Calidón (ou Calidonia) foi unha cidade grega situada ó norte do Golfo de Corinto, en Etolia, na Grecia occidental.
Foi fundada, de acordo coa mitoloxía grega, por Calidón, fillo de Etolo, rei da Élide (no Peloponeso), e de Prónoe. miniatura|300px|A cidade de Calidón, ó sur de Etolia Un dos seus reis, Eneo, esqueceu honrar a Artemisa durante uns sacrificios para ofrecer ós deuses os primeiros froitos dunha anada abundante, e a deusa vingouse deste desaire enviando un xabaril monstruoso que devastaba as terras e mataba o gando. Eneo conseguiu acabar con el grazas a un numeroso grupo de heroes do momento que se uniron para darlle caza.
Cando Heracles descendeu ó Hades para capturar a Cérbero, atopou a Meleagro e prometéralle desposar á súa irmá, Deianira. Por iso foi a Calidón a pedir a man de Deianira ó seu pai Eneo, e para conseguila tivo que vencer ó deus fluvial Aqueloo, que obrigara ó pai a concederlle a filla.
Nas inmediacións de Calidón existe unha fonte chamada Calírroe. Tratábase dunha doncela que rexeitou os amores dun sacerdote de Dioniso, Coreso. O sacerdote queixouse ó deus e este, como castigo, enviou unha epidemia de loucura sobre o país. Consultado o oráculo de Dodona, o ditame foi que se debía sacrificar ante Coreso unha doncela para aplacar ó deus, ou outra persoa que aceptase morrer no seu lugar. Os habitantes da cidade escolleron a Calíorre, pero o sacerdote, no momento se sacrificala, reviviu o amor que sentía por ela e non puido facelo, preferindo suicidarse. Ó ver este xesto, Calíorre tamén se suicidou xunto á fonte, que tomou o seu nome.
Os calidonios participaron na Guerra de Troia cun exército dirixido polo seu rei Toante, neto de Eneo.
Véxase tamén
Bibliografía
GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981. HIGINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, 173-173. OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017 [a numeración segue a utilizada neste texto]. PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].
Categoría:Lugares da mitoloxía grega