cidade coñeceu o escritor uruguaio Felisberto Hernández, con quen casou malia ser un anticomunista visceral. En 1947 trasladouse a España, e o ano seguinte foi enviada ao Uruguai.
Uruguai Casou en 1948 con Felisberto e conseguiu desa forma chegar a Montevideo en decembro dese ano, co oficio de modista como tapadeira para crear unha rede de espionaxe soviética para toda América Latina. O seu matrimonio, á parte de outorgarlle a nacionalidade uruguaia, serviulle para infiltrarse na clase alta do Uruguai e realizar novas amizades que a axudarían máis tarde no seu labor. En 1950, conseguida a nacionalidade, o matrimonio separouse sen Felisberto saber a verdadeira profesión de África.
En 1956, trasladouse a Buenos Aires para actuar como enlace do recentemente designado xefe de espionaxe no Cono Sur, chamado Giovanni Antonio Bertoni, alias Valentino Marchetti, Marko.Carnoli, Saturno. L'avventurosa vita del faentino Giovanni Bertoni, tenente colonnello del KGB Casou con el, o 28 de xullo de 1956 en Montevideo, por orde do KGB, que vía na voda unha boa solución para mellorar e facilitar o traballo de ambos espías. O matrimonio iniciou un negocio de antigüidades, Antucuarat, na zona vella de Montevideo que lle serviu de tapadeira para as actividades clandestinas.
Na súa etapa suramericana realizou numerosas misións, ademais de servir de enlace entre os diferentes espías e a sede central en Moscova. Crese que ela foi quen transmitiu á KGB a información da invasión da Baía de Cochinos.
Últimos anos En 1964, faleceu Valentino dun infarto aínda que hai quen apunta que, posiblemente, África estivese involucrada na súa morte por mor da discrepancia de Valentino coa liña política oficial. Malia que a policía de Montevideo abriu unha investigación e fixo declarar a África, finalmente pechouse sen resultado ningún.
En 1967 regresou á URSS. Realizou tres novas misións no estranxeiro ata que en 1971 se lle encomendou a instrución de novos axentes na Lubianka, sede central do KGB, principalmente para operacións en países de fala hispanaValentino comezou a criticar o PCUS, e crese que foi envelenado por ela tras recibir unha orde do KGB.Dúas destas misións realizáronse de novo en Uruguai. e esa foi a súa nova misión nos próximos anos até que, en 1985, tres anos antes da súa morte, retirouse oficialmente do KGB.
Faleceu en Moscova o 8 de marzo de 1988 por problemas cardíacos. Foi enterrada con honras militares no cemiterio Jovánskoie de Moscova. Na súa lápida figura a palabra Patria en castelán xunto co texto "Coronel África de las Heras, 1909-1988" en ruso.Tumba de África de las Heras no cemiterio Jovánskoie de Moscú A diferenza doutros espías occidentais que traballaron para os soviéticos, nunca foi descuberta.
Condecoracións Polo seu traballo para o KGB acadou o grao de coronel, sendo responsable entre a Segunda guerra mundial e os anos 70 da poltica da axencia para Europa e América Latina. Pola súa obra recibiu unha ducia de condecoracións, sendo a persoa, non rusa, máis condecorada pola URSS, entre as que destacan:
Pola súa participación activa na guerra e no movemento guerrilleiro, foi galardoada coa Orde da Estrela Vermella: Medalla ao Valor e Medalla ao Partisán da Guerra Patriótica de 1º grao. Polos resultados obtidos no seu traballo encuberto e pola iniciativa e constancia amosadas, foi galardoada coa segunda Orde da Estrela Vermella e a segunda Medalla ao Valor. En marzo de 1976, por Decreto do Presidium do Soviet Supremo da URSS, recibiu a Orde de Lenin por servizos especiais. En maio de 1985 foi condecorada coa Orde da Guerra Patriótica de 2º grao. En 1987, recibiu o título de "Colaboradora Honoraria del Comité para la Seguridad del Estado" a título póstumo.
Na cultura popular
En 2008, Javier Juaŕez escribiu Patria: Una espía española en el KGB, unha obra na que reconstrúe a súa biografía. En 2006 o escritor uruguaio Raúl Vallarino, publicou a novela Mi nombre es Patria, na que novela a figura de África de las Heras. En España, foi publicada en 2008. En 2021, estreouse un documental na televisión uruguaia titulado Nuestra África en América Latina, unha coprodución entre Uruguai e Rusia no que se narran as vicisitudes de África por toda América Latina. En 2022, Reyes Monforte presentou a novela "La violinista roja" sobre a vida de África de las Heras.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
El asesinato de Trotski fue 'obra' de una española: la historia de África de las HerasVideo en YouTube Mujeres con Historia: África de las Heras, la espía española más condecorada por la URSS, video-reportaxe de Silvia Casasola en Onda Cero.
Categoría:Nados en 1909 Categoría:Nados en Ceuta Categoría:Finados en 1988 Categoría:Historia da Unión Soviética Categoría:Espías Categoría:Orde de Lenin Categoría:Comunistas de España