O factor de crecemento de fibroblastos ácido (aFGF), tamén chamado FGF1 ou FGF-α é un factor de crecemento e proteína de sinalización codificado polo xene FGF1 do cromosoma 5 humano. É sintetizado como un polipéptido de 155 aminoácidos, cuxa forma madura é unha proteína non glicosilada de 17-18 kDa. A proteína factor de crecemento de fibroblastos foi purificada primeiramente en 1975, pero pouco despois, usando diferentes condicións, illáronse o FGF ácido, o factor de crecemento de heparina 1 e o factor de crecemento endotelial-1. A secuenciación dos xenes revelou que o FGF1 era un membro da familia de FGF de proteínas.
O FGF1 non ten unha secuencia sinal clara, polo que non é segregada a través das vías clásicas, pero non parece formar un dímero ligado por ponte disulfuro dentro das células, que se asocia cun complexo de proteínas na membrana plasmática (incluíndo S100A13 e Syt1) que despois axudan a pasala a través da membrana ata o exterior da célula. Unha vez que está nas condicións redutoras dos tecidos circundantes, o dímero disóciase formando o FGF1 monómero que pode entrar na circulación sistémica ou ser secuestrado nos tecidos uníndose a proteoglicanos de heparán sulfato da matriz extracelular. O FGF1 pode despois unirse e exercer os seus efectos por medio de proteínas específicas receptoras do factor de crecemento de fibroblastos (FGFR), as cales constitúen unha familia de moléculas estreitamente relacionadas.
Ademais da súa actividade extracelular, o FGF1 pode tamén funcionar intracelularmente. A proteína ten unha secuencia de localización nuclear (NLS), pero a ruta que segue o FGF1 para chegar ao núcleo non está clara e parece que cómpre que se una a algún tipo de receptor da superficie celular, seguido da súa internalización e translocación ao núcleo, onde pode interaccionar con isoformas nucleares de FGFR. Isto é diferente do que ocorre co FGF2, que tamén pode activar os FGFR nucleares, pero que ten variantes de empalme da proteína que nunca abandonan a célula e van directamente ao núcleo.
Función
Os membros da familia do FGF posúen amplas actividades mitoxénicas e de supervivencia celular e están implicados en diversos procesos biolóxicos, como o desenvolvemento embrionario, crecemento celular, morfoxénese, reparación de tecidos e o crecemento e invasión tumorais. Esta proteína funciona como un modificador da migración e proliferación de células endoteliais, así como un factor anxioxénico. Actúa como mitóxeno para diversas células derivadas do mesoderma e neuroectoderma in vitro, así se pensa que está implicado na organoxénese. Describíronse tres variantes de empalme alternativo que codifican diferentes isoformas.
O FGF1 é multifuncional e ten moitos efectos. Como exemplo, en ratos con diabetes inducida pola dieta, que é un equivalente experimental da diabetes de tipo 2 humana, unha soa inxección da proteína FGF1 é dabondo para restablecer os niveis de azucre do sangue ata uns valores saudables durante máis de dous días.
Interaccións
O FGF1 presenta interaccións con: CSNK2A2 CSNK2B CSNK2A1 FIBP FGFR1 FGFR2 FGFR3 FGFR4 HSPA9 S100A13 e Sinaptotagmina 1 (SYT1)
Notas
Véxase tamén Outros artigos Factor de crecemento de fibroblastos Factor de crecemento de fibroblastos básico
Bibliografía
Categoría:Factores de crecemento