A Casa de Pavlov (en ) é un edificio de apartamentos da cidade de Volgogrado. Durante a segunda guerra mundial, foi defendido na Batalla de Stalingrado entre 1942 e 1943. Recibiu o seu nome do sarxento Yakov Pavlov, que mandaba o pelotón que tomou o edificio e o defendeu durante a batalla.
O edificio A casa era un edificio de catro andares no centro da cidade de Stalingrado, construído en paralelo á marxe do río Volga e diante da Praza do 9 de xaneiro, unha gran praza cadrada cuxo nome provén do Domingo Sanguento. O edificio foi atacado polos alemáns en setembro de 1942. Na noite do 28 de setembro, un pelotón do 42º Rexemento da 13ª División da Garda recibiu a orde de coller o edificio e defendelo. O pelotón estaba comandado polo xove suboficial Yakov Pavlov, que substituía o seu oficial superior que estaba ferido. Aínda que o conseguiron só catro homes sobreviviron ao combate. No soto, Pavlov descubriu a un pequeno grupo de rusos, civís e militares, algúns deles feridos graves. Eles sós conseguiron defender a praza ata que, días despois, as tropas de reforzo forneceron metralladoras, fusís antitanque e morteiros. A gornición de vinte e cinco homes fortificou o perímetro do edificio con arame de espiño e minas, preparando posicións de metralladoras e fusís antitanque nas fiestras. Para mellorar as comunicacións e o abastecemento dentro do edificio, derrubaron os tabiques do soto e dos pisos superiores, ademais de escavar unha trincheira que os comunicaba con posicións soviéticas no exterior. As subministracións chegaban a eles a través da trincheira despois de atravesar o río en bote, evitando os bombardeos alemáns.
O inconveniente sempre foi a subministración de auga e comida. A falta de camas, os soldados abriron tubos de amianto para tratar de durmir neles, a pesar do fogo de metralladora alemá día e noite. Os asaltos alemáns sucedían ao longo do día. Cada vez que os tanques alemáns tentaban atravesar a praza, os homes de Pavlov concentraban fogo pesado contra eles dende o soto, as fiestras ou o tellado, deixando atrás cadáveres e aceiro. Os alemáns retirábanse unha e outra vez. Os defensores e civís rusos que continuaban a vivir nos sotos resistiron dende o 23 de setembro ata o 25 de novembro de 1942, cando foron relevados polas forzas soviéticas ao contraataque.
O destacamento de defensores da casa de Pavlov incluía representantes dun gran número de repúblicas soviéticas: o sarxento Pavlov e dous dos seus homes, Alexandrov e Afanasiev, eran rusos, Subgayda e Gluschenko, ucraínos, Mosiyashvili e Stephanashvili xeorxianos, Turganov uzbeko, Murzayev kazako, Turdiev taxico e Ramazanov tártaro.
Nos mapas de batalla do 62º Exército Soviético, a casa en terra de ninguén comezou a ser chamada "Dom Pavlov" (Casa de Pavlov) e converteuse nun lugar de apoio e referencia. Os soviéticos verificaban observacións de movementos das tropas alemás, reportando, por exemplo, tanques inimigos a 200 metros ao norte da Casa de Pavlov. Nos mapas alemáns, o edificio foi marcado como un punto fortificado.
Significado simbólico miniatura|Casa de Pavlov no seu estado actual. A inscrición no memorial di: "Neste edificio uníronse as heroicas fazañas da guerra e do traballo. Defenderémoste e reconstruirémoste, querido Stalingrado!" A casa de Pavlov converteuse nun símbolo da resistencia numantina da Unión Soviética na Gran Guerra Patriótica en xeral e na batalla de Stalingrado en particular.
O xeneral Vassili Chuikov, comandante das forzas soviéticas en Stalingrado, declarou con sorna que os nazis perderon máis soldados tentando tomar a casa de Pavlov que tomando París.
Foi reconstruída despois da batalla e aínda se usa como edificio de apartamentos. Na parte oriental do edificio orientado ao Volga, levántase un monumento formado polos ladrillos recollidos tras a batalla.
Polas súas accións en Stalingrado, Yakov Pavlov foi nomeado heroe da Unión Soviética e recibiu a Orde de Lenin, a Orde da Revolución de Outubro, dúas Ordes da Estrela Vermella e outros recoñecementos. Despois da guerra, uniuse ao Partido Comunista e foi elixido tres veces deputado no Soviet Supremo da República Socialista Federativa Soviética de Rusia.
O último membro do grupo de Pavlov, Kamoljon Turgunov morreu o 16 de marzo de 2015, aos 93 anos de idade.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Batallas da segunda guerra mundial Categoría:Edificacións de Rusia