Hoda Barakat (), nada en 1952, é unha escritora libanesa en lingua árabe. Pasou boa parte da súa mocidade en Beirut e despois foi vivir a París, onde reside. Na súa obra reflicte o trauma da guerra. As súas tres primeiras novelas están narradas por homes que viven nas marxes da sociedade na guerra civil libanesa. A súa obra foi traducida ao inglés, hebreo, francés, italiano, castelán, turco, neerlandés e grego.
Traxectoria
Creceu na vila de Bxari, de poboación maioritaria maronita. Estudou Literatura Francesa na Universidade Libanesa, en Beirut, onde se graduou en 1975. En 1975 e 1976 viviu en París preparando o doutoramento, pero regresou ao seu país ao comezo da guerra civil. Nesa época traballou como profesora, tradutora e xornalista. En 1989 regresou a París, e viviu alí desde entón.
En 1985 publicou a colección de relatos Za'irat ("Mulleres visitantes"). Despois publicou as novelas Hajar al-Dahik (1990), Ahl el-Hawa (1993) e Harit al-miyah. Hajar al-Dahik, a primeira novela en árabe cun personaxe protagonista homosexual, gañou o Premio Al-Naqid.
Aínda que viva na Europa dende a fin da guerra civil libanesa, a autora sempre escribiu en árabe, que declara respectar e amar inmensamente. O seu estilo é bastante elevado, caracterizándose pola adhesión total ás regras da gramática clásica do idioma e a utilización dunha linguaxe formal destituída de coloquialismos inclusive nos diálogos entre os personaxes das súas obras (xustamente aló onde outros escritores árabes serían menos refractarios a usa-lo árabe dialectal).
Notas
Categoría:Nados en 1952 Categoría:Nados no Líbano Categoría:Escritores do Líbano Categoría:Escritores en lingua árabe Categoría:Alumnos da Universidade Libanesa