María del Carmen (Karmenka) Domínguez Álvarez, nada en Oviedo o 10 de setembro de 1969, é unha doutora en matemáticas experta en glacioloxía, aventureira e exploradora polar española, que foi cofundadora do proxecto Glackma, que desenvolveu un método único para o estudo do cambio climático.

Traxectoria Naceu en Oviedo pero aos 5 anos trasladouse coa súa familia a Salamanca, cidade na que vive actualmente. Estudou matemáticas aplicadas na Universidade de Groninga (Holanda) e na Universidade de Salamanca, pola que se doutorou en 1998 e onde é Profesora Titular dende 2001.

Apaixonada da natureza dende nena, na procura dunha aplicación práctica da matemática -que ela sempre considerou unha "caixa de ferramentas"-, acabouna atopando nunha charla de Adolfo Eraso en Madrid sobre o Perito Moreno que a converteu nunha entusiasta dos glaciares. Despois da súa primeira exploración no interior dun glaciar e despois da súa primeira inmersión na Antártida, tivo ben claro que o resto da súa vida estaría dedicada a dar a coñecer aos demais, a realidade das rexións polares.

O proxecto GLACKMA (Glaciares, Criokarst e Ambiente) púxose en marcha no ano 2001. Posteriormente no ano 2010 fundaron, co mesmo nome, unha asociación sen ánimo de lucro, para medir a descarga glaciar, é dicir, o xeo que se perde en forma de auga nos casquetes polares de ambos os hemisferios. Para iso implementaron diversas estacións de medición e recompilación de datos (tanto no Ártico como na Antártida), instaladas por eles mesmos a base de escalada, espeleoloxía avanzada e esforzos durísimos, que lles permiten coñecer a drenaxe no interior dos glaciares. Estas sondas proporcionan información actualizada e constante sobre a evolución do quecemento global.

A súa primeira expedición a Islandia tivo lugar no ano 1997 e dende entón realizou máis de 60 expedicións polares de ata tres meses de duración, pasando a noite en tendas de campaña en diversos lugares como: Antártida, Patagonia, Islandia, Svalbard e Siberia. "Karmenka" é o alcume que lle puxeron uns expedicionarios polares rusos e que ela elixiu como firma.

A importancia do Proxecto GLACKMA reside en que conseguiu pór en marcha unha rede de estacións de rexistro do desxeo glaciar a partir dun método único no mundo, conseguindo medir de maneira precisa a evolución do quecemento global. Con imbatible entusiasmo, gran profesionalidade e escasos fondos públicos, o Proxecto GLACKMA desenvolveu un revolucionario sistema de medición da descarga glaciar (xeo que se derrite) nos casquetes polares de ambos hemisferios. Levan dende o 2001 xerando series temporais con intervalo horario de descarga glaciar en cada unha das estacións que teñen implementadas. O que GLACKMA creou é un eficiente indicador do cambio climático. A asociación Glackma tamén se destaca pola súa faceta pedagóxica e de divulgación científica e foi declarada de Utilidade Pública polo Ministerio do Interior en 2015.

Obra

Diario Polar, GLACKMA (2011), ISBN 978-84-939348-1-1. Registro continuo de la descarga glaciar un indicador en tiempo presente de la evolución del calentamento global, Edicións Universidade de Salamanca (2008). ISBN 978-84-7800-333-4. ISBN 978-84-7800-333-3 (.pdf).

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina oficial do proxecto Glackma. Entrevista a Karmenka no Intermedio, na sección "Mujer tenía que ser". La Sexta.

Categoría:Matemáticos de España Categoría:Exploradores Categoría:Alumnos da Universidade de Groninga Categoría:Alumnos da Universidade de Salamanca Categoría:Nados en Oviedo Categoría:Nados en 1969 Categoría:Profesores da Universidade de Salamanca