O xénero chico é un xénero español de arte escénica e lírica. É un subxénero da zarzuela de formato breve típicamente nun acto, contraposto ó xénero grande que corresponde a obras de maior duración.

En ocasións chamouse erroneamente «opereta española» coma se fose o equivalente español da opereta vienesa e francesa, xénero co que non garda parentesco directo, aínda que algunhas zarzuelas chicas si que foron influídas polo estilo da opereta. A zarzuela chica difire da zarzuela grande, e de case tódalas formas de ópera, por producir obras de curta duración e por representar a miúdo temas lixeiros de corte popular.

Características e modalidades O xénero chico caracterízase pola súa non excesiva duración (unha hora ou menos), a escasa transcendencia do seu contido e a sinxeleza do seu argumento, con poucos personaxes e un só decorado. A súa temática adoita ser maioritariamente costumista.

Gerald G. Brown definiu a esencia do xénero chico dicindo que é a combinación lixeira de tipos populares (na venerable tradición dos pasos ou os entremeses) e a visión costumista dunha rexión ou cidade. Tivo a súa grande época na segunda metade do século XIX e primeira do XX e abarca distintas modalidades:

Revista cómico-lírica ou Revista clásica. Segundo Augusto Martínez Olmedilla, "era algo así como un xornal escenificado, con alusións políticas, sátira social, comentarios á actualidade e, ante todo, música". Como La Gran Vía (de Felipe Pérez, Federico Chueca e Joaquín Valverde); Los bandos de Villafrita (de Eduardo Navarro Gonzalvo e Manuel Fernández Caballero); De la noche para la mañana (de Andrés Ruesga e Enrique Prieto, con música de Chueca e Valverde)... Grandes especialistas en revista foron Guillermo Perrín e Miguel de Palacios, con títulos como El juício oral, Cinematógrafo nacional, Certamen nacional... Comedia lírica. Cun só decorado, poucos personaxes e ausencia de coros. Propia para escenarios pequenos. Sainetes, como La verbena de la Paloma (con libreto de Ricardo de la Vega e música de Tomás Bretón), ou La revoltosa (libreto de José López Silva e Carlos Fernández Shaw e música composta por Ruperto Chapí). Zarzuela lírica, como El dúo de La africana (con música de Manuel Fernández Caballero e libreto de Miguel Echegaray), Gigantes y cabezudos (tamén de Manuel Fernández e Miguel Echegaray) ou La canción del olvido (con libreto de Federico Romeu Sarachaga e Guillermo Fernández-Shaw e música de José Serrano). Xoguete cómico. Pezas nun acto exclusivamente dramáticas ou lírico-dramáticas, no caso de que se intercalaran cancións e bailes populares por aquela época (polcas, machichas, garrotín, chotis etc.). Por exemplo, Los niños llorones, El terrible Pérez, El pobre Valbuena e El pollo Tejada, todas de Carlos Arniches, especializado en costumismo madrileño. Melodrama comprimido. Por exemplo, El puñao de rosas, Doloretas, Alma de Dios e Los granujas, todos eles de Carlos Arniches. Sainete andaluz, como os dos Irmáns Quintero ou os de Pedro Muñoz Seca Parodia teatral, destacando neste xénero especialmente Salvador María Granés con, entre outras, as súas parodias de Thermidor e La fosca (de La Tosca) e La Golfemia (desde La Bohème), estas últimas de Giacomo Puccini). Xénero ínfimo, con concesións ás variedades e a opereta, de breve duración e carácter picante, no que destacou especialmente o músico Rafael Calleja e autores como Antonio Asenjo.

Orixe e desenvolvemento

Contexto histórico A zarzuela grande viña evolucionando xunto á política española, xa desde Filipe IV, que introduciu o xénero para amenizar as súas festas no Palacio da Zarzuela. Cos sucesivos monarcas o xénero zarzuela pasou por numerosos períodos cun constante vaivén entre crear unha ópera nacional, ou copiar a italiana.

Pero as circunstancias políticas do país pronto se volverían tensas. O reinado de Isabel II atópase en plena crise, e acaba caendo coa Revolución de 1868, de carácter liberal. O país atópase sumido nunha crise a todos os niveis: económico, político, e tamén ideolóxico (o liberalismo e o republicanismo atópanse no seu apoxeo). A xente atópase nerviosa por toda a inestabilidade do país (acrecentada co asasinato do xeneral Prim en 1870, pero en xeral como consecuencia dun longo proceso e doutras moitas causas). Por todo iso, ademais da complicada situación económica, a asistencia aos espectáculos sofre unha forte baixa. Unha boa entrada para o teatro rolda os 14 reais, cantidade que o cidadán medio non se podía permitir pagar para algo que nin tan sequera sabía se sería do seu agrado. O alto prezo sumado á incerteza nacional some á maioría dos teatros de zarzuela nunha forte crise, roldando a bancarrota a miúdo.

Nacemento Para contrarrestar a crise do teatro, Juan José Luján, Antonio Riquelme e José Vallés, tres actores, teñen a idea de dividir a tarde de teatro en 4 partes, a razón dunha hora cada unha, creando as chamadas sesións por horas, que apenas custaban un real, e escenificábanse en modestos teatros. Así mantense a ocupación do teatro alta, pois a xente acode máis debido aos prezos baixos. Os empresarios enseguida acollen a idea, necesitados de público pero as obras son antigas e empezan a facerse reformas de calquera obra da historia do teatro.

Para iso tentan repetir o éxito do teatro bufo, que copiaba o modelo de ópera cómica de Offenbach, e foi traído polo empresario Arderíus ao teatro Variedades de Madrid, onde experimenta un breve pero fulgurante momento de éxito en Madrid (co mozo Telémaco como obra de referencia). O modelo do bufo é o dunha obra breve, de argumento sempre desatinado e impredicible, que tende á caricatura e mofa lixeira de todo tipo de temas como os mitos históricos, a realeza, o exército, a política etc. Para iso recorre a música agradable, intranscendente, e a certo erotismo para a súa época e exotismo. Os bufos no entanto veranse eclipsados rapidamente pola expansión do xénero chico e desaparecen en 1873.

Como se necesitan obras breves, que collan nunha hora de espectáculo, retómanse nun primeiro momento obras antigas xa estreadas e cun éxito xa probado entre o público, como poderían ser El maestro de baile (moi anterior ao xénero chico, de Luís Misón), ou obras máis recentes como Una vieja (Gaztambide) ou El grumete (Arrieta). Estas primeiras obras considerábanse secundarias e programábanse como tales ó lado de zarzuelas maiores, pero co cambio de gusto e a tendencia cara aos nacionalismos e a ópera alemá, o gusto italiano, que copiaban as zarzuelas maiores, caerá en desuso, mentres o carácter destas pequenas obras reloce en por si. Ademais, ao tempo prográmanse novas obras breves que cumpren este esquema en canto a lonxitude e temática alegre, notablemente influída polos bufos (con títulos máis ben suxestivos como La hoja de parra ou Dice el sexto mandamiento). Pero realmente pasan anos até crearse as primeiras obras con música propia, e o primeiro grande éxito non chega até 1879, con La salsa de Aniceta no teatro Apolo, ao que segue pouco despois El lucero del alba de Manuel Fernández Caballero que logra un grande éxito para os seus intérpretes. Segundo "Chispero" este é o verdadeiro nacemento do xénero chico.

É doado ver por tanto que o obxectivo do xénero chico será o puro entretemento e a diversión do público; en contraposición aos temas máis serios ou dramáticos, e a acción complicada da zarzuela «maior», o xénero chico simplifica todo iso, para tratar temas máis ben costumistas, acerca da vida cotiá en Madrid, de talante disparatado sempre e caricaturesco. Por iso ten tanto éxito entre o público; ademais do seu prezo reducido, a xente podía seguir facilmente o argumento e sentirse identificada cos personaxes que trataba, que os reflectían e, en tempos complicados, téndese a buscar a evasión no entretemento, que permita non pensar no «mundo exterior».

Desenvolvemento Durante a década de 1870 vaise afianzando o xénero que se desenvolve seguindo un modelo similar ao da literatura realista da época, con forma musical de sainete lírico. Estréanse El gorro Frigio de Miguel Neto e Chateau Margaux de Fernández Caballero, dous importantes autores de zarzuela.

O xénero chico recibirá a lombeirada definitiva con La Gran Vía (Chueca e Valverde), no verán de 1886. A obra terá tanto éxito que pasará dos teatros de verán ao Apolo, e será repetida varias tempadas. Trátase dunha serie de sainetes animados, pero non relacionados, que tratan temas de actualidade, ao redor desta rúa de Madrid que na época estaba aínda en proxecto. Federico Chueca é un dos autores máis prolíficos e máis importante do xénero chico, colaborando nas súas obras a miúdo con Joaquín Valverde. Outras obras súas: El año pasado por agua, Agua, azucarillos y augardente, La alegría de la huerta, El arca de Noé, Los descamisados etc.

Outro modelo de obras moi común sería a comparación de 2 lugares: De Madrid a París (Chueca e Velarde) ou De Getafe al paraíso (Barbieri, aínda que en dous actos), Cádiz (Valverde), obra moi popular. Outros autores importantes da época eran Giménez, Quinito Valverde (o fillo de Joaquín), Tomás López Torregrosa (San Antón e El santo de la Isidra), o citado Fernández Caballero (El dúo de la africana, El cabo primero, La viejecita, e Gigantes y cabezudos), Jerónimo Jiménez (El baile de Luís Alonso e La boda de Luís Alonso, a súa segunda parte).

Un autor moi importante é Ruperto Chapí, que pasa a vida dubidando entre a súa pretensión de crear unha ópera española, e as súas composicións de modesto xénero chico. Neste último encádranse as súas obras Música clásica, La revoltosa, Las 12 y media y sereno!, e El tambor de granaderos.

Para rematar, outra das obras máis coñecidas, La verbena de la Paloma, que curiosamente está escrita por un autor que non tivo máis éxitos, Tomás Bretón. Esta popular composición xurdiría despois dalgúns anos de experimentos do seu creador.

O xénero chico decaerá en importancia rapidamente cando entra o novo século.

Escenarios En canto aos lugares onde se programa xénero chico, a idea das sesións por horas comeza sendo patrimonio de teatros humildes, como o do Recreo. Mentres a crítica se ceba co xénero, recolle un grande éxito de público e é acollido por algúns teatros máis, ata que os seus creadores acaban recalando en salas de certa consideración como o teatro Variedades, que deixaran libre os bufos. Pero o lugar máis importante foi o teatro Apolo, inaugurado en 1873, onde, trala crise da zarzuela grande, comezan a programar xénero chico e vense desbordados polo seu éxito popular. O Apolo é considerado o auténtico baluarte do xénero, moi coñecido porque se popularizou a súa cuarta sesión, «a cuarta de Apolo», que era en horario nocturno e estaba sempre poboada de personaxes de dubidosa caste e auténticos lerchos (como moitos dos personaxes que se representaba nas obras).

Ademais de nos teatros, o xénero chico representábase en pequenos cafés, e durante o verán en escenarios máis modestos como as populares corralas. centro|miniatura|450x450px|A Corrala de Sombrerete, en Lavapiés, un dos escenarios máis populares do chamado xénero chico.

Actores especializados en xénero chico José Deleito y Piñuela e Margot Versteeg son do parecer que foi Bonifacio Pinedo o actor máis completo que se especializou nun xénero no que tamén destacou Emilio Mesejo, entre outros. Moitos deles adoitaban tamén improvisar "morcillas" de actualidade, como Ramón Rosell ("capaz de sacar materia cómica dun sarcófago", segundo Sentaurens), Antonio Riquelme, Emilio Carreras, Julio Ruiz, José Ontiveros e Manolo Rodríguez.Margot Versteeg, De fusiladores y morcilleros: el discurso cómico del género chico, 2000

O "sainete lírico" como forma do xénero chico