Hertha Sponer, nada en Neisse (Reino de Prusia) o 1 de setembro de 1895 e finada o 27 de febreiro de 1968, foi unha física, química, investigadora e profesora universitaria alemá que realizou importantes contribucións á Mecánica cuántica e á Física molecular. Foi unha das primeiras mulleres en obter un doutoramento en Física en Alemaña e a primeira muller profesora na facultade de Física da Universidade de Duke.
Traxectoria Sponer pasou un ano na Universidade de Tübingen e despois matriculouse na Universidade de Göttingen, onde obtivo un doutoramento en investigación en 1920, baixo a supervisión de Peter Debye. Ao terminar os seus estudos traballou como asistente de James Franck no Kaiser Wilhelm Institut. Foi unha das primeiras mulleres en obter un doutoramento en Física en Alemaña en 1921 e ao mesmo tempo obtivo o privilexio de impartir clases nunha universidade alemá. Recibiu unha bolsa da Fundación Rockefeller en 1925, para realizar unha estancia na Universidade de California en Berkeley, onde permaneceu un ano. Durante o seu tempo en Berkeley colaborou con Raymond Thayer Birge, desenvolvendo o que agora se coñece como o método Birge-Sponer para determinar as enerxías de disociación.
Sponer publicara ao redor de vinte artigos científicos e ademais traballaba como profesora asociada de Física a principios da década de 1930. Cando Hitler chegou ao poder, James Franck renunciou á Universidade de Göttingen en abril de 1933, en protesta polo despedimento de varios colegas, e Sponer foi despedida ao ano seguinte, debido ao prexuízo dos nacionalsocialistas contra as mulleres académicas.Trasladouse a Oslo en 1934, para ensinar na Universidade de Oslo como profesora visitante, e comezou a traballar na Universidade de Duke en 1936, converténdose na primeira muller en impartir clases na facultade de Física. Permaneceu como profesora até 1966, cando foi nomeada profesora emérita, cargo que ocupou até a súa morte en 1968.
Durante a súa carreira académica realizou investigacións sobre Mecánica cuántica, Física e Química. Foi autora de numerosos estudos publicados, moitos deles en colaboración con físicos recoñecidos, entre eles Edward Teller. Fixo moitas contribucións á ciencia, incluída a aplicación da Mecánica cuántica na Física molecular e traballou nos espectros da absorción ultravioleta próxima. Estableceu un laboratorio de espectroscopia no departamento de Física da Universidade Duke, que máis adiante tivo o seu propio edificio.
Vida Persoal Sponer casou con James Franck en 1946, aínda que debido ás súas respectivas actividades tiveron que vivir en distintas cidades. A súa irmá Margot Sponer foi unha das pioneiras dos estudos galegos no mundo.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Margot Sponer
Categoría:Físicos de Alemaña Categoría:Nados en 1895 Categoría:Finados en 1968 Categoría:Profesores da Universidade Duke Categoría:Alumnos da Universidade de Tubinga Categoría:Alumnos da Universidade de Gotinga