Josaia Voreqe Bainimarama, coñecido como Frank Bainimarama, nado en Kiuva, Colonia de Fiji, o 27 de abril de 1954, é un militar e político fixiano, que foi primeiro ministro de Fiji desde o 7 de xaneiro de 2007 ata o 24 de decembro de 2022.
Tras unha carreira militar de varias décadas foi ascendido a comodoro en 1998 e nomeado comandante en xefe das Forzas Armadas de Fiji en 1999. Tomou o poder dúas veces na historia de Fiji, a primeira vez como xefe do goberno militar interino do 29 de maio ao 13 de xullo de 2000, despois de organizar un contragolpe para neutralizar o golpe de Estado étnico dirixido por George Speight. Entregou o poder a Josefa Iloilo, nomeado presidente pouco antes.
Foi fundamental no ascenso ao poder do goberno do primeiro ministro, Laisenia Qarase, pero a súa intensa crítica á política do goberno de amosar clemencia cara ás persoas implicadas no golpe estirou máis tarde as súas relacións co réxime e o 5 de decembro de 2006, derrubou o goberno de Qarase e anunciou que asumía "de mala gana" os poderes da presidencia. Restableceu a Josefa Iloilo na presidencia o 4 de xaneiro de 2007, e foi nomeado primeiro ministro interino por Iloilo ao día seguinte. O nomeamento foi declarado lícito polo Tribunal Supremo de Fiji en outubro de 2008. Bainimarama dimitiu o 10 de abril de 2009 como primeiro ministro interino, despois de que a corte de apelación do país fallase que a eliminación do goberno democrático durante o golpe militar do 2006 fora ilegal. O presidente Josefa Iloilo anunciou entón que abolía a Constitución, que asumía todo o poder de goberno e que revogaba todos os nomeamentos xudiciais, volvendo nomear a Bainimarama como primeiro ministro.
Ocupou este cargo ata as eleccións de 2014, onde gañou o seu partido, FijiFirst, e xurou o cargo como primeiro ministro de Fiji ante o presidente Epeli Nailatikau. Nas eleccións xerais de Fiji de 2018, o FijiFirst obtivo de novo unha maioría absoluta e Bainimarama tomou posesión como primeiro ministro de Fiji para un novo mandato o 20 de novembro de 2018.
Traxectoria
Inicios Asistiu á Escola de Secundaria dos Irmáns Maristas en Suva, ao Instituto Asiático de Tecnoloxía preto de Bangkok e á Universidade de Dalhousie en Halifax, Nova Escocia. Ingresou na Mariña de Fiji en 1975 ascendeu a través dos rangos ata chegar a capitán en 1991. En 1997 foi nomeado Xefe de Persoal e en 1998 foi ascendido a comodoro converténdose en Comandante das Forzas Armadas en 1999.
Golpe de Estado en Fiji do 2000 Un grupo liderado por George Speight, un empresario que fora declarado en bancarrota tras a cancelación de varios contratos por parte do goberno, entrou nos edificios do Parlamento o 19 de maio de 2000. Durante 56 días o primeiro ministro Mahendra Chaudhry e a maior parte do seu goberno, xunto con moitos parlamentarios e o seu persoal, estiveron secuestrados mentres que Speight intentaba negociar co presidente, Kamisese Mara, quen denunciou o golpe de Estado e declarou o estado de emerxencia.
Crendo que o presidente Kamisese Mara non estaba a tratar con eficacia a situación, Bainimarama obrigou a Mara a dimitir o 29 de maio de 2000, no que algúns políticos chamaron "un golpe dentro do golpe" e formou un goberno militar interino, que negociou un acordo en virtude do cal os rebeldes liberarían a todos os reféns, incluído o deposto primeiro ministro Mahendra Chaudhry, e se renderían sen seren castigados. O goberno renunciou posteriormente á última parte do acordo e arrestou a Speight o 27 de xullo de 2000, con Bainimarama dicindo que asinara esa parte do acordo "baixo coacción".
Despois do golpe Asistiu entre 2002 e 2003 a diversos cursos de formación e conferencias en Fiji, Australia, Corea do Sur e Filipinas, ademais do Programa para Executivos Superiores en Seguridade Nacional e Internacional na Universidade Harvard nos Estados Unidos. En novembro de 2002 foi ascendido a contraalmirante, pero esta promoción foi revertida de novo a comodoro o 1 de febreiro de 2003.
A pesar da deterioración da súa relación co goberno, foi nomeado comandante das Forzas Armadas da República de Fiji o 5 de febreiro de 2004.
Destitución e golpe de estado de 2006 O 31 de outubro de 2006, mentres Bainimarama estaba en Exipto visitando as forzas de mantemento da paz no Oriente Medio, o presidente Iloilo destituíu a Bainimarama, nomeando no seu lugar ao tenente coronel Meli Saubulinayau que rexeitou o cargo. Os altos cargos militares de Fiji apoiaron a Bainimarama, que pediu rapidamente a dimisión do Goberno. Os gobernos de Australia, Nova Zelandia, Estados Unidos e outros chamaron á calma e pediron garantías de que os militares de Fiji non se levantarían contra o goberno.
A finais de novembro de 2006, Bainimarama envioulle a Qarase unha lista de demandas, unha das cales era a retirada de tres polémicos proxectos de lei, incluído o Proxecto de Lei Qoliqoli (que transferiría a propiedade dos recursos marítimos ao pobo fixiano ) e o Proxecto de Lei Reconciliación, Tolerancia, e Unidade, que tería ofrecido indultos condicionais ás persoas condenadas por participar no golpe de 2000. A pesar de novas conversacións en Suva e en Wellington, Nova Zelandia, Bainimarama deu ao primeiro ministro Qarase un ultimato para o 4 de decembro para que aceptase as súas demandas ou dimitise. Nun discurso televisado, Qarase acordou poñer en espera as tres polémicas leis, revisar o nomeamento de Andrew Hughes como comisario de policía (Bainimarama esixira a súa destitución) e dar á policía a opción de suspender as investigacións sobre os supostos actos de sedición do comandante. Rexeitou máis concesións e dixo que concedera todo o posible dentro da lei.
A continuación producíronse manobras militares, incluída a incautación de vehículos do goberno e a detención domiciliaria do primeiro ministro Qarase. O 5 de decembro, afirmouse que o presidente Josefa Iloilo asinara unha orde xurídica de disolución do parlamento tras reunirse con Bainimarama. O presidente emitiu posteriormente unha declaración negando categoricamente que asinase ningún decreto, e o comisario de policía exiliado, Andrew Hughes, implicou ao secretario de Iloilo na fabricación do decreto baixo as ordes do comandante Bainimarama.
Desde o 9 de decembro, detívose a persoal de medios de comunicación e coñecidos disidentes, e producíronse incidentes de intimidación e violencia cometidos contra figuras políticas. Informouse de que foi agredido Stuart Huggett, presidente da Comisión da Función Pública.
Bainimarama dixo en rolda de prensa o 15 de decembro que aceptaría asistir a unha próxima reunión do Gran Consello de Xefes, o corpo feudal facultado para elixir o presidente do país, vicepresidente e catorce dos trinta e dous senadores, só en calidade de presidente da República. Dixo que se o Gran Consello aínda recoñecese a Josefa Iloilo como presidente, boicotearía a reunión. Tamén condenou a invitación do Gran Consello ao deposto primeiro ministro, Laisenia Qarase, engadindo que a Qarase non se lle permitiría regresar a Suva para asistir á reunión.
O 6 de setembro de 2007, Bainimarama impuxo un renovado estado de emerxencia durante un mes, alegando que Qarase e o seu portavoz estendían mentiras e intentaban provocar desestabilización, tras o regreso de Qarase a Suva despois de estar confinado na illa de Vanua Balavu desde a súa expulsión do cargo. Bainimarama dixo que Qarase e o seu portavoz deberían volver a Vanua balavu e que poderían "falar dende alí".
Bainimarama converteuse en ministro de Economía interino o 18 de agosto de 2008 despois de que Chaudhry e os demais ministros do Partido Laborista se retirasen do goberno provisional.
Explicando o golpe A causa inmediata do golpe militar foi a negativa do primeiro ministro Qarase a retirar o Proxecto de Lei Qoliqoli. Bainimarama afirmou que os seus principais motivos para derrocar ao goberno de Qarase foron que era corrupto e que estaba a levar a cabo políticas racialmente discriminatorias contra a minoría indo-fixiana do país. Nun discurso que anunciaba publicamente o golpe, afirmou que as políticas de Qarase "dividiron a nación agora e terán consecuencias moi graves para as nosas futuras xeracións". Engadiu que "a aprobación das leis de Reconciliacións, Qoliqoli e Reclamacións sobre Terras minarán a Constitución, privarán a moitos cidadáns dos seus dereitos garantidos pola Constitución e comprometerán e minarán a integridade das Oficinas Constitucionais, incluído o poder xudicial". Explicou que modificaría os censos electorais baseados na raza, co fin de "levarnos á paz e á prosperidade e reparar a fenda racial cada vez máis grande que sofre actualmente a nosa nación multicultural".
En setembro de 2011, o goberno de Bainimarama introduciu un decreto que restrinxía duramente os dereitos laborais, co fin de "garantir a viabilidade e sostibilidade actuais das industrias nacionais esenciais". En concreto, o decreto prohibía todas folgas excepto en circunstancias excepcionais, someténdoas ademais á autorización do goberno caso por caso. Tamén restrinxiu o dereito dos traballadores a levar as súas queixas ante os tribunais de xustiza. O Congreso da Unión de Sindicatos de Fiji dixo que o decreto "ofrecía importanes armas aos empresarios para seren usadas contra os sindicatos [. . . ] expulsa aos sindicalistas profesionais, elimina os convenios colectivos existentes, promove un sistema interesado de axentes non profesionais para representar aos traballadores, restrinxe severamente a acción industrial, reforza as sancións contra os traballadores que se manifestan legalmente e prohibe os pagos de horas extras e outras bonificacións para os traballadores en operacións de 24 horas". Attar Singh, secretario xeral do Consello de Sindicatos das Illas Fiji, dixo: "Nunca vimos nada peor que este decreto. Sen dúbida está deseñado para decimar os sindicatos [...] dándolle aos empresarios unha vantaxe inxusta sobre os traballadores e os sindicatos". Amnistía Internacional dixo que o decreto ameazaba "os dereitos humanos fundamentais [...], incluído o dereito á liberdade de asociación e reunión e o dereito a organizarse".
Crise constitucional de 2009 En abril de 2009, a Corte de Apelación declarou ilegal a eliminación do goberno democrático durante o golpe militar do 2006. Bainimarama dimitiu o 10 de abril de 2009 como primeiro ministro interino.
O presidente Josefa Iloilo anunciou entón que abolía a Constitución, asumía todo o poder gobernante e revogaba todos os nomeamentos xudiciais.
Despois de abolir a Constitución e ignorar o poder xudicial, o presidente Iloilo nomeou de novo ao comandante Frank Bainimarama como primeiro ministro só 24 horas despois da súa marcha. O 24 de abril, o presidente nomeouno Compañeiro da Orde de Fiji en recoñecemento polos seus "logros e méritos do máis alto grao e servizo a Fdxi e á humanidade en xeral".
O 3 de novembro de 2009, Bainimarama expulsou os enviados de Australia e Nova Zelandia dándolles 24 horas para saír do país.
A polémica derivou da decisión de Bainimarama de nomear xuíces de Sri Lanka para substituír o poder xudicial do país, que foi expulsado en abril de 2009.
Ocupou o cargo de primeiro ministro ata as eleccións de 2014, onde gañou o seu partido, FijiFirst, e xurou o cargo como primeiro ministro de Fiji ante o presidente Epeli Nailatikau. Nas eleccións xerais de Fiji de 2018, o FijiFirst obtivo de novo unha maioría absoluta e Bainimarama tomou posesión como primeiro ministro de Fiji por un segundo mandato o 20 de novembro de 2018.
Monarquismo