Antonio García Ameijenda, nado en Neaño (Cesullas, Cabana de Bergantiños) o 10 de febreiro de 1948, é un exfutbolista galego-arxentino.
Xogaba de centrocampista e destacou principalmente no San Lorenzo de Almagro, co que xogou durante unha década logrando catro campionatos arxentinos.
Traxectoria
Como futbolista Aínda que naceu en Cabana de Bergantiños, aos sete meses de idade marchou para Buenos Aires coa súa familia, que buscaba en terras arxentinas un futuro mellor. Xogou ao fútbol dende pequeno e aos 16 anos recibiu a chamada do San Lorenzo de Almagro, que o incorporou ao club.
Debutou co primeiro equipo da man do adestrador brasileiro Tim o 19 de novembro de 1967 contra River Plate no estadio Monumental. Disputou máis de 100 partidos coa camiseta do San Lorenzo, marcando 24 goles e acadando o Campionato Metropolitano de 1968 e o bicampeonato de 1972 (campión do Metropolitano e do Nacional), este baixo a dirección técnica do "Toto" Lorenzo, que lle deu unha personalidade especial ao equipo, coñecido nese período como o "equipo computadora". La nación
En 1970 volveu a Galicia para disputar co seu equipo a 25ª edición do Trofeo Teresa Herrera, onde caeron nos penaltis fronte ao Ferencvárosi de Flórián Albert. Entre 1972 e 1973 xogou no Red Star FC de París, volvendo logo ao San Lorenzo, co que gañou o campionato de 1974, converténdose nun dos únicos cinco xogadores de San Lorenzo con catro títulos, xunto a Roberto Telch, Sergio Villar, Victorio Cocco, e Agustín Irusta.
En 1975 pasou brevemente por Estudiantes de La Plata, antes de recalar en España, para xogar tres anos no Salamanca, en Primeira División. Marcou 8 goles en 72 partidos na mellor época do club salmantino, que conseguiu boas clasificacións na liga e chegou a unhas semifinais de Copa do Rei.
Volveu en 1978 á Arxentina, onde xogou no Club Atlético Huracán, no Gimnasia y Esgrima La Plata, no Club Deportivo Armenio e finalmente no Club Almagro.
Como axudante de Veira Despois da súa retirada converteuse en axudante do adestrador Héctor Veira en clubs como San Lorenzo de Almagro e Boca Juniors.
Palmarés
San Lorenzo de Almagro
Primeira División Arxentina (4): Metro 1968, Metro 1972, Nacional 1972, Nacional 1974
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com .
Categoría:Nados en Cabana de Bergantiños Categoría:Nados en 1948 Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Galegos da Arxentina Categoría:Xogadores do CA San Lorenzo de Almagro Categoría:Xogadores do Red Star FC Categoría:Xogadores da UD Salamanca Categoría:Xogadores do Club Estudiantes de La Plata Categoría:Xogadores do CA Huracán Categoría:Xogadores do Gimnasia y Esgrima de La Plata Categoría:Xogadores do Club Deportivo Armenio Categoría:Xogadores do Club Almagro