Os oriólidos (Oriolidae) son unha familia de aves paseriformes de rechamantes cores que viven no Vello Mundo, chamados comunmente ouriolos. En Galicia vive a especie Oriolus oriolus, o ouriolo común ou vichelocrego.
Taxonomía e sistemática A familia Oriolidae comprende os Sphecotheres, os pitohuis e os ouriolos do Vello Mundo. Os extintos Turnagra foron engadidos en 2011, e antes estiveran clasificados na familia Turnagridae. Propuxéronse outros xéneros para dividir o xénero Oriolus. Por exemplo, as especies africanas de cabeza negra son ás veces situadas nun xénero separado, Baruffius. A familia Oriolidae non está relacionada con outras aves parecidas aos ouriolos que viven no Novo Mundo, clasificadas na familia Icteridae, malia o seu similar tamaño, dieta, comportamento e rechamante plumaxe, pero todas estas semellanzas son resultado dunha converxencia evolutiva.
Xéneros existentes
Na familia Oriolidae existen tres xéneros: Xénero Sphecotheres (3 especies) Xénero Pitohui (4 especies actualmente) Xénero Oriolus (29 especies)
Xéneros extintos
Hai polo menos dous xéneros extintos na familia Oriolidae: Xénero Turnagra (2 especies extintas) Xénero Longimornis – Longimornis robustirostrata
Descrición
Os ouriolos e Sphecotheres son paseriformes de medio tamaño, de arredor de 20–30 cm de lonitude, e as femias son algo máis pequenas que os machos. O peteiro é lixeiramente curvado e ganchudo, e, excepto nos Sphecotheres, tan longo coma a cabeza. A plumaxe da maioría das especies é rechamante, aínda que as femias a miúdo teñen unha plumaxe máis apagada que a dos machos. A plumaxe de moitos ouriolos de Australasia imita a dos Philemon comedores de mel, probablemente para reducir a agresión contra os ouriolos máis pequenos.
Distribución e hábitat
A familia distribúese por África, Europa, Asia e Australia. As poucas especies de climas de baixa temperatura son migratorias e algunhas especies tropicais tamén mostran movementos estacionais.
Comportamento e ecoloxía Reprodución
Os ouriolos son monógamos, reproducíndose en parellas territoriais (aínda que o Sphecotheres vieilloti, e posiblemente os outros Sphecotheres, reprodúcense en colonias pouco densas). Os sitios de nidificación poden situarse preto de especies agresivas, como drongos, lánidos ou Philemon, que lles dan un certo grao de protección. O niño é unha copa fonda tecida como unha hamaca que colga dunha rama. Xeralmente poñen dous ou tres ovos, pero rexistráronse casos de seis.
Alimentación
Os ouriolos son arbóreos e adoitan alimentarse nas copas das árbores. Moitas especies poden sobrevivir en bosques abertos, aínda que unhas poucas están restrinxidas a bosques pechados. Son omnívoros oportunistas, e os principais compoñentes da súa dieta son froitas, bagas, artrópodos e néctar.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
Internet Bird Collection.com: Vídeos
Categoría:Oriólidos