O falaropo de bico fino, ás veces falaropo mouroPenas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5. (Phalaropus lobatus) é unha especie de ave caradriforme pertencente á familia dos escolopácidos. Son aves limícolas de pequeno tamaño que, a diferenza do resto de escolopácidos, capturan o seu alimento mentres nadan sobre a superficie da auga, impulsándose cos seus pés semipalmados. Aliméntase de pequenos crustáceos, insectos e larvas, pero durante o inverno a súa dieta componse case exclusivamente de diversas especies de zooplancto.

Igual que as outras dúas especies do xénero Phalaropus, presentan un dimorfismo sexual inverso; as femias son máis rechamantes e adoptan algúns dos roles de cortexo e reprodutivos que na maioría das especies de aves son típicos dos machos, os cales son os encargados de chocar os ovos. Reprodúcese durante o verán boreal nas rexións árticas e subárticas de América do Norte, Asia e Europa; xeralmente entre os 60° e 70° de latitude, nunha banda que rodea o hemisferio norte desde o sur das illas Aleutianas ata o extremo setentrional das illas británicas. Son aves migratorias e ao finalizaren o seu período reprodutor inician unha longa migración cara ás costas dos mares cálidos situados ao longo da rexión intertropical, seguindo rutas que nalgúns casos lles fan percorrer máis de 20 000 km ao ano. En Galicia é unha especie accidental.

A súa poboación estímase que é de 3 600 000 a 4 500 000 de individuos, máis da metade dos cales (uns 2 500 000) reprodúcense en Alasca, Canadá e o sur de Groenlandia. O seu estado de conservación catalogouse como "pouco preocupante".

Distribución e migración

O falaropo de bico fino está presente ao longo do ano en todos os continentes, a excepción da Antártida.

Trátase dunha especie migratoria que se reproduce nas rexións árticas e subárticas do norte de Europa, Asia e América; en Alasca, Canadá, Groenlandia, Islandia, Gran Bretaña, Noruega, Suecia, Finlandia e Rusia.

Establece as súas áreas de cría preto da costa e en zonas do interior, mais sempre en zonas húmidas de auga doce, con lagoas, pradeiras inundadas ou nas proximidades de cursos de auga.

miniatura|Área intertropical e zonas de invernada.

Invernan en mar aberto, ao longo da zona intertropical, aínda que durante este período poden enxergarse exemplares en calquera océano ao sur do trópico de Cáncer, chegando mesmo ata as costas patagoas de América do Sur.

O groso da migración invernal diríxese cara a catro zonas nas que se concentran a maior cantidade de exemplares: No océano Pacífico, fronte as costas de Ecuador e o Perú. No bordo litoral leste de América Central. No mar de Arabia, ao noroeste do océano Índico. Nos mares de Andamán e Timor, ao nordeste do océano Índico.

miniatura|dereita|Ruta migratoria dos falaropos das illas Shetland Ata o ano 2012 sabíase que moitos falaropos de Norteamérica pasaban o inverno no sueste do océano Pacífico; ademais, críase que as poboacións europeas de falaropos pasaban o inverno na costa occidental de África ou no mar Arábigo, pero coñecíanse moi poucos detalles do percorrido e lonxitude das rutas migratorias. Os métodos tradicionais de seguimento de aves por medio da colocación de aneis nas patas de exemplares xuvenís poden achegar información sobre o retorno de exemplares trala migración invernal, así como unha aproximación estatística sobre a súa taxa de supervivencia, pero son completamente inútiles á hora de establecer con precisión o tránsito completo dos exemplares que realizan unha migración oceánica.

En xuño de 2012 a Royal Society for the Protection of Birds (RSPB) e o Instituto Ornitolóxico Suízo puxeron en marcha un programa, dirixido polos ornitólogos Malcolm Smith, Mark Bolton e Pete Ellis (entre outros), para trazar con exactitude o itinerario migratorio desta especie, colocando uns xeolocalizadores de só 0,6 g de peso en dez exemplares xuvenís capturados nas illas Shetland durante a tempada de cría dese ano, que permitiron trazar por fin con precisión o percorrido exacto e completo da súa viaxe migratoria. O estudo revelou que os falaropos de bico finos nados nas Shetland inician a súa migración por etapas a finais do mes de xullo de 2012, cunha primeira parada de varias semanas nunha área de descanso fronte ao litoral leste dos Estados Unidos. Desde alí continuaron cara ao sur ata chegar, durante o mes de outubro, ao seu lugar de invernada definitivo nas costas do Pacífico de Ecuador e o Perú. A viaxe de retorno seguiu a mesma ruta en sentido inverso e coa mesma escala na costa atlántica dos Estados Unidos, o que supón un desprazamento total de máis de 25 000 km.

Estudos similares realizados durante os anos 2013 e 2014 cos falaropos da Reserva Natural de Vindelfjällen (Suecia), estableceron que a súa ruta migratoria cruza Europa en dirección ao mar Negro e Caspio e desde alí continúa en dirección sur cara ao mar de Arabia, cunha lonxitude total de máis de 14 000 km.

Taxonomía

miniatura|esquerda|Xénero Phalaropus miniatura

O falaropo de bico fino é unha ave neognata da orde Charadriiformes, que se encadra na familia Scolopacidae, na que constitúe o xénero Phalaropus, xunto con outras dúas especies: o falaropo bicogroso (Phalaropus fulicarius) e o falaropo de Wilson (Phalaropus tricolor).Gill, F & D Donsker (coordinadores). 2012. IOC World Bird Names (v 3.2).

Describiuna cientificamente por primeira vez en 1758 Carl Linnaeus na súa obra Systema naturae, co nome de Tringa tobata (sic). En 1760 reclasificouse no xénero Phalaropus, creado polo zoólogo francés Mathurin Jacques Brisson, cuxo nome provén da unión das palabras gregas phalaris, 'galiñola', e pous 'pés', 'pés de galiñola', en referencia á semellanza entre os pés dos falaropos e das galiñolas (Fulica). O termo lobatus (lobado) fai referencia á forma das dedas do falaropo de bico fino.

Morfoloxía

240px|miniatura|esquerda|Plumaxe de inverno É a especie de menor tamaño das tres especies de falaropos. Mide uns 18 cm de lonxitude, pesa entre 20  e 48 g e ten unha envergadura de 30–34 cm, e a femia é lixeiramente meirande que o macho. O seu bico é totalmente negro, fino e bicudo; o iris é marrón avermellado moi escuro e o anel ocular é negro durante todo o ano; as patas son de cor gris escura nos exemplares adultos e rosa azulada nos xoves. Posúe unha densa plumaxe na súa zona ventral, o cal lle permite atrapar unha gran cantidade de aire que actúa como unha capa impermeabilizante e proporciónalle unha gran flotabilidade, á vez que lle impide mergullarse.

Plumaxe invernal

240px|miniatura|esquerda|Macho en plumaxe nupcial Durante a época invernal ambos os sexos posúen unha plumaxe similar e pouco rechamante, coa cabeza, pescozo, peito e ventre de cor branca ou branca levemente agrisada; a plumaxe de cor cinza, coas bordos das plumas cobertoiras secundarias e escapulares beirados de branco. As ás están cruzadas por unha faixa branca que é moi visible en voo e que tamén manteñen durante o verán. Na cabeza posúen unha mancha negra que abrangue desde o píleo ata a caluga e un parche ocular alongado, tamén de cor negra, que se estende cara a atrás, trazando unha lixeira curva en dirección aos laterais do pescozo. As observacións de exemplares con esta plumaxe en territorio europeo son sumamente escasas.

Plumaxe nupcial

240px|miniatura|esquerda|Femia en plumaxe nupcial A plumaxe das femias durante o período de cría é dun colorido moito máis intenso que a dos machos, presenta a cabeza, pescozo e laterais do peito de cor gris escura, cunha pequena mancha superciliar de cor branca. Posúe unha mancha, tamén de cor branca, na gorxa baixo a base do bico, abeirada por debaixo por outra máis ampla, de cor marrón avermellado, e que cobre os laterais do pescozo; o manto é gris escuro con dúas bandas lonxitudinais de cor amarelada e as beiras das cobertoiras son marróns amareladas.

A plumaxe nupcial do macho é máis discreta e de tons máis claros: a súa cabeza é de cor gris, dun ton máis claro que a da femia e que vai aclarándose a medida que descende polo pescozo e peito, ata volverse totalmente branca no ventre. Igual que a femia, posúe unha mancha branca sobre o ollo e tamén na gorxa, mais a banda que a abeira por debaixo é dun marrón avermellado menos intenso que a da femia. A miúdo locen unhas pequenas e pouco definidas manchas brancas diante dos ollos. O seu manto é gris escuro, con manchas de cor marrón claro.

Voz

miniatura|Chamada do falaropo de bico fino Normalmente silencioso, durante a época reprodutora a femia realiza unha danza nupcial para atraer os machos que inclúe vocalizacións monosilábicas e un son rumbante que executa coas ás.

Especies similares

Polo seu comportamento único e característica plumaxe é moi difícil de confundir con calquera outro limícola durante a época reprodutora. No período migratorio e invernal o seu aspecto é semellante ao do falaropo bicogroso (Phalaropus fulicarius), que loce unha plumaxe básica moi parecida pero que posúe un bico máis groso e menos bicudo que o de P. lobatus.

Outras especies similares en plumaxe invernal e que comparten rutas migratorias co falaropo de bico fino son o pilro curlibico (Calidris alpina), de tamaño similar, bico lixeiramente curvado cara a abaixo e manto, cabeza e pescozo de cor parda; o pilro ferruxento (Calidris ferruginea), de maior tamaño, con plumaxe similar ao de C. alpina pero con patas e bico de maior lonxitude e o pilro bulebule (Calidris alba), do que se diferencia doadamente por ter este a cabeza totalmente branca.

Alimentación

miniatura|Técnica de captura de alimento. Durante a época de cría a alimentación do falaropo de bico fino baséase nas larvas de insectos de auga doce, principalmente mosquitos. Tamén consomen tricópteros, formigas, anélidos e vermes poliquetos, e ocasionalmente sementes. Nos meses de invernada en augas oceánicas nútrense exclusivamente de zooplancto en áreas nas que as correntes mariñas o fan emerxer á superficie, principalmente copépodos da orde Calanoida e Euphausiacea (kril), así como pequenos peixes e medusas, que capturan só ocasionalmente.

Ao contrario que a maioría de limícolas, as tres especies do xénero Phalaropus aliméntanse case exclusivamente mentres nadan sobre a superficie da auga, utilizando unha técnica de captura única entre as aves consistente en nadar trazando círculos pechados para crear remuíños que fagan aflorar o alimento á superficie desde unha profundidade de ata 50 cm, momento no que é capturado con rápidos movementos do bico e transportado á boca aproveitando a tensión superficial da auga.

Comportamento e ecoloxía

miniatura|esquerda|Nube de dípteros no lago Myvatn. O trazo máis distintivo dos falaropos picofinos, así como das outras dúas especies de falaropos, é o seu dimorfismo sexual inverso, que se caracteriza pola diferenza de plumaxes nupciais entre os sexos e polo seu infrecuente método de emparellamento, no que moitos dos roles sexuais están invertidos, recaendo sobre os machos as tarefas de incubación dos ovos e coidado dos polos ata a súa emancipación.

Este peculiar e pouco habitual comportamento dáse tamén nalgunhas outras aves da orde Charadriiformes, como nas das familias Turnicidae ou Jacanidae. Segundo o estudo dos biólogos Owens e Hartley, o dimorfismo sexual nas aves no que se refire á diferente coloración da plumaxe, está intimamente relacionada co comportamento reprodutor, o coidado da prole e a selección natural, primando as características crípticas naqueles individuos encargados da incubación dos ovos e coidado dos fillos.

Durante o período reprodutor son aves xeralmente solitarias e pouco territoriais, agás para defender o seu niño ou ao seu compañeiro. Durante o tránsito migratorio e a época de invernada o seu comportamento tórnase tremendamente gregario.