Fernando González Laxe, nado na Coruña o 6 de setembro de 1952, é un político galego que foi Presidente da Xunta de Galicia co goberno tripartito, do 28 de setembro de 1987 ao 2 de febreiro de 1990.
Traxectoria miniatura|dereita|220px|De esquerda a dereita, González Laxe, Xoaquín Fernández Leiceaga e Emilio Pérez Touriño, nunha xuntanza no 2016. Formación É licenciado e doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrático de Economía Aplicada na Universidade da Coruña. Principiou a súa carreira profesional en 1975 como profesor de estrutura económica no Colexio Universitario da Coruña, foi un dos fundadores de ADEGA, chegando a ser o seu secretario xeral e afiliado ó Partido Socialista Galego.
Política González Laxe foi candidato ó Congreso dos Deputados nas eleccións xerais de 1977 polas listas do Partido Socialista Galego e ó senado nas de 1979 xa polo Partido dos Socialistas de Galicia, sen obter escano en ningunha delas. Co PSdeG-PSOE foi secretario da Xunta preautonómica en 1978 e posteriormente subdirector xeral de Pesca (1979-1980). Nas eleccións municipais de 1979 foi elixido concelleiro na Coruña e foi tenente de alcalde e voceiro do PSdeG no concello ata 1982.
Trala vitoria socialista nas eleccións xerais de 1982 foi nomeado director xeral de ordenación pesqueira do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación asemade que representante español na Conferencia Mundial da FAO sobre pesca e no II Congreso Latinoamericano de Pesca. Desde o seu posto no ministerio foi o responsable das negociacións pesqueiras de España coa Comunidade Económica Europea. Formou parte do equipo negociador da adhesión de España á Comunidade Económica Europea e da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa e da Unión Europea Occidental.
En novembro de 1985 foi o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta de Galicia, eleccións que gañou Coalición Popular e o seu candidato Xerardo Fernández Albor formou goberno. En 1987, González Laxe presentou unha moción de censura contra o goberno de Fernández Albor trala marcha de Xosé Luís Barreiro, contando ademais, tras o coñecido como Pacto dos Tilos, co apoio de Coalición Galega e o Partido Nacionalista Galego cos que formou un goberno de coalición tripartito o 28 de setembro de 1987 con Barreiro de vicepresidente. Presidente do PSdeG desde 1988 e o seu candidato nas eleccións autonómicas de 1989 e malia obter os mellores resultados ata o momento para o seu partido (28 escanos) non puido impedir a vitoria de Manuel Fraga, o candidato do Partido Popular, por maioría absoluta.
En 1986, foi designado senador en representación da comunidade autónoma, posto no que permaneceu ata 2000. No Senado ocupou a presidencia da Comisión de Economía e Facenda.
Retirada da política activa No ano 1993 deixou de ser deputado no Parlamento de Galicia e en 2000 o seu escano no Senado. Non volveu ocupar postos de relevancia política e pasou a ocuparse da súa cátedra de Economía Aplicada na Universidade da Coruña ata a súa xubilación en maio de 2023, foi despedido cun acto organizado por Organizado polo Foro Económico da Galiza. Polo medio, en abril de 2009, foi nomeado presidente do Organismo Público Portos do Estado,Nova en El Correo Gallego cargo do que cesou en xaneiro de 2012. Foi nomeado Profesor Emérito da Universidade da Coruña.
Foi coordinador da serie Economía (cinco tomos) do Proxecto Galicia, promovido por Hércules de Ediciones e editor da revista Atlantic Review of Economics. Ten publicado numerosos libros de economía, especialmente sobre a pesca, e participado en varios libros colectivos.
Leva publicados numerosos artigos en La Voz de Galicia.
Obra en galego Ensaio Estrutura da pesca costeira galega (1977). Vigo. Galaxia. Os desafíos económico sde Galicia (1996). Fundación Luis Tilve. Galicia, un camiño á renovación (1997). Sada: Ediciós do Castro.
Obra en castelán
La economía del sector pesquero (1988). Madrid: Espasa Calpe. Fortalezas y debilidades de la Europa azul (1996). Santiago: Fundación Caixa Galicia. Con Juan Macau i Nadal. La economía del transporte marítimo (2006). Con María Jesús Freire. A Coruña: Netbiblo. Lecciones de economía pesquera (2008). Tráfico marítimo y economía golbal (2009). A Coruña: Netbiblo. Homo Oeconomicus Maturus. Diario de un compromiso (2010). A Coruña: Las Cadenas. Geoestrategia portuaria (2013). A Coruña: Netbiblo. Los puertos de España y Méjico (2013). A Coruña: Netbiblo. Nuevos tiempos modernos. Ideas para una sociedad post-industrial (2024). A Coruña: Hércules Ed.
Premios
Medalla de Ouro da Universidade J. F. Kennedy de Bos Aires. 2000: Medalla de Ouro da Universidade da Coruña. Medalla de Ouro da cidade da Coruña. 2009: Medalla de Ouro de Galicia. 2025: XXVIII Premio Fernández Latorre polo seu compromiso coa Galiza e a vocación de servizo público.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Presidencia da Xunta de Galicia Lista de senadores galegos desde a Transición Ligazóns externas Ficha na páxina web do Senado de España Ficha na UDC
Presidentes da Xunta de Galicia Categoría:Medalla de Ouro de Galicia Categoría:Deputados do Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1952 Categoría:Catedráticos da Universidade da Coruña Categoría:Senadores por designación do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados da II Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Deputados da III Lexislatura do Parlamento de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela