Jean-Claude Killy nado en Saint-Cloud o 30 de agosto de 1943 é un esquiador francés retirado que gañou tres medallas de ouro olímpicas, seis campionatos do mundo, dúas Xerais da Copa do Mundo e quince vitorias na Copa do Mundo de Esquí Alpino (cun total de 21 podios).

Traxectoria Killy naceu en Saint-Cloud, suburbio de París durante a ocupación alemá na segunda guerra mundial, mais creceu en Val-d'Isère nos Alpes, onde foi vivir a súa familia en 1945 despois da guerra. O seu pai, Robert, era un antigo piloto de Spitfire para a Francia libre que abriu unha tenda de esquí na vila savoiana e que máis adiante dirixiu un hotel. En 1950, a súa nai Madeline abandonou a familia por outro home, deixando a Robert ao cargo de Jean-Claude, de sete anos, a súa irmá máis vella (France) e o seu irmán máis novo (Mic). Jean-Claude foi enviado a un internado a Chambéry, 130 km abaixo do val, mais el non soportaba estar calado na clase.

Killy volveu a súa atención ao esquí máis que na escola. O seu pai permitiulle deixar os estudos aos quince anos e entrou no equipo nacional francés júnior o anos seguinte. Como corredor, Killy era rápido, mais non adoitaba completar as súas carreiras, e os primeiros anos da década de 1960 non foi un éxito completo para el.

En decembro de 1961, con dezaoito anos, Killy gañou a súa primeira carreira internacional, un slálom xigante. O evento tivo lugar na súa vila de Val-d'Isere. Killy comezou no posto 39, posición que debería supor unha gran desvantaxe.

Killy gañou a tripla coroa do esquí alpino con tres medallas de ouro nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1968 en Grenoble nas modalidades de slálom, slálom xigante e descenso. Anteriormente, Killy fora o gañador da Copa do Mundo de esquí alpino nos anos 1967 e 1968.

Tamén protagonizou o filme de 1972 Snow Job en que tiña un papel de profesor de esquí. As estacións de esquí de Val d'Isère e Tignes foron renomeadas como l'Espace Killy na súa honra.

Dende 1977 ata 1994 foi membro do comité executivo de esquí alpino da Federación Internacional de Esquí.

Jean-Claude Killy tivo tamén unha curta carreira como piloto de carreiras entre 1967 e 1970 participando no Rally París-Dakar. Killy serviu como presidente da sociedade do Tour de Francia entre 1992 e 2001, e tamén foi copresidente dos Xogos Olímpicos de Inverno de 1992 en Albertville. Dende 1995 é membro do Comité Olímpico Internacional.

No ano 2000 foille outorgada a Lexión de Honra, a condecoración máis importante de Francia.

Vida persoal Entre 1973 e 1987, estivo casado coa actriz francesa Danielle Gaubert, ata a morte dela a causa do cancro. Xuntos tiveron unha filla, Emilie, e ademais adoptou os dous fillos que tiña do primeiro matrimonio dela con Rhadamés Trujillo, fillo do asasinado ditador dominicano Rafael Trujillo. Gaubert e Trujillo divorciáranse en 1968 e ese mesmo ano coñeceu a Killy.

Killy era coñecido por ser amigo do presidente de Rusia, Vladimir Putin.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Perfil de Jean-Claude Killy na páxina oficial da FIS Reportaxe de Jean-Claude Killy Reportaxe da BBC sobre Killy

Categoría:Nados no departamento dos Altos do Sena‎ Categoría:Nados en 1943 Categoría:Esquiadores alpinos olímpicos de Francia Categoría:Medallistas olímpicos de ouro por Francia Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1968 Categoría:Medallistas olímpicos en esquí alpino Categoría:Esquiadores alpinos nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1964 Categoría:Esquiadores alpinos nos Xogos Olímpicos de Inverno de 1968