Greta Tintin Eleonora Ernman Thunberg, nada en Estocolmo o 3 de xaneiro de 2003, é unha activista sueca que traballa contra o cambio climático e o quecemento global. Tornouse unha figura prominente por comezar a primeira folga escolar polo clima en agosto de 2018 ás portas do Parlamento sueco. En novembro dese mesmo ano falou na conferencia TEDx Estocolmo e un mes máis tarde dirixiuse á Conferencia da ONU sobre o cambio climático.

Traxectoria A súa nai é a cantante de ópera sueca Malena Ernman e o seu pai, o actor Svante Thunberg, o seu avó é o actor e director Olof Thunberg.

En decembro de 2018, Thunberg describíase como "diagnosticada da síndrome de Asperger, de trastorno obsesivo-compulsivo e de mutismo selectivo". Para reducir a pegada de carbono da súa familia, insistiu en que se volvesen veganos e renunciasen a viaxar en avión.

Folgas escolares polo clima thumb| miniatura|"Segue a Greta! Fai folga polo clima!" en Berlín (14 de decembro de 2018).|alt=

O día 20 de agosto de 2018, cando cursaba o noveno curso na escola, decidiu non ir ao colexio ata as eleccións xerais suecas, o nove de setembro tras as vagas de calor e a vaga de incendios en Suecia. Demandaba que o goberno sueco reducise as emisións de carbono consonte ao acordo de París e protestou facendo unha sentada fóra do parlamento cada día durante o horario escolar levando un cartel que dicía: Skolstrejk för klimatet (folga escolar polo clima). A partir de aí, converteuse nunha icona xuvenil da loita polo clima, seguindo os pasos da devanceira Severn Suzuki.

Logo das eleccións xerais continuou a facer folga, pero só os venres, co que chamou a atención dos medios de comunicación de todo o mundo. Foi unha inspiración para escolares de todo o planeta que formaron parte das folgas escolares. A altura de decembro de 2018 máis de 20 000 estudantes xa participaran nas folgas en alo menos 270 cidades. Thunberg dálle o mérito de inspirala para comezar a súa folga escolar polo clima ó grupo de activistas adolescentes da escola Parkland en Florida, quen organizaron a Marcha polas nosas vidas.

Outras actividades reivindicativas Greta Thunberg participou na manifestación Rise for Climate diante do edificio do Parlamento Europeo en Bruxelas. En outubro de 2018 desprazouse coa súa familia en coche eléctrico a Londres onde leu a "Declaración de rebelión" organizada por Extinction Rebellion diante das Casas do Parlamento.

Foi relatora no TEDxStockholm o 24 de novembro de 2018. Nesta charla TED falou de que cando tiña oito anos decatarase que existía o quecemento global e preguntouse como era que non aparecía como titular das novas en todas as canles de comunicación, como correspondería á súa gravidade, tal e como se dunha guerra mundial se tratase. Comentou que o motivo de ir á escola non foi para converterse nunha científica do clima, como algúns suxeriron, porque a parte científica xa estaba feita e só quedaba a negación, a ignorancia e a inacción. Especulando con que os seus fillos e fillas, netas e netos lle preguntarían a razón pola que non se tomaran accións en 2018, cando aínda se estaba a tempo, remataba concluíndo con que "non podemos cambiar o mundo seguindo as normas, as normas teñen que cambiarse".

Thunberg dirixiuse ós participantes na conferencia sobre o cambio climático das Nacións Unidas, COP24, o 4 de decembro de 2018 e tamén falou antes da asemblea plenaria que tivo lugar o 12 de decembro de 2018.Fragmentos: "You only speak of a green eternal economic growth because you are too scared of being unpopular. You only talk about moving forward with the same bad ideas that got us into this mess, even when the only sensible thing to do is pull the emergency brake. You are not mature enough to tell it like it is. Even that burden you leave to us children.(...) And if solutions within the system are so impossible to find, then maybe we should change the system itself.

O 23 de xaneiro de 2019 chegou a Davos, logo dunha viaxe de 32 horas en tren, onde criticou que a maior parte dos representantes oficiais chegaran usando ata 1 500 vos en avións privados, para continuar a facer campaña no Foro Económico Mundial. No seu discurso en Davos dixo: "Algunhas persoas, algunhas compañías e especialmente algunhas persoas en postos de decisión saben os prezados valores que veñen sacrificando para continuar a facer impensables moreas de diñeiro. Creo que moitas das persoas que estades aquí pertencedes a ese grupo de xente" Na mesma semana, un pouco máis tarde, advertiu ás elites globais que: "A nosa casa está ardendo" engadindo " Quero que vos espante. Quero que sintades o medo que eu sinto cada día. Debémosllo á mocidade, debémoslles dar esperanza."

A comezos de marzo o grupo de partidos da dereita (populares, liberais e extrema dereita) no Parlamento Europeo non lle permitiu intervir no parlamento, petición feita polos Verdes, Socialdemócratas e Esquerda Unitaria.

Controversia Logo de que as súas folgas escolares polo clima gañaran popularidade, Greta Thunberg acabou por tornarse o albo de ataques que buscan desacreditala ou aproveitarse da súa posición. A finais de 2018, Ingmar Rentzhog, fundador da organización sen ánimo de lucro We Don't Have Time Foundation (WDHT) recrutouna como xove asesora (non pagada) e utilizou o nome e a imaxe de Thunberg para recadar millóns de euros para a súa organización subsidiaria We Don't Have Time AB, na que o propio Rentzhog é o CEO. Thunberg non recibiu ningún diñeiro procedente da compañía.Svenska Dagbladet, Swedish start-up used Greta Thunberg to bring in millions , 11 de febreiro de 2019TheLocal.se, Start-up used teen climate activist to raise millions: Swedish paper, 9 de febreiro de 2019 Deu fin a súa función de asesora en WDHT, declarando que "[non formo] parte de ningunha organización... son totalmente independente... [e] todo o que fago fágoo de xeito gratuíto."

Premios e recoñecementos Greta Thunberg estaba entre as persoas premiadas no concurso de redacción de artigos de debate organizado en maio de 2018 polo Svenska Dagbladet dirixido á mocidade e que tiña por tema o clima.

Thunberg foi nomeada pola compañía Telge Energi para o premio destinado á mocidade e á infancia para a promoción do desenvolvemento sostible, o Children's Climate Prize, pero non o aceptou xa que os nomeados terían que viaxar en avión a Estocolmo dende todo o mundo. En novembro de 2018 gañou a bolsa Fryshuset como xove referente do ano. En decembro de 2018 a revista Time designouna como unha das 25 adolescentes máis influentes do mundo durante o 2018.

En marzo de 2019 foi nomeada como candidata ao Premio Nobel da Paz por iniciativa do lexislador noruegués Freddy Andre Oevstegaard e outros dous membros do partido Esquerda Socialista de Noruega.

En 2019 foi nomeada para o Prix Liberté, impulsado pola rexión de Normandía (Francia), na súa primeira edición e concedéronlle o premio medioambiental do Consello Nórdico que agradeceu mais rexeitou pola falta de acción contra a crise climática.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Folga escolar polo clima

Ligazóns externas "Folga escolar polo clima" (charla TED por Greta Thunberg)

Categoría:Nados en 2003 Categoría:Personalidades de Suecia Categoría:Quecemento global Categoría:Activistas de Suecia Categoría:Nados en Estocolmo