Antonio María de Castro e Neira, nado en Mondoñedo o 6 de outubro de 1771 e finado na mesma cidade o 10 de outubro de 1826, foi un relixioso e escritor galego.
Traxectoria Estudou nos seminarios de Mondoñedo e Santiago de Compostela e en 1810 foi nomeado párroco de San Pedro de Argomoso.
Da súa produción literaria en latín destaca a Oda a la muerte de Luís XVI e Phisica Tentamina (1798). En castelán escribiu En elogio de don Andrés Gacio, amais de moitos poemas escritos para ser cantados nas festividades relixiosas.
Consérvanse del varios vilancicos en galego e atribúenselle outros anónimos que seguen a tradición das composicións galegas do Nadal compostelán. Estes vilancicos foron cantados na catedral de Mondoñedo (consérvanse os manuscritos no arquivo catedralicio) con música do mestre de capela don Xosé Pacheco. O máis coñecido titúlase Noite boa e foi publicado varias veces. Alén de Noite boa (Brinquen todos de alegría), escribiu unha Alborada (Sudando desde Argomoso), unha Tonadilla (Ende Seivane) e varios Vilancicos (Alegrádevos, pastores, Vinde axiña, compañeiros; Albricia, que nesta noite).
A maioría das composicións están escritas para se cantar por un solista (un galego ou rústico) e coro. A Alborada é unha introdución á muiñeira escrita en coplas populares. As demais son romances. A máis bonita para Carballo Calero (Noite boa) remata así
Segundo Xosé María Álvarez Blázquez “a musa de Castro e Neira é sinxela, labrega e pastoril; gusta de lembrar topónimos e traer á escena os pegoreiros polos seus nomes, segundo inxel recurso que exemplifica amplamente a clásica fórmula castelá e que temos ollado agromar nos anónimos de Lisboa e Coímbra. No tocante ás formas, as preferidas do autor son a cuadra popular e o romance, penta e octosílabo. O léxico é xa moito máis puro, máis escolleito e áxil que o dos autores devanceiros”.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Sacerdotes católicos de Galicia Categoría:Nados en Mondoñedo Categoría:Nados en 1771 Categoría:Finados en 1826 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público