O termo relación de derivación (inglés: bypass ratio ou BPR) refírese a unha característica de deseño dos motores de reacción de tipo turboventilador, utilizados normalmente en aviación. Defínese como a relación entre o caudal másico de aire que pasa a través do soprante canalizado e pasa por fóra do núcleo do motor (aire non queimado), con respecto ao caudal másico que pasa polo núcleo do motor para realizar a combustión que produce a enerxía mecánica. Por exemplo, cunha relación de derivación 10:1, por cada 1 kg de aire que pasa a través da cámara de combustión, pasan 10 kg de aire en torno a ela a través do soprante canalizado.

Nun deseño de alto índice de derivación, a gran maioría do pulo provén do soprante canalizado, máis que da expansión dos gases de combustión na tobeira. Unha alta relación de derivación ofrece un menor consumo de combustible (en gramos/sec por kN de pulo), especialmente a velocidade cero (en engalaxes) e á velocidade de cruceiro da maioría dos avións de reacción comerciais. Este é con diferenza o tipo de motor dominante en todos os avións de reacción de pasaxeiros e de transporte tanto civil como militar. A súa menor velocidade nos gases de saída tamén fai que sexa menor a produción de ruído, unha gran vantaxe con respecto aos deseños de pouca ou nula relación de derivación.

Os deseños con baixo índice de derivación tenden a ser usados nos avións militares de combate pola súa boa relación entre economía en consumo de combustible e requirimentos en combate, onde se valora unha alta relación potencia a peso, bo rendemento a velocidade supersónica, e a capacidade para usar postqueimadores, máis compatibles con motores de baixa relación de derivación. Un bo exemplo das diferenzas entre un motor de reacción puro e un turboventilador de baixo índice de derivación pode verse co uso do turbofan Rolls-Royce Spey no avión de combate F-4 Phantom II, avión equipado orixinalmente con turborractores.

Notas

Categoría:Motores de aviación