Sanguñedo é un lugar da parroquia de Sanguñedo, no concello ourensán de Verea na comarca da Terra de Celanova. Nel atópase a igrexa parroquial. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2024 tiña 23 habitantes (11 homes e 12 mulleres), o que supón unha diminución en relación a 2020, cando tiña 29 habitantes.

Xeografía Este lugar dista da capital do concello 4,1 quilómetros pola estrada OU-0206.

A aldea é atravesada polo regato do Sobradiño e o Regato de Sanguñedo.

Toponimia O topónimo Sanguñedo é un fitotopónimo referido ao arbusto sangomiño, tamén denominado sanguiño, sanguino, sanguvino ou sanguineto (Rhamnus sanguineus) (Cornus sanguinea). Este arbusto require solos frescos e lixeiros. Gosta dos lugares húmidos e sombrizos. Atópase en terreos baixos ou de media montaña. A madeira é de excelente calidade, de cor branca rosada, moi dura e resistente. Utilizábase para facer mangos de ferramentas e pequenas pezas torneadas. As pólas magras empregábanse en cestaría, e as máis grosas para titores ou espeques na xardinaxe. Tamén foron utilizadas para facer setas, de feito o arqueiro prehistórico Ötzi levaba setas de sangomiño. En canto ao seu uso medicinal, a cortiza desecada é un potente laxante; mentres que os froitos, cocidos en leite, empregábanse para combater a sarna.

Patrimonio

Igrexa de San Salvador de Sanguñedo A igrexa de San Salvador foi construída a principios do século XVIII, conta con algúns elementos complementados no século XIX. Segundo a inscrición do canteiro que se atopa na fachada posterior, a obra foi rematada no ano 1707. A fachada ten unha porta de lintel sinxela e remata cunha cornixa curva. Nos extremos da cornixa érguense dous pináculos agudos rematados en esfera. O campanario está conformado por dous arcos romanos, nos cales se atopan dúas campás, unha por arco. Por riba deste corpo hai outros dous pináculos, similares aos situados na cornixa, e máis unha estrutura triangular sobre a cal está un pararraios ornamental con forma de cruz grega. A igrexa conta con tres altares; o altar maior ten un retablo construído en 1713 polo escultor Gregorio Álvarez, veciño de Quintela de Leirado e dourado por Agustín Vázquez; nel atópanse as imaxes da Inmaculada, San Francisco, Santo Antón e San Xosé. Os altares colaterais do Evanxeo da Nosa Señora do Carme e da Epístola da Nosa Señora das Dores, albergan as tallas da Virxe do Carme, Santa Tereixa, Santo Antón e San Bieito.

Cruceiro do Campo de Outeiro O cruceiro de Sanguñedo está situado no Campo do Outeiro, diante da igrexa de San Salvador de Sanguñedo a medio camiño entre o lugar de Sanguñedo e Outeiro. Data do mesmo século que a igrexa (s. XVIII). O pedestal consta de tres chanzos, sobre el atópase un varal, primeiro cuadrangular e logo octogonal, que engarza cun capitel dórico e remata nunha cruz florenzada ocupada, no anverso, por un Cristo de expresividade dramática con pano de pureza e, no reverso, por unha Virxe orante sobre anxo.

Galería de imaxes

Lugares e parroquias

Lugares de Sanguñedo

Parroquias de Verea

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Lugares de Verea Categoría:Lugares de Verea