miniatura|Politikon anónimo, cuñado en Constantinopla ca. 1328-1354. Billón. Peso: 0,51 g. Anverso: +POLITIKON, cruz. Reverso: muralla da cidade con catro torres. Politikon (termo grego: πολιτικον) é a denominación xenérica que se lle atribúe a unha serie de moedas bizantinas de billón emitidas a mediados do século XIV, que teñen en común o feito de exhibir como única inscrición a palabra grega: +ΠΟΛΙΤΙΚΟΝ ("da cidade, cívico")."Politikon". En Tipos de monedas bizantinas . www.tesorillo.com

Caracterización A iconografía que caracteriza numerosos exemplares, coa lenda disposta en torno a unha gran cruz ou o busto da Virxe María, segue máis os modelos europeos occidentais que os tradicionais das cuñaxes bizantinas, e a maioría deles non identifican o emperador baixo o quen foron emitidos.Grierson (1982). Páxina 313. No entanto, estas pezas adáptanse ao tipo xeral da moeda tornesa (a partir do diñeiro cuñado en Tours), cun peso de entre 0,6 e 0,8 Gramos, un diámetro de 17 milímetros e un contido de prata de entre 200 e 250 milésimas.

A forma do politikon foi inicialmente cóncava ("scyphate"), coma moitas outras moedas bizantinas, mais as emisións posteriores fixéronse xa sobre discos planos. Aparentemente supoñen a continuación das emisións de torneses bizantinos (coñecidos na área de influencia grega como tournesion) do emperador Andrónico II Paleólogo (1282-1328), cos que compartiría a taxa de 96 unidades por cada hyperpyron de ouro.Hendy (1985). Páxinas 533-536.Grierson (1999). Páxinas 193, 197. Así e todo, hai algunhas excepcións: o Gabinete de Medallas de París exhibe un exemplar de politikon que pesa 1,4 gramos e ten un contido de prata de 785 milésimas, moi superior ao habitual dos torneses, aínda que por baixo do da principal moeda bizantina de prata, o basilikon.Grierson (1999). Páxina 196.

A explicación da expresión +ΠΟΛΙΤΙΚΟΝ como única inscrición destas moedas foi motivo de debate desde hai tempo. Semella que a lenda pode indicar que estas moedas foron emitidas para pagar algunha necesidade pública específica (como o caso das moedas francesas da mesma época coa inscrición BVRGENSIS), aínda que algúns dos primeiros estudosos, comezando polo numismático francés Gustave Schlumberger, defendían que se terían usado como vales para a compra de pan.Grierson (1999). Páxinas 193, 195. Morrisson apunta a posibilidade de que a lenda faga mención á vocación de uso corrente ou popular do politikon (de aí o seu nome), en oposición ao basilikon (βασιλικόν: "moeda do emperador").Morrisson, C.; Bendall, S. "Monnaies de la fin de l'empire byzantin à Dumbarton Oaks : un catalogue de référence". En Revue Numismatique. 2001. 157. Páxina 486.

Datación De xeito extraordinario, algunhas destas pezas amosan o nome de Andrónico III Paleólogo (1328-1341), polo que poden ser datadas con seguridade na década de 1330, entanto que os exemplares anónimos corresponderían á década de 1340 (marcada por unha guerra civil moi destrutiva), e as derradeiras series, emitidas a nome de Xoán V Paleólogo (1341-1376 e 1379-1391), datarían da década de 1350, momento a partir do cal a existencia do politikon foi moi descontinua.

Procedencia Canto ao seu lugar de cuñaxe, a atribución aos obradoiros monetarios de Constantinopla dáse hoxe por segura, aínda que, por mor da súa aparencia occidental, houbo quen suxeriu a procedencia dalgunha ceca instalada na área dos estados francos (Francofracia) do sur de Grecia.Grierson (1999). Páxina 197.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Moeda bizantina Moeda da Antiga Roma Moeda da Antiga Grecia

Bibliografía Grierson, Philip. Byzantine Coins. Methuen. Londres. 1982. ISBN 978-0-416-71360-2 Grierson, Philip. Catalogue of the Byzantine Coins in the Dumbarton Oaks Collection and in the Whittemore Collection: 1258-1453. Vol. 5. Dumbarton Oaks. Washington, 1999. ISBN 978-0-88402-261-9. Hendy, M. Studies in the Byzantine Monetary Economy c.300-1450. Cambridge University Press, 1985. ISBN 0-521-24715-2 Hendy, M. The economy, fiscal administration and coinage of Byzantium. Londres, 1989. ISBN 0860782530 Kazhdan, Alexander Petrovich, ed. The Oxford Dictionary of Byzantium. Oxford University Press, 1991. ISBN 978-0-19-504652-6 Sabatier, Justin. Description générale des monnaies byzantines frappées sous les Empereurs d'Orient. 2 vol. París, 1862

Ligazóns externas

"Politikon". Catálogo con imaxes e descricións en Coin Archives Moedas bizantinas catalogadas por orde cronolóxica de emperadores Moedas bizantinas catalogadas segundo a o bran de Sear: Byzantine Coins & Their Values Digital Library Numis (bibliografía en liña de numismática bizantina)

Categoría:Moedas do Imperio Bizantino Categoría:Moedas da Antiga Grecia Categoría:Moedas fóra de curso Categoría:Moedas de prata