Carles Grau Tallada, nado en Lloret de Mar o 10 de marzo de 1990, é un farmacéutico e xogador de hóckey a patíns español, que xoga de porteiro no FC Barcelona.

É irmán máis vello de Marc, Álex e Lluis Grau, todos eles xogadores da OK Liga.

Traxectoria Tras probar no judo, comezou a xogar ao hóckey a patíns, deporte ao que se acabarían dedicando tamén os seus irmáns máis novos, Álex, Lluis e Marc. Formouse como xogador no equipo da súa vila, o C.H. Lloret, co que debutou na OK Liga. Na tempada 2008/09 fichou polo FC Barcelona, co que xogou dúas tempadas, gañando dúas ligas, unha Supercopa de España, unha Copa de Europa, unha Copa Intercontinental e unha Copa Continental.

Tras xogar no CE Vendrell na tempada 2010/11, recalou ao ano seguinte no CP Vic, onde militou durante cinco tempadas. Co Vic xogou unha final da Copa CERS contra o Vendrell en 2013, e en marzo de 2015 conquistou a Copa do Rei, tras derrotar na final ao FC Barcelona, e sendo elixindo mellor xogador do torneo. En 2016 marchou para Portugal para xogar no FC Porto. Nas súas tres tempadas no club luso gañou dúas ligas portuguesas, dúas Copas, dúas Supercopas e foi dúas veces subcampión de Europa, tras perder as finais de 2017/18 e 2018/19 fronte a FC Barcelona e Sporting CP respectivamente.

En 2019 fichou polo HC Liceo, xunto a seu irmán Marc, pasando a xogar por primeira vez no mesmo equipo. Xunto a eles chegaron á Coruña outro par de irmáns, os xemelgos Bruno e Roberto Di Benedetto. Na súa primeira tempada no club galego acabou subcampión da OK Liga, despois de que os play-offs foran cancelados por mor da pandemia por coronavirus, subcampionato que repetiu na tempada seguinte, na que gañou a Copa do Rei. Na campaña 2021/22 proclamouse campión de liga, despois de derrotar na final ao Reus, e foi elixido mellor porteiro do campionato. Ao remate da competición deixou A Coruña para regresar despois de máis dunha década ao FC Barcelona, pasando a ocupar o oco deixado polo histórico Aitor Egurrola.

Selección española Conquistou coa selección española dúas Copas Latinas en 2010 e 2012, e en 2013 o Campionato do Mundo celebrado en Angola. Foi ademais subcampión do mundo en 2015 e obtivo o bronce europeo en 2016.

Palmarés FC Barcelona Copa Intercontinental (1): 2008. Copa de Europa (1): 2009/10. Copa Continental (1): 2007/08. OK Liga (2): 2008/09, 2009/10. Copa do Rei (1): 2023. Supercopa de España (2): 2008/09, 2022/23.

CP Vic Copa do Rei (1): 2014/15.

FC Porto Liga Portuguesa (2): 2016/17, 2018/19. Copa de Portugal (2): 2016/17, 2017/18. Supercopa de Portugal (3): 2017, 2018, 2019.

Liceo da Coruña OK Liga (1): 2021/22. Copa do Rei (1): 2021. Supercopa de España (1): 2021/22.

Selección española Campionato do Mundo (1): 2013. Copa Latina (2): 2010, 2012.

Individual Mellor porteiro da OK Liga (1): 2021/22.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Ficha do xogador en ceroacero.es

Categoría:Nados na provincia de Xirona Categoría:Nados en 1990 Categoría:Xogadores de hóckey a patíns de Cataluña Categoría:Xogadores do H.C. Liceo Categoría:Xogadores do FC Barcelona (hóckey a patíns)