O IAR 330 é a versión de fabricación romanesa do helicóptero Aérospatiale SA 330 Puma, fabricado por IAR Brașov. 24 helicópteros foron mellorados ao IAR 330 SOCAT en cooperación con Elbit Systems de Israel.
Deseño e desenvolvemento
Produción A pesar de ser un membro do COMECON e do Pacto de Varsovia, Romanía esforzouse por conseguir un certo grao de independencia da Unión Soviética. En vez de mercar populares deseños soviéticos, Romanía mercou a licenza para fabricar o Aérospatiale SA 330 Puma francés o 30 de xullo de 1974. O primeiro helicóptero construído baixo licenza voou o 22 de outubro de 1975 coa designación IAR-330L.
Polo menos construíronse 163 destes helicópteros, dos cales 104 foron parar ás forzas armadas romanesas, 2 quedaron para o fabricante e 57 foron para o mercado de exportación (Paquistán, Costa do Marfil, Emiratos Árabes Unidos, Sudán, Ecuador). Tamén hai unha versión de busca e rescate (SAR), equipada con flotadores inchables para aterraxes de emerxencia no mar, que foi fabricada en pequenas cantidades. O aparello segue fabricándose na planta de Industria Aeronautică Română en Ghimbav, preto de Brașov.
Versión SOCAT Nos anos 90 as Forza Aérea de Romanía decidiu mellorar as capacidades de combate do IAR 330L, converténdoo nun helicóptero anticarro e de apoio universal. Nesa época Romanía comezou a cooperar con Israel nalgúns programas militares. A compañía israelí Elbit Systems foi escollida e en setembro de 1995 a Forza Aérea asinou un contrato para actualizar 24 helicópteros co sistema SOCAT (Sistem Optronic de Cercetare și Anti-Tanc). O primeiro IAR 330L SOCAT fixo o seu voo de estrea o 26 de maio de 1968 no aeródromo de IAR en Ghimbav. O 23 de outubro de 1999 voou o segundo prototipo. O primeiro aparello foi entregado a unha unidade de combate no ano 2001. En total fabricáronse 25 SOCAT, incluído o prototipo, reconstruído ao estándar de produción en 2005.
O IAR 330M NATO é unha versión de transporte modernizada coa aviónica SOCAT, pero sen armas e sistemas optrónicos. Tamén ten un radar meteorolóxico. Doce IAR 330L foron modernizados ao estándar 330M entre 2005 e 2008.
Versión naval O primeiro helicóptero IAR 330 NAVAL desvelouse oficialmente en Ghimbav o 30 de xaneiro de 2007. As Forzas Navais de Romanía pediron tres unidades desta variante. O helicóptero ten unha configuración semellante ao da Forza Aérea, incluído o paquete de actualización SOCAT; os aparellos das Forzas Navais tamén teñen sistemas de flotación instalados baixo os carenados do tren de aterraxe. Son operados dende fragatas para misións de busca e rescate, evacuación médica e vixilancia marítima.
Notas
Categoría:Helicópteros Categoría:Aeronaves de IAR Categoría:Aeronaves co primeiro voo en 1975