Ilse Bing, nada en Frankfurt o 23 de marzo de 1899 e finada en Nova York o 10 de marzo de 1998, foi unha fotógrafa alemá de vangarda e comercial, pioneira na produción de imaxes monocromas durante o período de entreguerras.

Traxectoria Bing naceu nunha familia xudía acomodada de comerciantes en Frankfurt en 1899. Recibiu unha boa educación, con atención particular nas artes e na música.

Estudou historia da arte na Universidade de Frankfurt, aínda que iniciara os seus estudos universitarios nos campos das matemáticas e da física. Como importante complemento á súa formación, durante o curso 1923-24 estudou na Academia de Belas Artes de Viena. A súa aprendizaxe da fotografía realizouno de modo autodidacta en 1925 coa fin de ilustrar a súa tese sobre o arquitecto Friedrich Gilly. Catro anos despois comprou unha cámara Leica que empregou durante vinte anos como a súa máquina principal.

En 1929, inspirada polo traballo de Florence Henri, Bing mudouse a París para traballar con Henri e outros modernistas. Alí coñeceu tamén a André Kertész e Emmanuel Sougez e realizou reportaxes para diversas revistas como Das Illustrierte Blatt, Ars et Métiers Graphiques, Photo-Graphie, Vu e Harper's Bazaar. Sougez deulle o nome de "Raíña da Leica". Realizou a súa primeira exposición na galería Julien Levy de Nova York en 1932 formando parte dunha mostra de fotografía europea e en 1937 participou na exposición organizada no Museo de Arte Moderna de Nova York por Beaumont Newhall co título de Photography (1839-1937).

En 1937 casou co pianista Konrad Wolff con quen emigrou en 1941 aos Estados Unidos, xa que eran xudeus e a Alemaña nazi dominaba Europa. Establecéronse en Nova York e en 1946 Bing adoptou a nacionalidade estadounidense. Aínda que viaxou en diversas ocasións a París, nos anos cincuenta a súa actividade fotográfica perdeu contido experimental e fíxose máis convencional. Non obstante, continuou a realizar fotografías en branco e negro ata 1957 en que comezou a realizar fotografías en cor que ela mesma revelaba.

En 1959 abandonou a fotografía para dedicarse á poesía, á pintura e á colaxe e ocasionalmente incorporou fragmentos de fotografías. Estaba interesada en combinar as matemáticas, as palabras e as imaxes. Cando deixou a fotografía, Bing afirmou que xa dixera todo o que quería dicir cunha cámara.

O seu traballo foi valorado de novo tras unha exposición colectiva realizada en 1976 no Museo de Arte Moderna de Nova York e no Instituto de Arte de Chicago. Dende entón o seu traballo foi exposto en museos de todo o mundo como en Nova Orleáns en 1985, no Museo Carnavalet en 1987, no Museo Folkwang en 1994, no Museo Ludwig en 1996, no Museo de Vitoria e Alberto en 2004, en París en 2007 e en Barcelona en 2009.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Exposicións e publicacións Datos no Museo de Belas Artes do Canadá Selection of photographs and information Finding aid, Ilse Bing fonds, National Gallery of Canada Library and Archives . Lerch, Antonia. Drei Fotografinnen: Ilse Bing, Grete Stern, Ellen Auerbach . 1993

Categoría:Nados en Frankfurt Categoría:Nados en 1899 Categoría:Finados en 1998 Categoría:Fotógrafos de Alemaña Categoría:Fotógrafos dos Estados Unidos de América Categoría:Estadounidenses de ascendencia alemá Categoría:Estadounidenses de ascendencia xudía