María Concepción Jesusa Petra Luisa Vicenta Arenal Ponte, nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893, foi unha diplomada en Dereito, xornalista, precursora do feminismo, "xenuinamente a pensadora ferrolá non foi unha feminista no sentido máis estrito" poeta e autora dramática galega. É considerada unha das pensadoras máis lúcidas e prestixiosas do século XIX dentro e fóra do país. Foi a primeira muller en asistir a unha Universidade española.

Traxectoria Infancia Concepción Arenal naceu nunha modesta casa do barrio de Ferrol Vello, no número 26 (hoxe 177) da rúa Real, no barrio da Magdalena.T. 321 do Libro de Rexistro da Propiedade de Ferrol, segundo cita Era filla dun militar liberal nado na localidade cántabra de Armaño (Cillorigo de Liébana), Ángel del Arenal, e de Concepción Ponte Tenreiro, que procedía da pequena nobreza galega. A súa infancia estivo marcada pola persecución, represión e desterro que sufriu o seu pai a causa das súas ideas liberais, e pola súa morte prematura a consecuencia delas. Quedou orfa de pai aos nove anos instalándose a súa nai viúva e as tres fillas (Concepción, Antonia e Luísa) en Armaño, no val de Liébana. No ano 1830 morreu Luísa, a súa irmá máis nova. En 1835 abandonaron a aldea e trasladáronse á capital de España.

Formación Estudou en Madrid, nun colexio para señoritas, cun tipo de educación para nenas de clases acomodadas que máis tarde ela mesma se encargaría de someter a severa crítica por tratarse da "arte de perder o tempo". Mais a maior parte da súa cultura e formación acadouna de xeito autodidacta, especialmente a través da lectura, á que se afeccionou polo contacto coa biblioteca que a súa familia paterna tiña en Armaño, onde se trasladou coa súa nai e as súas dúas irmás tras quedar orfa de pai. Nestes primeiros anos en Madrid aprendeu nos seus estudos a comportarse en sociedade como era desexo da súa nai, coa que tiña constantes confrontacións, pero tamén aprendeu francés e italiano de forma autodidacta. En 1840 regresa a Armaño a coidar da súa avoa Jesusa cando esta enfermou. Tiña vinte e un anos cando morreu a súa nai. miniatura|Concepción de moza. Asistiu á Universidade vestida de home, ás aulas da carreira de Dereito Penal e Xurídico, xa que nese momento non se permitía legalmente o acceso das mulleres aos estudos superiores en España. Cortou o cabelo, vestiu levita, capa e sombreiro de copa. Cando se descubriu a súa identidade, interveu o reitor. Tras un exame satisfactorio foi autorizada a asistir ás clases, cousa que fixo desde 1842 a 1845.

Familia O 10 de abril de 1848 casou con Fernando García Carrasco na parroquia de San Ildefonso, no barrio de Malasaña. Con el compartiu inquedanzas e traballo intelectual, amosando un modelo de igualdade na parella; asistían xuntos ós faladoiros do café Iris, ela vestida de home, segundo Antonio Cánovas del Castillo. A parella tivo unha filla, Concepción, e dous fillos, Fernando e Ramón. A filla morreu ós 28 meses por hidrocefalia aguda.. Despois do derradeiro parto a saúde de Concepción Arenal quedou delicada para o resto da súa vida."Cronología de Concepción Arenal" Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes . Quedou viúva aos trinta e sete anos e o seu fillo Ramón (Madrid 1852 - A Habana 1884) tamén morreu prematuramente."Cronología de Concepción Arenal" p. 2 Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes . Ao morrer o seu marido deixou de poder publicar artigos en prensa a consecuencia dunha lei que obrigaba a asinalos. A partir de 1859, froito dunha intensa actividade intelectual, comeza a ser visible o seu traballo na prensa. Logo de morrer o seu home instalouse en Colloto, en Oviedo e máis tarde en Potes, na actual rúa de San Roque. A súa neta Concepción García-Arenal Winter, filla de Fernando García Arenal, era tamén sobriña do enxeñeiro, pedagogo e escritor Ernesto Winter, e dona do enxeñeiro e inventor Federico Cantero Villamil. miniatura|Por Eugenio Duque y Duque, no Museo de Pontevedra. Foi nomeada "visitadora de prisións de mulleres" en 1864, posto que foi suprimido definitivamente dez anos despois. Na Coruña trabou unha grande amizade con Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina. Concepción Arenal asistía ao parladoiro que organizaba a condesa na súa casa da rúa Real e as dúas promoveron unha asociación para visitar as mulleres presas chamada das "Magdalenas". Concepción Arenal escribía cartas dirixidas ás reclusas nas que explicaba o contido do Código penal daquela vixente (o de 1850) e comentaba algúns artigos, especialmente os que facían referencia a delitos cometidos por mulleres. Juana de Vega era a que se encargaba de lerlles esas cartas ás presas mentres Concepción Arenal se dedicaba a observar as actitudes destas durante a lectura.

Últimos anos As dúas últimas décadas da súa vida pasounas co seu fillo Fernando, primeiro en Xixón e, tras un breve paso por Pontevedra, en Vigo. Foron anos de moi intensa actividade social e intelectual, malia o seu precario estado de saúde. Salvo pequenos períodos e por motivos de empeoramento da súa saúde, Concepción Arenal non deixou de escribir, estudar e revisar as súas propias obras e ideas, até o fin da súa vida. Boa proba diso constitúea a súa ampla bibliografía, que se agrupa, fundamentalmente, ao redor de tres grandes temas: as denominadas "cuestión social", "penitenciaria" e "feminina". A súa obra tivo repercusión internacional malia que Concepción Arenal non saíu nunca de España. Porén, enviou informes a congresos internacionais que foron obxecto de unánime aplauso por parte dos expertos alí presentes; colaborou en publicacións e libros editados en francés e inglés; ilustres personaxes do ámbito penal e penitenciario, como Roeder e E. C. Wines, eloxiaron a súa obra e persoa; libros seus, como El visitador del pobre e El visitador del preso escritos en castelán foron traducidos a outras linguas.

A influencia do ideario liberal e do krausismo foi fundamental na súa obra aínda que o seu pensamento era orixinal e tivo importancia tamén na súa vida pola amizade con Manuel de la Cuesta, Salustiano Olózaga, Juana de Vega, Fernando de Castro, Francisco Giner de los Ríos e Gumersindo de Azcárate.

miniatura|No monumento nos Cantóns da Coruña. Con Concepción Arenal naceu o feminismo en España, pois dende nova loitou por romper os canons establecidos para a muller, rebelándose contra a tradicional marxinación do sexo feminino, e reivindicando a igualdade en todas as esferas sociais para a muller.

Morreu o 4 de febreiro de 1893 en Vigo e foi inhumada no Cemiterio de Picacho. Os seus restos foron trasladados en 1912 ao cemiterio de Pereiró.Vida Gallega (abril 1912), Ano IV Número 38, p. 15 No seu epitafio o lema que a acompañou durante toda a súa vida: Á virtude, a unha vida, á ciencia.

Obra miniatura|Por Aniceto Marinas en Ourense.Alcalá Martín, Alfonso: Galicia, revista quincenal ilustrada Ano II Num. 28 (15/09/1907) Fábulas en verso originales. Madrid, Tomás Fortanet. 1851. La beneficencia, la filantropía y la caridad. Madrid, Imprenta del Colegio de Sordo-Mudos y de Ciegos, 1861 Manual del visitador del pobre. Madrid, Imprenta de Tejado, 1863. Traducido ao francés, Manuel du visiteur du pauvre (París, Ambroise Bray Libraire-Editeur, 1864). Cartas a los delincuentes. A Coruña, Imprenta del Hospicio, 1865. El reo, el pueblo y el verdugo, o la ejecución pública de la pena de muerte. Madrid, Establecimiento Tipográfico de Estrada, Díaz y López, 1867. La voz que clama en el desierto. A Coruña, Tipografía de la Casa de Misericordia, 1868. Examen de las bases aprobadas por las Cortes, para la reforma de las prisiones. Madrid, Imprenta de la Revista de Legislación, 1869. A muller do porvir. Foi publicado en 1869, e traducida ao galego en 2020 por María Alonso Seisdedos.A autora incluíu a seguinte dedicatoria: "Presento este libriño, e se te propós lelo, débesme agradecer que sexa tan breve, porque o asunto é extenso, e asegúroche que me custou moito non dicir máis sobre el. [...] Cantos se dirixen a ti adoitan ter o propósito de te atraer á súa crenza, á súa opinión; as miñas pretensións son máis modestas: non pretendo persuadirte nin convencerte; toda a miña ambición limítase a que, tras concluíres estas páxinas, dubides e digas, primeiro para ti e despois para os outros: «Non terá razón esta muller en algo do que di?". Estudios penitenciarios. Madrid, Imprenta de T. Fortanet, 1877. La cárcel llamada Modelo. Madrid, Imprenta de T. Fortanet, 1877. Las colonias penales de la Australia y la pena de deportación. Madrid, Imprenta y Librería de Eduardo Martínez, 1877. "La récidive en Espagne", Bulletin de la Société Générale des Prisons, 6 (xuño de 1878), p. 575-586. Ensayo sobre el derecho de gentes. Madrid, Imprenta de la Revista de Legislación, 1879. "Hay Irlanda, pero no Cobden", La Ilustración Gallega y Asturiana, 34 (8 de decembro 1880), p. 418-419. "Mi vida. A... que me pedía con insistencia apuntes para escribir mi biografía", La Ilustración Gallega y Asturiana, 31 (8 de novembro 1880), p. 385. Cuadros de la guerra. Ávila, Imprenta de la Propaganda Literaria, 1880. La cuestión social. Cartas a un obrero y a un señor. Ávila, Imprenta de la Propaganda Literaria, 1880. La instrucción del pueblo. Madrid, Real Academia de Ciencias Morales y Políticas (Tip. Guttenberg), 1881. "Lettre à M. Le Directeur General de L’Administration Pénitentiaire D’Espagne", Bulletin de la Société Générale des Prisons, 4 (abril 1883), p. 468-475. La mujer de su casa. Madrid, Gras y Compañía Editores, 1883. "Idea del cielo", en Almanaque de las damas para 1885, Porto Rico, Imprenta y Librería de José González Font, 1884. "Clinique criminelle", Bulletin de la Société Générale des Prisons, nº 7 (novembro 1886), p. 857-866. "Psychologie comparée du délinquant", Bulletin de la Société Générale des Prisons, 5 (maio 1886), p. 647-655. "La educación de la mujer", Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, T. XVI (1892), p. 305-312. El delito colectivo. Madrid, La España Moderna, 1892. El visitador del preso, Madrid, La España Moderna, 1894. Obras Completas, Madrid, Librería de Victoriano Suárez, 1894-1913. "Estado actual de la mujer en España", Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, T. XIX (1895 ), p. 239-252. Manuel du visiteur du prisonnier, París, Au Secrétariat de l’Oeuvre des Libérées de Saint-Lazare, 1893. Informes presentados en los Congresos Penitenciarios de Estocolmo, Roma, San Petersburgo y Amberes. Madrid, Librería de Victoriano Suárez, 1896. El pauperismo. Madrid, Librería de Victoriano Suárez, 1897. "A Méndez Núñez", en Vigo y Doña Concepción Arenal. El libro de la velada (10 de setembro de 1897), Madrid, Establecimiento Tipográfico de la viuda e hijos de Manuel Tello, 1898. La igualdad social y política y sus relaciones con la libertad. Madrid, Librería de Victoriano Suárez, 1898. "Juicio crítico de las obras de Feijoo", en Antología popular. Buenos Aires, Editorial Galicia, 1966 Dios y libertad. Pontevedra, Deputación Provincial, 1996.

Premios e recoñecementos En 1860 o seu traballo La beneficiencia, la filantropía y la caridad gañou o concurso convocado pola Real Academia de Ciencias Morales y Políticas.Esta obra asinouna co nome do seu fillo, que daquela tiña de dez anos Coa revelación da súa autoría, esta obra converteuse na primeira obra escrita por unha muller premiada por esta entidade. En 1877 gañou o primeiro premio do concurso convocado en 1875 pola Real Academia de Ciencias Morales y Políticas en relación ás colonias penitenciarias baixo o poder de España, coa memoria Las colonias penales de Australia y la pena de deportación. Accésit no concurso da Real Academia de Ciencias Morales y Políticas en 1878 co traballo La instrucción del pueblo. O seu poema Oda a la esclavitud gaña o primeiro premio do certame literario convocado pola Sociedad Abolicionista en 1865.