As ramonas é unha novela en lingua galega de Ana Cabaleiro, publicada en novembro de 2018 por Editorial Galaxia logo de gañar o Premio García Barros.
Trama Mona Otero é unha fotógrafa de Saídres (Silleda), que vive en Santiago de Compostela co seu marido. Logo de perder o carné de conducir por conducir ebria, comeza a usar o servizo BlaBlaCar para ir entre os dous lugares. Tamén vai coa súa amiga Moncha, xornalista reconvertida en taxista. Nesa etapa, o marido de Mona déixaa porque vai ter un fillo cunha concelleira de Silleda, Ra Meixide.
Nas dúas primeiras partes Mona viaxa pola xeografía vital da autora, desde o nativo Saídres, cara a Compostela, a Lalín, á Estrada, a Vila de Cruces, a Silleda. Na terceira parte xa recupera o carné e sae fóra de Galiciae atendendo os seus intereses artísticos.
Mona, que quere orientar a súa carreira laboral a unha faceta creativa, vese abocada a traballar como fotógrafa en vodas xunto a Daniel, un compañeiro de estudos. Doída porque as cousas non van como ela quere, refúxiase no alcohol e vive entre o seu estudio nas Fontiñas e a casa familiar na aldea.
Co propósito de regresar á primeira liña do mundo da arte prepara unha obra que quere presentar á feira ARCO. A temática da obra é a liña de ferrocarril entre Ourense e Santiago de Compostela, inaugurada en 1958 logo de moitos anos de obras, nas que participaron xentes das parroquias que atravesaba, e en proceso de desaparición pola chegada do eixo de alta velocidade. Para facer a obra, planta unha ducia de alciprestes a ambos os lados da vía do tren, e vai facer unha acción espectacular. Malia que prepara todo a conciencia, sufrirá as consecuencias duramente.
Comeza unha batalla legal para facerse cunha herdanza que lle corresponde e coa axuda de Antón Piñeiro tentará sobreporse ás desgrazas.
Narración
A novela trata da importancia das comunicacións, vese o despoboamento do rural e as dificultades para desenvolver a vida sen precariedade laboral.
A obra está narrada en terceira persoa por un narrador omnisciente. A acción discorre en boa medida en espazos pechados, concretamente dentro de coches. Aparecen numerosos topónimos de lugares de Silleda, así como das poboacións atravesadas pola estrada N-525.
A acción dura un ano e medio, desde o verán até o inverno. A obra está estruturada en tres partes, con capítulos correspondentes ás estacións do ano: primeira parte (verán e outono), segunda (inverno, primavera, verán e outono) e terceira (inverno).
O personaxe protagonista é Mona Otero. As outras ramonas da obra, que dan nome á novela, son Monchita (a xornalista), Ra (a concelleira), a avoa Ramona e Moncha (nai). Mona Otero é unha antiheroína, unha muller que non se rende, que se debate entre un amor incodicional pola súa aldea e familia e unha loita tremenda por non ter que volver a ela nin con elas.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas As ramonas, na páxina web de Editorial Galaxia.
Categoría:Novelas en galego Categoría:Obras literarias de 2018 Categoría:Novelas ambientadas en Galicia Categoría:Editorial Galaxia Categoría:Obras gañadoras do Premio García Barros