Fóra de si é unha novela de Suso de Toro publicada en 2018 por Edicións Xerais de Galicia.
Trama e estrutura
A obra aparece externamente estruturada en seis partes de diferente extensión (Fracasando, Peregrinando, Benvido, Encontrando, Soñando, Imaxinando) que nos seus títulos aluden ao camiño vital emprendido polo protagonista e que á súa vez están divididas en capítulos.
O neurociruxián Ricardo Marzoa está “fóra de si” por razóns persoais e laborais: séntese humillado profesionalmente, ao non conseguir pertencer á Real Academia de Medicina, nin ser elixido director do hospital e nin sequera poder xubilarse como xefe de planta; no plano persoal o seu matrimonio está morto desde hai moitos anos, non ten case relación coa súa filla e é adicto ao alcool. Nesta situación emprende viaxe á aldea para soterrar as cinzas do seu tío Virxilio e ten un accidente de coche que lle cambiará a vida. Decide rehabilitarse, cumpre as diversas encargas feitas polo seu tío antes de morrer e descobre un novo amor.
Narración Fóra de si é unha novela sen narrador, son as propias personaxes as que van dando conta do progreso da trama.
O eixo central da obra é a conversa do protagonista co seu pai, ou máis ben monólogo, pois este apenas cruza unha ducia de palabras con el cara ao final, na que lle dá conta dos acontecementos deses últimos días e, ao mesmo tempo, aproveita para facer un axuste de contas sobre o seu pasado.
Ademais, sérvese de escenas dialogadas, con outros personaxes e escenarios, para ampliar ou contrastar a interpretación dos feitos que aquel narra.
Espazo O espazo alterna entre a cidade, Santiago de Compostela (República do Salvador, Alfredo Brañas…) onde viviu ata agora e o campo, a aldea onde está a casa familiar que o tío Virxilio lle deixa en herdanza e onde decide iniciar a súa nova vida.
Personaxes O protagonista e voz principal da novela é Ricardo - Ricardito- Marzoa Datorre, neurocirurxián a punto de xubilarse sofre unha crise existencial que o leva a cambiar radicalmente de vida: mantén un diálogo –monológo co seu pai no que lle bota a culpa de todo o seu fracaso persoal ao tempo que se ve como espello del.
Ricardo Marzoa Caamaño, pai, tamén neurocirurxián de maior éxito que o seu fillo, a quen nunca deu cariño desde que era un neno e desprezou por consideralo inferior a el en todo.
O tío Virxilio, o personaxe descoñecido da familia e polo oposto ao seu irmán Ricardo, estivo no Seminario, tamén en Alemaña e foi profesor de grego. Despois de anos sen falar con el aparece no hospital para morrer de cancro e supón o detonante da acción, coa petición de que vaia visitar o pai e a herdanza que lle deixa.
Celeste Beatriz, exótica personaxe brasileira, meiga, compoñedora, vendedora de cánnabis…, é a viúva do caseiro da familia e axudáballe a Virxilio na casa durante os últimos anos, ademais de ser a súa amiga na aldea.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Ficha da editorial Entrevista co autor en Faro da cultura (22 de marzo de 2018). Consultado o 04/06/2018. Entrevista co autor en Biblos . Consultado o 04/06/2018. Recensión de Pedro Feijoo en Vigoé, 28 de febreiro de 2018. Consultado o 04/06/2018.
Categoría:Obras literarias de 2018 Categoría:Novelas en galego Categoría:Obras literarias de Suso de Toro Categoría:Novelas ambientadas en Galicia