Os anfiesmenópteros (Amphiesmenoptera) constitúen un grupo de insectos clasificado xeralmente como superorde, establecido por S. G. Kiriakoff, pero a miúdo atribuído a Willi Hennig na súa revisión da taxonomía dos insectos, para dúas ordes irmás: Lepidoptera (bolboretas e avelaíñas) e Trichoptera. En 2017, engadiuse ao grupo unha terceira orde fósil, os Tarachoptera.

Os Trichoptera e Lepidoptera comparten varios caracteres derivados (sinapomorfias) que demostran a súa descendencia común, que son: As femias, en vez dos machos, son heterogaméticas (é dicir, os seus cromosomas sexuais son diferentes). Presentan densos pelos ou sedas nas ás (modificados en escamas nos Lepidoptera). Teñen un particular padrón de venación nas ás anteriores (as veas anais de dobre bucle). As larvas teñen estruturas bucais e glándulas para producir e manipular seda.

Así estas dúas ordes existentes son irmás, sendo os Tarachoptera basais a ambos os grupos. Amphiesmenoptera probablemente evolcionou no Xurásico. Os Lepidoptera difiren dos Trichoptera en varias características, incluíndo a venación das ás, formación de escamas nas ás, perda dos cercos, perda dun ocelo, e cambios nas patas.

Pénsase que Amphiesmenoptera é un grupo irmán de Antliophora, unha superorde proposta que comprende os Diptera (moscas), Siphonaptera (pulgas) e Mecoptera (moscas escorpión). En conxunto, Amphiesmenoptera e Antliophora compoñen o grupo Mecopterida.

Notas

Categoría:Insectos