John Davison Rockefeller, nado en Richford (Nova York) o 8 de xullo de 1839 e finado en Nova York o 23 de maio de 1937, foi un empresario e investidor industrial, que traballou no mundo da industria petroleira, chegando ao punto de monopolizala. Foi o fundador e presidente da Standard Oil, unha xigantesca compañía que chegou a controlar a extracción, refinamento, transporte e distribución de máis do 90 % do petróleo dos Estados Unidos e sostivo monopolios enteiros (en forma de investimentos) en múltiples países estranxeiros. Durante un período de máis de corenta anos, Rockefeller consolidou a Standard Oil como a compañía petroleira máis grande do mundo, revolucionando a industria en todos os seus niveis e demostrando unha extraordinaria e implacable capacidade competitiva. Por outra banda, Rockefeller dedicou gran parte da súa fortuna e recursos a numerosas doazóns, fundacións e programas, sendo o fundador da Universidade de Chicago, unha das universidades máis prestixiosas do mundo, berce de 87 premios Nobel, así como tamén da Universidade Rockefeller en Nova York, ademais de impulsar numerosas áreas da educación, a ciencia e a medicina.Fosdick, Raymonde Blaine (1989). The story of the Rockefeller Foundation. Transaction Publishers.ISBN 0-88738-248-7.
Os seus logros empresariais son tan magníficos coma controvertidos, pois mediante astucia, enxeño, dedicación e poucos escrúpulos, ascendeu no mundo empresarial, levantou un extenso imperio que se estendeu ata tal punto que ningunha outra empresa na historia logrou acadar. Sinalado polas súas prácticas monopolistas, foi denunciado por xornalistas e investigadores, e finalmente o goberno dos Estados Unidos tivo que enfrontarse a el, logrando levalo ante os tribunais e conseguindo tras anos enteiros de litixios que se ditase a separación da xigantesca petroleira de Rockefeller, separación que tardou moito tempo en materializarse despois de ditada.
Rockefeller é o único caso visto dun home que chegou a construír un monopolio puro, que lle custou ao mesmo goberno disolver e que de feito marcou en profundidade o desenvolvemento da industria petroleira a nivel mundial.
Está considerado como o home máis adiñeirado da historia e é o fundador da mítica familia de millonarios que aínda persiste co seu mesmo apelido e poder así como a extensión da súa riqueza foron extremas non só sobre os Estados Unidos senón sobre outros lugares, como Europa e Latinoamérica; de feito, a súa familia continuou a controlar o 90 % da industria petrolífera nesta última rexión durante máis de seis décadas despois do seu falecemento.
Traxectoria Infancia John Davison Rockefeller naceu en Richford, nunha familia de clase media descendente de inmigrantes alemáns chegados aos Estados Unidos en 1799, á súa vez descendentes de franceses hugonotes que se trasladaron a Alemaña no século XVII. A súa nai, Eliza, era unha muller moi organizada e dedicada a atender a súa familia, mentres que o seu pai, William Avery Rockefeller, non foi modelo de fidelidade conxugal nin exemplo para os seus seis fillos. Afastado do seo familiar durante longos períodos, cando volvía os seus petos polo xeral estaban cheos de diñeiro e incriblemente volvía cargado de regalos para a súa muller e os seus fillos. Moito máis tarde, John descubriu que o seu pai non era máis ca un impostor, que visitaba as reservas indíxenas vendendo aos seus moradores toda clase de obxectos e posteriormente foi moito máis rendible a venda de produtos farmacéuticos, que vendía como panacea para o cancro.
Da súa nai Eliza herdou non só o físico, senón tamén a estrita moral calvinista, ademais de moitos dos principios básicos da súa vida, entre eles a orde e a dedicación.
John Davison demostrou ser dende moi novo intelixente e aplicado. Mudouse coa súa familia a Ohio, Cleveland, onde o seu pai conseguira unha mellor oportunidade de traballo. Alí estudou en varios colexios públicos.
Xa dende moi novo Rockefeller mostraba grande interese polos negocios. De feito, recollía pedras para pintalas e logo vendelas aos seus compañeiros, dos que depositaba os seus pagos nun frasco azul, que el mesmo denominou máis tarde como a súa primeira «caixa forte», e que gardaba celosamente no seu cuarto, logrando reunir a pequena fortuna de 50 dólares, que para a época representaba unha suma de diñeiro considerable. Rockefeller alegou que foi entón cando puido aprender unha das leccións máis valiosas da súa vida, cando un día un amigo do seu pai foi á súa casa a pedirlle un préstamo para saldar un par de débedas que estaban a punto de vencer. O seu pai non tiña os cartos, mais el si, e acordou emprestarllo cun interese do 7 %. Rockefeller sorprendeuse posteriormente cando, despois dun ano, recibiu unha suma monetaria moi superior á que dera orixinalmente. Por iso fixou a máxima da súa vida:
A partir de aí, todas as súas ganancias foron estritamente contabilizadas nun caderno que el chamaba «o rexistro A» e comezou a fundamentar a mentalidade que o levou a triunfar anos máis tarde.
Inicio da carreira miniatura|180px|Rockefeller aos 18 anos O seu gusto polos negocios estimulouno aínda máis a escola comercial de Cleveland, de onde saíu aos 16 anos. Ese mesmo ano obtivo o seu primeiro emprego nunha empresa de corretores e comerciantes en grans, onde traballou con xeral beneplácito sen fixarse nos horarios, perdido no mar de cifras que tanto o apaixonaba. Pola noite, na cama, repasaba mentalmente as operacións financeiras do día, tratando de descubrir en que puidera obter mellores ganancias.
Con 16 anos, John Davison Rockefeller xa era contador en Cleveland e mostraba gran competencia nesta rama, traballando para a firma Hewit and Tuttl e outras empresas, chegando ao punto de que, ao terceiro ano en devandito sector, xa gañaba a considerable suma de 600 dólares anuais, mais cando lle negaron un aumento de 200 dólares, decidiu instalar un negocio por conta propia. Tiña aforrados 800 dólares, pero aínda lle faltaban outros 1000 para crear a súa primeira firma de corretaxe. O seu pai adiantoullos cun interese anual do 10 %, ata que alcanzase a maioría de idade. Así fundou, co seu socio M. B. Clark, a firma Clark & Rockefeller, que obtivo, no primeiro ano, beneficios por 4000 dólares e no segundo cuadruplicou a suma.
Entón comezou a investir no sector cafeteiro, o que aumentou aínda máis os seus ingresos. Porén, a pesar da gran cantidade de diñeiro que ganaba, Rockefeller non se sentía satisfeito, pois desexaba chegar moito máis lonxe e estaba decidido a logralo.
O imperio de Rockefeller A desconformidade de Rockefeller respecto aos seus logros e á produción da súa empresa, así como a súa percepción de que a industria petroleira lle ofrecería máis oportunidades, inducírono a entrar no sector industrial, na produción petroleira. John Davison Rockefeller era agora un mozo adiñeirado e entusiasta do sector petroleiro, mais ningunha persoa naquel mundo imaxinaba que a ambición e intelixencia deste mozo o levarían a crear o maior monopolio de todos os tempos sobre aquela importante industria.
Forza e sentido da oportunidade left|miniatura|250px|Clevelande en 1857 Dende os anos 1850, Cleveland experimentara un acelerado crecemento, especialmente nos sectores industriais, dando como resultado que, contra 1861, convertérase nunha das cidades máis modernas e produtivas dos Estados Unidos, ademais de ser unha das principais sedes industriais. En medio deste ambiente, Rockefeller apreciou de preto o crecemento paulatino que a industria petroleira comezaba a experimentar e foi o bastante brillante como para entender que ese combustible pronto se convertería na fonte de enerxía do mundo.
En 1862, cos aforros e ganancias da súa firma cafeteira, pasou a ser socio da Clark & Andrews, que comezou instalando as súas refinerías, e en cuestión de moi pouco tempo comezou a adquirir outras en Cleveland, actividade que continuou ata apropiarse de forma definitiva de gran parte das da cidade.
O inicio da guerra civil en 1861 foi a clave da súa fortuna. Dous anos antes, coa perforación do primeiro pozo de petróleo, comprendeu que podía gañar máis co seu transporte e refinamento que coa explotación. Cando a compañía ferroviaria do Atlántico e o Oeste estendeu a súa liña ata Cleveland en 1863, poñendo esta cidade en contacto directo con Nova York a través da rexión do petróleo, soubo que chegara o momento. Tiña 23 anos e investiu 4000 dólares como socio comanditario na nova firma Clark, Andrews & Co. as refinerías xurdían como fungos en Cleveland e o seu entusiasmo polo ouro negro fíxoo abandonar o comercio de grans. Ao negarse o seu socio Clark a expandir a firma (atemorizáballe o pasivo de 100 000 dólares), decidiron vender a empresa nunha poxa. O 2 de febreiro de 1865, a compañía saíu á venda e as apostas subiron rapidamente. Clark, decidido a quedar coa firma, ofreceu 72 000 dólares. Rockefeller, imperturbable, retrucou con 72 500 dólares e quedou coa compañía. O negocio, que a partir de aí se chamou Rockefeller & Andrews, era a maior refinaría de Cleveland, cunha capacidade de 500 barrís por día e ganancias dun millón de dólares por ano, que se duplicaron o ano seguinte.
Nesa época dicíase que John Davison Rockefeller só tiña que mostrar aos seus competidores a súa carteira de investimentos e propiedades, para que estes decidisen venderlle ou negociar con el. No caso contrario podían estar seguros de que Rockefeller se encargaría de levalos á bancarrota. Despois de todo, deixaba moi clara a súa visión coa frase:
Rockefeller amosaba a súa mentalidade de home de negocios depredador, buscando a expansión das súas empresas, o aumento dos seus investimentos e a eliminación progresiva da competencia a toda costa. A partir de entón, fixo moitas manobras que reflectían a súa visión e en máis dunha ocasión demostrou a súa efectividade á hora de sobreporse aos demais.
A conquista de Clevelande e a expansión nacional miniatura|250px|Rockefeller en 1875 O seu seguinte paso foi negociar co ferrocarril tarifas preferentes, e ese desconto foi unha arma esencial para fundar en 1870 unha nova sociedade, con 1 millón de dólares de capital: a Standard Oil, que absorbeu a empresa Rockefeller & Andrews. Debido a que a Standard Oil fora creada por Rockefeller, o seu irmán William e varias persoas máis, Rockefeller pasou a liderar a compañía.
Agora John Davison Rockefeller controlaba unha ampla rede de refinerías. Ademais, como el mesmo determinara que o negocio do petróleo podía xerar ganancias dende máis dun enfoque, levou a compañía a desenvolver sistemas de extracción e transporte do cru, controlando así todos os aspectos da produción petroleira.
En 1870 a Standard Oil era unha das maiores refinerías do centro dos Estados Unidos e xa en 1872, xunto con dous dos máis importantes refinadores de Pittsburg e Filadelfia, puideron manexar como querían as tarifas cos ferrocarrís. A Standard Oil refinaba un cuarto de toda a produción de petróleo do país, e eliminando paso a paso a competencia, converteuse nun poderoso monopolio que refinaba o 95 % da capacidade total do país. O seu equipo directivo estaba formado por un conxunto dos máis capaces financeiros do país. Todos eran millonarios. Para Rockefeller, a escolla do persoal sempre fora un ingrediente importantísimo; escollía os máis capaces e entusiastas.