Orest Ivaniuk (en ), nado como Onufrii Ivanovych Ivaniuk (en ) o 12 de xuño de 1900 en Bahna (Bucovina, hoxe Ucraína) e finado o 14 de abril de 1981 en Nova York, foi un bispo da Igrexa ortodoxa autocéfala ucraína na diáspora.
Traxectoria Onufrii Ivaniuk naceu o 12 de xuño de 1900 nunha familia de labregos de Bahna, en Bucovina. Recibiu a súa educación inicial en Vyzhnytsia, e posteriormente rematou a súa educación secundaria en Chernivtsi en 1920. Entre 1920 e 1926 estudou Teoloxía e Filosofía na Universidade de Chernivtsi, e posteriormente casou con Nataliia Dariichuk, filla dun sacerdote. O 26 de decembro de 1926 foi ordenado sacerdote para a Igrexa ortodoxa romanesa na catedral da Santa Trindade de Chernivtsi polo bispo de Rădăuți Ipolit Vorobchievici, e exerceu o seu ministerio en varias parroquias de Bucovina, participando activamente na vida social e cultural. Pola súa dilixencia e traballo pastoral recibiu en decembro de 1928 dúas cartas do metropolita Nectarie Cotlarciuc.
Cando en 1940 os soviéticos ocuparon a Bucovina setentrional, Ivaniuk trasladouse á rexión de Chełm, exercendo o seu ministerio en varias parroquias ortodoxas ucraínas baixo a xurisdición de Ilarion Ohiienko, da Igrexa ortodoxa polaca. En 1943 trasladouse a Alemaña, exercendo o seu ministerio nos campos de refuxiados, e en 1948 trasladouse ao Canadá, uníndose á Igrexa ortodoxa ucraína do Canadá; a súa muller non emigrou con el, e finou en Romanía en 1950. Ivaniuk viviu en Ottawa, servindo nas parroquias do Canadá oriental. No Canadá continuou a súa educación cunha mestría en Historia pola Universidade de Ottawa.
En 1952 trasladouse aos Estados Unidos de América, encargándose das parroquias ucraínas na xurisdición do metropolita Ioann Teodorovych. En 1965 entrou na vida monástica, tomando o nome de Orest, e recibindo o título de arquimandrita. O 13 de setembro de 1969 por decisión do Consello extraordinario da igrexa ortodoxa ucraína na diáspora foi elixido bispo para servir en Austria, Bélxica, Alemaña occidental e Francia. O 28 de setembro do mesmo ano foi consagrado bispo en Derby (Inglaterra), co título de Lviv-Chernivtsi, polo metropolita Mstislav Skrypnyk e polo arcebispo Donat Burtan, quen dirixía as parroquias ucraínas de Australia.
O 30 de setembro trasladouse a Alemaña, estabelecéndose inicialmente en Karlsruhe, e posteriormente en Múnic. O 7 de marzo de 1973 foi nomeado bispo da eparquía de Europa occidental. O 1 de xaneiro de 1975 foi elevado ao rango de arcebispo. Permaneceu no cargo até o seu pasamento o 14 de abril de 1981 en Nova York, onde se trasladara para descansar e recibir tratamento. As súas exequias foron celebradas polo propio Mstislav Skrypnyk, e polo bispo belaruso Iziaslaŭ Brucki.
Está enterrado no cemiterio de St. Andrew, en South Bound Brook (Nova Jersey).
Notas
Categoría:Nados en 1900 Categoría:Nados na rexión de Chernivtsi Categoría:Finados en 1981 Categoría:Sacerdotes da Igrexa ortodoxa romanesa Categoría:Sacerdotes da Igrexa ortodoxa autocéfala polaca Categoría:Bispos da Igrexa ortodoxa autocéfala ucraína Categoría:Bispos ortodoxos de Ucraína Categoría:Bispos ortodoxos de Alemaña Categoría:Bispos ortodoxos de Austria Categoría:Bispos ortodoxos de Bélxica Categoría:Bispos ortodoxos de Francia Categoría:Monxes ortodoxos