O AgustaWestland AW149 é un helicóptero militar medio desenvolvido por AgustaWestland (no presente Leonardo). O 20 de xuño de 2011 AgustaWestland anunciou o AW189, unha versión civil do AW149, para a súa entrada en servizo en 2013.

Deseño e desenvolvemento O AW149 foi desvelado no Farnborough Air Show de 2006. Derivado do AW139, o AW149 ten unha fuselaxe máis longa e motores máis potentes, conseguindo un maior volume de carga. O 13 de novembro de 2009 o primeiro prototipo realizou o seu voo de estrea nas instalacións de AgustaWestland en Vergiate, no norte de Italia. O 26 de febreiro de 2011 o segundo prototipo, o primeiro aparello cos motores de produción, voou por primeira vez en Vergiate.

AgustaWestland presentou unha versión do AW149, designada TUHP149, como candidata ao Programa de Helicóptero Utilitario Turco para as forzas armadas de Turquía. O programa buscaba un lote inicial de 109 helicóperos valorados en 4 000 millóns de dólares, e as futuras ordes podían chegar finalmente aos 300 aparellos. O 21 de abril de 2011 o Ministerio de Defensa turco anunciou que o Sikorsky S-70i Black Hawk fora seleccionado como gañador.

A certificación militar para o AW149 foi anunciada por Finmeccanica no Farnborough Air Show de 2014. O tren de aterraxe pode aguantar co aparello tocando o chan a unha velocidade de caída de 9,5 m/s, comparado cos 2 m/s para un helicóptero civil. O AW149 está sendo comercializado como unha alternativa á familia do Sikorsky UH-60 Black Hawk. Tailandia pediu 5 unidades do AW149 e é o seu primeiro cliente de exportación. A Forza Aérea de Italia considerouno como helicóptero de busca e rescate pero finalmente elixiu o máis lixeiro AW139M.

Notas

Categoría:Helicópteros Categoría:Aeronaves de AgustaWestland Categoría:Aeronaves co primeiro voo en 2009