O presidente da Nación Arxentina é o xefe de Estado e xefe de Goberno, responsable político da administración xeral da República Arxentina e comandante en xefe das Forzas Armadas.

Entre outros poderes e responsabilidades, o Artigo 99 da Constitución da Nación Arxentina encarga ao presidente «expedir as instrucións e regulamentos que sexan necesarios para a execución das leis», fai do presidente o comandante en xefe das Forzas Armadas, autorízao a nomear oficiais executivos e xudiciais, sitúao á fronte da política exterior da Arxentina, e permite ao presidente conceder indultos ou moratorias, aprobar ou vetar leis, introducir lexislación mediante decretos de necesidade e urxencia, e declarar o estado de sitio e a intervención federal.

O presidente é elixido mediante o sufraxio directo con posibilidade dunha segunda volta electoral para un mandato de catro anos. Desde a reforma da Constitución Arxentina de 1994, o mandatario ten a posibilidade dunha reelección inmediata, podendo repetir novamente o mandato despois de transcorrido un período. En caso de morte, destitución ou renuncia dun presidente, o vicepresidente asume a presidencia.

Até a data, houbo un total de corenta e nove persoas que asumiron o cargo e cincuenta e dúas presidencias (isto é porque Julio Argentino Roca, Hipólito Yrigoyen e Juan Domingo Perón foron reelectos tras un período presidencial como mínimo). Das persoas elixidas para o cargo, vinte e cinco foron electas en 31 eleccións (nove con sufraxio directo e 22 en forma indirecta) e doce son ditadores que se arrogaron o cargo de presidente de facto. Ademais sete vicepresidentes e cinco cidadáns por lei de acefalia (dous presidentes provisorios do Senado, un presidente da Cámara de Deputados, un gobernador e un senador) asumiron o cargo tras a falta dun presidente. En canto ao termo do mandato polo que foron elixidos, dezaseis terminaron o seu mandato, seis foron derrocados por golpes de estado, tres morreron por causas naturais e oito renunciaron.

O primeiro presidente foi Bernardino Rivadavia co cargo de «presidente das Provincias Unidas do Río da Prata», creado por lei do Congreso do 6 de febreiro de 1826. Despois da súa renuncia desapareceu o cargo na lexislación arxentina ata que en 1853 foi restablecido por unha nova constitución, dispondo que a elección se realizaba por seis anos, sen posibilidade de reelección inmediata; a designación facíase por votación indirecta nun Colexio electoral e se ningún candidato lograba máis da metade dos votos, decidía o Congreso entre os dous máis votados. Justo José de Urquiza foi o primeiro elixido de acordo co novo réxime e desempeñou o cargo como «presidente da Confederación Arxentina», do mesmo xeito que o seu sucesor, Santiago Derqui, quen logo das reformas constitucionais de 1860, asumiu como «presidente da Nación Arxentina», título vixente até a data. Adolfo Rodríguez Saá foi o que menos tempo permaneceu no cargo, con tan só 7 días, e Jullo Argentino Roca, cos seus 12 anos no posto, foi o que permaneceu por máis tempo.

O actual presidente é Javier Milei, líder de La Libertad Avanza, que tomou posesión o 10 de decembro de 2023.

Orixe miniatura|Cornelio Saavedra, presidente da Primeira Xunta das Provincias Unidas do Río da Prata miniatura|Nicolás Avellaneda foi o presidente máis novo da Arxentina asumindo o cargo con 37 anos. As orixes da Arxentina como nación remóntanse a 1776 cando, no marco das chamadas reformas borbónicas, o rei de España creou o Vicerreinado do Río da Prata –que abarcaba aproximadamente os territorios das actuais Arxentina, Bolivia, Paraguai, o Uruguai e sur do Brasil, separándoo do Vicerreinado do Perú. O xefe de Estado seguía sendo o rei, representado localmente polo vicerrei que, en xeral, era nacido en España.

Primeira Xunta de Goberno A Primeira Xunta de Goberno, oficialmente Xunta Provisional Gubernativa das Provincias do Río da Prata a nome do Señor Don Fernando VII, foi a Xunta de goberno xurdida o venres 25 de maio de 1810 en Buenos Aires, capital do Vicerreinado do Río da Prata, como consecuencia do triunfo da Revolución de Maio que destituíu ao vicerrei Baltasar Hidalgo de Cisneros. A sede do goberno foi fixada no Forte de Buenos Aires, que servira dende 1776 como residencia dos vicerreis e onde hoxe se atopa a Casa de Goberno. A Primeira Xunta existiu como tal até o 18 de decembro do mesmo ano, xa que coa incorporación de deputados do interior transformouse na Xunta Grande.

O Presidente da Primeira Xunta das Provincias Unidas do Río da Prata foi Cornelio Saavedra.

Diretor Supremo Cando se uniron representantes doutras cidades do interior e logo o goberno delegouse primeiro nun triunvirato e logo nun poder executivo unipersoal co nome de Director Supremo creado pola Asemblea Nacional de 1813.

O cargo de Director Supremo mantívose cando, logo de declarada a independencia o 9 de xullo de 1816 por un Congreso reunido na cidade de San Miguel de Tucumán, aprobouse unha Constitución en 1819, pero debido a circunstancias políticas, a mesma nunca entrou en vigor, o poder central disolveuse e o país quedou como unha confederación de provincias.

Unha nova constitución aprobada en 1826 creou por primeira vez o cargo de presidente, para o cal foi electo Bernardino Rivadavia, o primeiro presidente arxentino. Debido á guerra entre a Arxentina e o Brasil, Rivadavia renunciou despois dun breve período de tempo, e a oficina disolveuse pouco despois.

Unha guerra civil entre «unitarios» (unitaristas, é dicir goberno central con sede en Buenos Aires) e «federais» (federalistas con plena autonomía das provincias) produciuse nas décadas seguintes. Neste momento, non había unha autoridade central e o máis próximo a iso era o representante de relacións exteriores, polo xeral o gobernador da Provincia de Buenos Aires. O último en levar este título foi Juan Manuel de Rosas que, nos últimos anos do seu goberno, foi elixido xefe supremo da Confederación Arxentina, adquirindo poder efectivo no resto do país.

En 1852, Rosas foi derrocado e convocouse a unha asemblea constituínte. Esta constitución, aínda en vigor, estableceu un goberno federal nacional, coa oficina do presidente, electo mediante o Colexio electoral. O período de mandato fixouse en seis anos, sen posibilidade de reelección. O primeiro presidente elixido en virtude da Constitución foi Justo José de Urquiza. Despois dunha breve interrupción en 1860, a sucesión de presidentes realizouse respectando as normas legais ata que a partir de 1930 foi interrompida por varios golpes de estado, co cal se intercalaron presidentes de facto e outros legalmente elixidos.

En 1930, 1943, 1955, 1962, 1966 e 1976, golpes militares depuxeron aos presidentes electos. En 1930, 1943 e 1955 as Forzas Armadas designaron militares co título de presidente. Como resultado dos golpes de estado de 1966 e de 1976, o goberno federal foi exercido por unha xunta militar integrada polos xefes de cada unha das tres ramas das Forzas Armadas (Exército, Forza Aérea e Armada) a que, á súa vez, designou a un militar como presidente. En 1962, antes que os militares alcanzasen a nomear un novo presidente, asumiu ese cargo o presidente provisional do Senado que era o substituto legal do presidente deposto.

É discutible se estes xefes de estado militares adecuadamente poden ser chamados presidentes, dada a ilexitimidade dos seus gobernos. A posición do goberno arxentino actual é que os militares que desempeñaron o Poder Executivo entre 1976 e 1983 non foron explicitamente presidentes lexítimos, polo cal non se lle recoñeceu dereito a unha pensión presidencial. A situación dos anteriores presidentes militares non está definida, aínda que todos eles na actualidade xa faleceron.

O presidente na constitución

Constitución de 1826 dereita|miniatura|Bernardino Rivadavia foi o primeiro responsable do Poder Executivo en ser denominado «presidente». A Constitución de 1826 establecía que o poder executivo era exercido por unha persoa baixo o título de presidente da República Arxentina (artigo 68). Os requisitos eran ser cidadán arxentino, ter trinta e seis anos, nove como cidadán e un capital de dez mil pesos (artigos 24 e 69).Nacer no territorio ou ser fillo de arxentinos perdendo o dereito por non cumprir vinte anos de idade, non sendo casado, non saber ler nin escribir, ser naturalizado por outro país, demencia, ser criado a soldo, peón, simple soldado de liñas, notoriamente vago ou procesado penalmente Tiña un mandato de cinco anos e non podía ser reelixido (artigo 71). En caso de enfermidade, morte, renuncia ou destitución o cargo era exercido polo presidente do senado (artigo 72). Era elixido da seguinte forma (artigos 73 ao 80): Na capital e en cada provincia formábase unha xunta de 15 electores que votaban catro meses antes de que finalizase o mandato con «papeletas asinadas». Unha vez terminada a votación e o escrutinio, a acta ía dirixida ao presidente do Senado quen xunto a catro membros do congreso facían o cálculo final. O que reunía as dúas terceiras partes dos votos era proclamado presidente. No caso de que ningún o reunise, era elixido polos 2/3 do congreso. Podía ser destituído por acusación da Cámara de Representantes por «delitos de traizón, concusión, malversación dos fondos públicos, violación da Constitución, particularmente con respecto aos dereitos primarios dos cidadáns, ou outros crimes que merezan pena infamante ou de morte», e ser destituído polo senado

As súas atribucións eran (artigos 81 ao 101) publicar e facer executar as leis, convocar ao congreso, facer anualmente a apertura de sesións, ordena as eleccións lexislativas, ser o comandante das forzas de mar e terra necesitando o permiso do congreso para mandar ao exército en persoa, prover a seguridade interior e exterior, tomar medidas para garantir a paz, facer tratados con aprobación do senado, nomear e destituír aos seu cinco ministros, nomear embaixadores e demais axentes con aprobación do senado, recibir delegacións estranxeiras, expedir as cartas de cidadanía, exercer o padroado xeral das igrexas, «Todos os obxectos e ramos de Facenda e Policía, os establecementos públicos, e nacionais, científicos e de todo xénero, formados e sostidos con fondos do Estado, as casas de moeda, Bancos nacionais, correos, postas e camiños son da suprema inspección e resorte do Presidente da República», aplicar indultos e nomear xuíces da corte suprema. Ademais, nomeaba aos gobernadores das provincias a proposta dun Consello de Administración e aprobaba os seus orzamentos. Todo proxecto de lei debía pasar polo poder executivo quen as aprobaba ou obxectaba.

Constitución de 1853 Os artigos 71.º a 90.º contiñan as estipulacións relativas ao poder executivo. O titular deste era unipersoal, e levaba o título de Presidente da Confederación Arxentina. Un vicepresidente, electo xuntamente con el, supliríao en caso de ausencia, inhabilidade ou renuncia.

Os requisitos para a elección como presidente eran similares aos esixidos para os senadores; engadíaselles a condición de nativo, ou de ser fillo dun en caso de nacer fóra do territorio nacional, e a práctica da relixión católica, única concesión aos montoneros. O seu mandato estenderíase por un período de seis anos, sen posibilidade de reelección ata que pasase un período completo; ningunha causa permitía a extensión deste máis aló dos seis anos cumpridos dende a data orixinal de asunción.