miniatura|300px|Maruja Vázquez Suárez coas súas alumnas, posiblemente na Pobra do Caramiñal. A depuración do maxisterio durante o franquismo foi un proceso de sanción a profesionais da docencia, por razóns ideolóxicas, que tivo lugar en España tras o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. Trata das sancións levadas a termo polo bando sublevado, dirixido polo xeneral Franco. O proceso de depuración iniciouse practicamente o 18 de xullo, ao comezo da Guerra Civil, mais non foi legalmente estabelecido até a publicación do Decreto do 8 de novembro de 1936. Neste decreto o proceso de depuración toma corpo legal, e nel séntanse as bases e os principios da depuración.

A depuración afectou a todo o profesorado, desde o ensino público ao privado, incluíndo tamén o relixioso, desde a primaria até a universidade, e por suposto ás escolas normais.Salomó Marquès "Ensenyament republicà vs ensenyament franquista: la repressió del magisteri" Associació per a la recuperació de la memòria històrica de Catalunya . As bibliotecas públicas e privadas tamén sufriron o proceso de depuración, para o que se constituíron comisións depuradoras específicas. Tamén se produciu depuración cos libros de texto escolares, e periodicamente os distintos boletíns provinciais facían pública a relación de libros de texto autorizados polas autoridades educativas franquistas.

O proceso de depuración tivo pois lugar só nos primeiros anos do franquismo, e tivo como consecuencia a sanción a uns 20.000 docentes, que representaba practicamente un terzo dos profesionais do maxisterio en España naquela altura.

Contexto e primeiros anos

miniatura|Francisco Giner de los Ríos foi un pedagogo, filósofo e ensaísta español, creador e director da Institución Libre de Enseñanza (ILE), impulsou tamén o Museo Pedagóxico Nacional (1882-1941), a Junta para Ampliación de Estudios (1907-1938), a Residencia de Estudiantes (1910-1939), as Misións Pedagóxicas (1931-1937) ou as Colonias Escolares. Tras a guerra civil española, a obra de Giner en xeral, e a ILE en particular, foron condenadas polo réxime de Franco dentro do proceso de depuración do maxisterio español. Os gobernos da Segunda República levaran a cabo un conxunto de reformas educativas como as que se estaban a poñer en funcionamento noutros países europeos naquela altura: introduciuse a coeducación e o ensino laico, puxéronse en marcha proxectos de modernización pedagóxica, creáronse as cantinas e os comedores escolares, dotáronse os centros de gran número de bibliotecas escolares e aumentou notabelmente o número de escolas. Isto fíxose en detrimento da Igrexa Católica que vía reducido o seu papel no sistema educativo. Na Constitución de 1931 estabelecíase que España era un país aconfesional e que a escola sería laica, co que se apartaba a Igrexa católica de parte do sistema educativo e limitábase en consecuencia a súa capacidade de influencia social. Suprimiuse a obrigatoriedade do ensino da relixión, baseándose na liberdade relixiosa e a liberdade de conciencia do neno e do mestre.

A rebelión militar e o golpe de estado de xullo de 1936, que provocaría a Guerra civil española, daría inmediatamente paso ás primeiras fases da depuración franquista, que de maneira progresiva (e a medida que o bando sublevado ía conquistando territorios fieis á República), non só se lle aplicou ao profesorado en exercicio, fose este funcionario con praza ou interino, senón tamén ao alumnado que cursaba os seus estudos nas escolas de formación do Maxisterio, ou escolas normais. Todo o alumnado destas escolas foi sometido á realización dun expediente depurador, incluído o alumnado en prácticas que xa terminara os seus estudos nas escolas normais.

Como punto de partida deste proceso sancionador pode consultarse o Boletín Oficial do Estado número 27 de 11 de novembro de 1936, páxina 153, onde aparece o texto do Decreto 66 que regula a depuración do persoal docente. A partir do decreto, o proceso de depuración toma corpo legal, e séntanse as bases e os principios da depuración. A través deste decreto xustifícase que o maxisterio durante a Segunda República estivo en mans inapropiadas, polo cal era necesaria unha revisión da instrución pública, para poder extirpar as supostas falsas doutrinas arraigadas durante o período republicano (relativismo, laicismo etc...). Un proceso de «caza de bruxas», en palabras da escritora Beatriz Peyrot .

Anteriormente á publicación do decreto, a purga dirixírana as autoridades académicas de cada distrito universitario, seguindo as directrices da autoridade militar e civil de cada provincia, que eran as que redactaban as primeiras listas de profesorado sancionado e publicábanas en cada un dos boletíns provinciais. Esta primeira depuración pode considerarse unha purga militar, non soamente porque a decidiran os estamentos militares provinciais, senón porque estaba suxeita á lexislación castrense de urxencia. Posteriormente, cando se constitúe o Ministerio de Educación Nacional, a depuración entra nunha segunda fase. A partir dese momento a depuración regúlase por un corpo de leis e normas estabelecidas como desenvolvemento do Decreto 108, e o control da depuración pasa das mans militares a converterse nunha competencia do Ministerio de Educación, que paulatinamente vai estabelecendo unha serie de organismos estatais, creados especificamente para xestionar o enorme volume de traballo administrativo que a depuración estaba a crear. Entre os organismos estatais máis importantes estaban as distintas Comisións Depuradoras Provinciais, formadas por funcionariado leal ao ministerio franquista.

Depuración de docentes (1940-1945) A depuración foi un proceso gobernamental, de profundas consecuencias sociais e culturais, para desmantelar a obra educativa republicana, caracterizada polo laicismo, a coeducación e a introdución de novos métodos pedagóxicos. A tarefa, a partir de 1939, foi encomendada a tribunais designados pola Comisión Superior Dictaminadora, e desenvolveuse entre 1940 e 1945. Algúns estudos amplían a data de finalización do proceso depurador até 1956, ano no que aínda se tramitaban as solicitudes dalgúns expedientes de revisión de sancións.

Xa no século , un estudo de José Pedro Marín García de Robles e Álvaro Moreno Egido para o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, describe así o proceso de depuración:

En total, os especialistas calculan que se sancionou aproximadamente entre un 25% e un 30% dos docentes depurados.No estudo de Sanchidrián Blanco, Grana Gil e Martín Zúñiga explícase que «As acusacións máis reiteradas nos «Pregos de cargo» emitidos polas «Comisións de depuración» eran as de carácter político e, en especial, aquelas que relacionaban o profesorado con ideoloxías de esquerdas, non existindo diferenzas significativas neste aspecto entre profesoras e profesores. Analizados os 341 pregos de cargos atopados (306 profesores e 35 profesoras), o 52,49% das acusacións referíanse á pertenza a partidos políticos de esquerdas (socialistas, comunistas, esquerda republicana, etc.) mentres que as restantes (pertencer á Institución Libre de Enseñanza, ser masón, afiliado a partidos nacionalistas, ostentar cargos políticos durante a República, non profesar a relixión católica...) tiveron escasa incidencia, salvo a de non presentarse ao proceso de depuración (19,06% dos cargos) que directamente implicaba a separación definitiva do corpo con baixa na escala.» Todo iso é unha indubidábel mostra da importancia que o maxisterio ía ter para o novo réxime como elemento fundamental para a súa consolidación». O novo goberno, a que se afirmará logo como ditadura de Francisco Franco, non necesitaba un corpo docente ‘preparado en pedagoxía aplicada’, senón unha división ao servizo do poder, posto que «as Escolas da Nova España han de ser continuación ideal das trincheiras de hoxe; han de recoller o seu espírito exaltado e xuvenil e han de prolongar no futuro desta Guerra de agora na que combaten máis que inimigos circunstanciais, poderes sempre vixiantes e permanentes como o Mal mesmo.» Loxicamente, o modelo previsto polo novo goberno tiña uns obxectivos, se non antagónicos, moi diferentes.

A depuración alcanzou a docentes, alumnado, libros de texto e bibliotecas escolares, aínda que a intención fundamental das novas autoridades dirixiuse á depuración do persoal docente pertencente á II República.

As comisións depuradoras miniatura|300px|Archivo General de la Administración. AGA. Alcalá de Henares. Mediante o decreto mencionado anteriormente creáronse comisións con carácter temporal, encargadas de realizar a depuración nos distintos sectores de todo o persoal docente:

A Comisión A, referente ao persoal das Universidades, a Comisión B, encargada do profesorado das Escolas de Arquitectura e Enxeñaría, e as Escolas de Comercio a Comisión C, encargada do persoal dos Institutos de Segundo Ensino, Escolas Normais de Maxisterio, Escolas de Comercio, Escolas de Artes e Oficios, Escolas de Traballo, Inspeccións de Primeiro Ensino e todo aquel persoal do Ministerio de Instrución Pública non incluído en calquera das demais Comisións Depuradoras. O prazo fixado para finalizar as súas actuacións era dun mes. a Comisión D, encargada de todo o persoal do Maxisterio, incluíndo profesorado interino e en fase de prácticas. Fixouse un prazo temporal de tres meses para que o expediente depurador se dese por concluído. Nas súas actuacións, este prazo estendeuse amplamente, chegando a alcanzar máis de tres anos nalgúns casos.

A Comisión D era de ámbito provincial, constituíase en cada capital de provincia, exceptuando a Madrid e Barcelona, ás que lles correspondían dúas comisións depuradoras. Inicialmente compúñana cinco membros: o Director do Instituto de Segundo Ensino, un Inspector de Primeiro Ensino, o Presidente da Asociación de Pais de Familia, e dúas persoas de máximo arraigamento e recoñecida solvencia moral e técnica, nomeados polo Gobernador Civil. Aínda que co tempo, a composición destas comisións cambiaría para dar paso a representantes da Falange e as J.O.N.S.

Ademais dos membros fixos, a comisión podía contar con outras persoas no papel de colaboradores.

Referente á cuestión das sancións estas quedan fixadas na Orde do Ministerio de Educación Nacional do 11 de marzo de 1938, na mesma Orde fíxanse as pautas de actuación das comisións de depuración e estabelécese o funcionamento dun complexo aparello administrativo que ten como obxectivo controlar e centralizar todo o proceso depurador, para así conseguir dotalo dun carácter máis homoxéneo. No primeiro artigo alúdese a que se crea unha Oficina Técnico-administrativa, co carácter de Sección, especialmente encargada da tramitación de expedientes incidencias e recursos a que dea lugar a depuración do persoal dependente deste Ministerio». Posteriormente por Orde ministerial do 19 de marzo de 1939 créase a Comisión Especial Ditaminadora, órgano que ten como función examinar e resolver os expedientes incoados polas comisións depuradoras provinciais, retirándoselle á oficina técnico administrativa a competencia para formular propostas de resolución que, desde ese momento, resulta potestade da Comisión especial ditaminadora. A Comisión especial permanece en activo até que é disolta o 30 de xaneiro de 1942 (BOE do 10 de febreiro), momento no que se considera que xa foron resoltos todos os expedientes de depuración. (A oficina técnico administrativa non será disolta até o 9 de febreiro de 1944, mediante unha resolución publicada no BOE do 2 de maio do mesmo ano).