A igrexa de Bunge (sueco: Bunge kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Bunge, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia Escavacións arqueolóxicas realizadas en 1916 e 1971 descubriron que a presente igrexa, principalmente gótica, foi precedeida por outra de estilo románico do século XII. A súa enorme torre é posterior pero pertencía a ese primeiro edificio. A torre está apoiada por un cantraforte e está construída como unha fortaleza con habitacións fortificadas en tres plantas. A nave e o coro construíronse no século XIV nun estilo gótico clásico típico de Gotland; a nave e alta e espazosa, dividida en dúas partes por esveltas columnas; o coro carece de ábsida; e a parte leste da igrexa remata no seu lugar nunha parede recta adornada con tres fiestras alongadas.
A igrexa e o cemiterio están rodeados por un muro que orixinalmente era máis alto e tiña un propósito defensivo. Nel aínda sobreviven catro portas medievais e varias seteiras. O complexo da igrexa evidentemente tivo un rol defensivo xa que hai marcas de picas e frechas de béstas na robusta porta da torre, que aínda se conserva no seu lugar orixinal. Ademais, o interior da igrexa está densamente decorado con frescos que representan, entre outras cousas, a cabaleiros loitando. Os frescos e a muralla da igrexa poden datar do curto período de tempo no que Gotland pertenceu á Orde Teutónica. Isto levou a algúns académicos a especular se a igrexa puido ser durante un tempo propiedade da Orde e converteuse nun Ordensburg a pequena escala.
Arquitectura A igrexa é unha das máis grandes do norte de Gotland. Como se menciona arriba, amosa unha mestura entre estilo románico (torre) e gótico (nave e coro). A igrexa ten un portal sur finamente tallado, rico en esculturas, e un portal norte con detalles románicos, posiblemente tamén incorporado do anterior edificio.
A característica máis distintiva do interior son as ricas pinturas das paredes, con frescos executados por un mestre pintor probablemente de Prusia ou Bohemia. Estes son de finais do século XIV ou principios do século XV e representan distintos temas cristiáns, como o Xuízo Final, a crucifixión de Xesús, algúns apóstolos ou lendas de santos. En canto aos cabaleiros mencionados anteriormente, os académicos teñen diferentes teorías sobre o que representan. Unha di que son Cabaleiros Teutóns, outra afirma que é unha representación da batalla de Visby, mentres que outras cren que son, en relación con outras pinturas, unha representación do tema cristián do martirio da Lexión Tebana. A igrexa conserva unha única vidreira, unha pía bautismal do século XIII e unha rareza: un cepillo de esmolas de pedra asinado con runas por un canteiro: Lafrans fixo esta pedra.
Galería de imaxes
Notas
Bunge