Vicente Otero Pérez, coñecido como Terito, nado en Deiro (Vilanova de Arousa) en 1918 e finado o 20 de xaneiro de 1995, foi un empresario e contrabandista galego.La Voz de Galicia. 21-1-1995. p. 21.

Traxectoria Fillo de Eleuterio Otero (de onde procede o seu alcume, Terito), que atendía unha tenda de ultramarinos e panadería en Deiro. Dedicouse ao estraperlo durante a ditadura franquista grazas ás relacións con Nicolás Franco na etapa en que era embaixador de España en Lisboa, e amasou unha fortuna. Posteriormente dedicouse ao contrabando ademais de ser dono de varios negocios: era propietario dunha empresa de transporte de líquidos, accionista dunha firma de augas minerais e socio, con José Ramón Barral, dun concesionario de automóbiles.

Foi directivo do Real Club Celta de Vigo, desde decembro de 1958 nunha comisión xestora presidida por Antonio Crusat Pardiñas, e entre xuño de 1959 e xuño de 1962 como vicetesoureiro na directiva presidida polo tamén contrabandista Celso Lorenzo Villa (1997): R.C. Celta 1923-1998. 75 años de historia. Faro de Vigo. Páx. 356..

Foi un destacado militante de Alianza Popular, da que recibiu a insignia de ouro e diamantes. Semanas antes da redada da Operación Nécora acudiu como compromisario ao congreso provincial de AP na Toxa. Estaba incluído na relación de persoas a deter na redada do 12 de xuño de 1990, pero casualmente non o atoparon na casa. Despois de varias semanas en paradeiro descoñecido, entregouse ao xuíz e foi posto en liberdade sen cargos. Cando volveu a Cambados recibiu unha homenaxe popular. Morreu con 76 anos de idade, a causa dun cancro.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Nados en Vilanova de Arousa Categoría:Nados en 1918 Categoría:Finados en 1995 Categoría:Finados por cancro Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Contrabandistas de Galicia