O factor de crecemento de fibroblastos básico (bFGF), tamén chamado FGF2 ou FGF-β, é un factor de crecemento e proteína de sinalización codificada polo xene FGF2 do cromosoma 4 humano. Sintetízase inicialmente como un polipéptido de 155 aminoácidos, que orixina unha proteína de 18 kDa. Porén, hai catro codóns de inicio alternativos que orixinan extensións N-terminais de 41, 46, 55 ou 133 aminoácidos, orixinando proteínas, respectivamente, de 22 kDa (196 aminoácidos en total), 22,5 kDa (201 aminoácidos en total), 24 kDa (210 aminoácidos en total) e 34 kDa (288 aminoácidos en total). Xeralmente, a forma de 155 aminoácidos/18 kDa de baixo peso molecular (LMW) considérase citoplásmica e pode ser segregada da célula, mentres que as formas de alto peso molecular (HMW) son dirixidas ao núcleo celular.
A proteína factor de crecemento de fibroblastos foi purificada primeiramente en 1975, pero pouco despois illáronse outras similares utilizando diferentes condicións, como o FGF básico, o factor de crecemento que se une á heparina 2 e o factor de crecemento de célula endotelial 2. A secuenciación xénica revelou que FGF2 era un membro da familia de FGF de proteínas. O FGF2 únese e exerce efectos por medio de proteínas específicas receptor do factor de crecemento de fibroblastos (FGFR) que constitúen unha familia de moléculas estreitamente relacionadas.
Función
Como outros membros da familia FGF, o factor de crecemento de fibroblastos básico posúe amplas actividades mitoxénicas e de supervivencia celular e está implicado en diversos procesos biolóxicos, como o desenvolvemento embrionario, crecemento celular, morfoxénese, reparación de tecidos, crecemento e invasión tumoral.
No tecido normal, o bFGF está presente nas membranas basais e na matriz extracelular subendotelial dos vasos sanguíneos. Permanece unido á membrana plasmática se non hai péptido sinal.
Hipotetizouse que, durante a curación de feridas en tecido normal e o desenvolvemento de tumores, a acción dos encimas que degradan o heparán sulfato activan o bFGF, mediando así a formación de novos vasos sanguíneos, un proceso coñecido como anxioxénese.
Ademais, é sintetizado e segregado polos adipocitos humanos e a concentración de FGF2 correlaciónase co IMC en mostras sanguíneas. Tamén actúa sobre os preosteoblastos, incrementando a proliferación celular, despois de unirse ao receptor do factor de crecemento de fibroblastos 1 e activando a fosfoinosítido 3-quinase.
O FGF2 demostrou en estudos preliminares en animais protexer o corazón de danos asociados cos ataques ao corazón, reducindo a morte tisular e promovendo unha mellora da función despois da reperfusión.
Evidencias recentes indican que baixos niveis de FGF2 xogan un papel clave na incidencia da ansiedade excesiva.
Adicionalmente, o FGF2 é un compoñente crítico do medio de cultivo de células nai embrionarias humanas; o factor de crecemento é necesario para que as células permanezan nun estado indiferenciado, aínda que os mecanismos polos cales o fan non están ben definidos. Demostrouse que induce a expresión de gremlina, a cal á súa vez inhibe a indución da diferenciación por proteínas morfoxenéticas óseas. É necesario nos sistemas de cultivo dependentes de células nutricias de rato (fibrobalstos embrionarios de rato que se engaden ao cultivo), así como en sistemas de cultivo libres de soro e células nutricias. O FGF2, xunto coa BMP4, promove a diferenciación de células nai orixinando liñaxes celulares mesodérmicas. Despois da diferenciación, as células tratadas con BMP4 e FGF2 xeralmente producen unha maior diferenciación osteoxénica e condroxénica que as células nai non tratadas. Porén, unha baixa concentración de bFGF (10 ng/mL) pode exercer un efecto inhibitorio sobre a diferenciación dos osteoblastos.
Interaccións
O factor de crecemento de fibroblastos presenta interaccións coa caseína quinase 2, alfa 1, a RPL6 e a proteína ribosómica S19.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Factor de crecemento de fibroblastos Factor de crecemento de fibroblastos ácido
Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Factores de crecemento