Carlos X de Francia, nado no Palacio de Versalles o 9 de outubro de 1757 e finado en Gorizia (Iliria) o 6 de novembro de 1836, foi rei de Francia e NavarraAchaintre, Nicolas Louis (1825), Histoire généalogique et chronologique de la maison royale de Bourbon, volume 2, ed. Mansut, páx. 269O título navarro era simbólico, xa que o Reino de Navarra (Baixa Navarra) fora abolido en 1789 e os seus territorios quedaran integrados en Francia: entre 1824 e 1830. Foi o último rei borbón de Francia, e o último que tivo unha cerimonia de coroación.

Traxectoria Primeiros anos Neto de Lois XV e a súa esposa, a princesa polaca María Leszczyńska, e fillo máis novo de Lois, Delfín de Francia, que nunca reinou, e da súa esposa alemá, María Xosefa de Saxonia. Carlos era irmán de Lois XVI, deposto e executado durante a Revolución Francesa, e tamén do rei Lois XVIII, que reinou trala caída de Napoleón. Levou o título de conde de Artois.

Foi bautizado o 19 de outubro de 1761 cos nomes de Carlos Felipe polo arcebispo Carlos Antonio de La Roche-Aymon na Capela Real de Versalles en presenza de Jean-François Allart, sacerdote da igrexa de Nosa Señora de Versalles. A súa madriña foi a súa tía Sofía de Francia e o seu padriño o rei Carlos III de España, representado polo futuro Lois XVI, o seu irmán.

Matrimonio e descendencia O 16 de novembro de 1773, contraeu matrimonio con María Tareixa de Savoia (1756-1805), filla de Vítor Amadeu III de Savoia e da infanta María Antonieta de Borbón. O matrimonio tivo catro fillos: Lois Antón, duque de Angulema (1775-1844), casado coa súa prima María Tareixa de Francia, filla de Lois XVI e de María Antonieta de Austria. Sofía, Mademoiselle de Artois (5 de agosto de 1776-5 de decembro de 1783), finada con sete anos. Carlos Fernando, duque de Berry (1778-1820), casado en primeiras nupcias cunha dama inglesa, e despois con Carolina de Borbón-Dúas Sicilias. María Teresa, Mademoiselle de Angulema (6 de xaneiro de 1783-22 de xuño de 1783), finad aos cinco meses.

O seu fillo favorito era Carlos Fernando, que se parecía moito a el, tanto física como moralmente. O máis vello, Lois Antón, polo contrario era tímido e sufría de miopía e tics nerviosos.

Carlos, a diferenza dos seus irmáns máis vellos, que tiñan tendencia ao sobrepeso, era un home aposto e atractivo. A súa esposa non era considerada fermosa e Carlos tivo moitas amantes durante a súa vida, como Louise de Polastron. miniatura|Carlos en 1793 Revolución e exilio Exiliado de Francia mesmo antes da toma da Bastilla, o conde de Artois foi un dos símbolos máis salientábeis da contrarrevolución, residindo durante moitos anos en Gran Bretaña ata que a caída de Napoleón permitiu que o seu irmán Lois XVIII ascendese ao trono de Francia.

Volta do exilio: reinado de Lois XVIII e os ultramonárquicos Durante o reinado de Lois XVIII, o futuro Carlos X representou a rama máis extremista do conservadorismo, liderando en segredo o partido ultramonárquico, do que se dicía que era "máis monárquico có rei". Ao contrario que o seu irmán o rei, que se mostraba conciliador e perdoou os partidarios de Napoleón, o conde de Artois avogaba polo castigo aos participantes da Revolución, o que deu lugar ao chamado Terror Branco.

Os ultramonárquicos foron gañando poder progresivamente, e segundo máis enfermo se atopaba o monarca, máis poder delegaba no seu irmán de Artois. A morte de Lois XVIII e o ascenso de Carlos X cubriu as expectativas do partido.

Reinado 400px|miniatura|Coroación de Carlos X por François Gérard miniatura|300px|Manto da coroación de Carlos X 250px|miniatura|40 francos coa efixie de Carlos X Á morte de Lois XVIII en 1824, Carlos X herdou o trono francés e foi coroado o 29 de maio de 1825 na catedral de Reims. Foi a última coroación dun rei en Francia. O reinado de Carlos X estivo marcado polas inmensas tensións coa burguesía francesa, e, en xeral, coas ramas máis liberais do estamento político; as pretensións absolutistas e ultramonárquicas de Carlos X non atopaban espazo nun sistema político formado na súa maioría por grupos políticos liberais, que era patente que tiñan o apoio popular suficiente para controlar a Cámara de Deputados, se ban a fraude electoral previña esa circunstancia.

A incomodidade do rei e dos seus partidarios ultramonárquicos ante esta situación foi evidente desde o principio do seu reinado, e os ultramonárquicos non dubidaron en tratar de dominar a política francesa recorrendo á fraude electoral, á chantaxe e ao libelo, o que provocou un gran descontento entre a burguesía liberal e as clases populares; este descontento manifesouse cando en abril de 1827, Carlos X estaba a pasar revista á Garda Nacional: os gardas non dubidaron en proferir insultos e ameazas contra o rei ante a impotencia dos oficiais e Carlos X tivo que fuxir precipitadamente. Días despois, Carlos X, asustado pola posibilidade de que a Garda Nacional o derrocase, ordenou a súa disolución. Porén, o episodio deixara clara a débil posición da monarquía, que foi incapaz de desarmar a Garda trala disolución.

A política ultramonárquica de Carlos X concretábase nas iniciativas lexislativas desenvolvidas por un dos seus principais apouos, o primeiro ministro Jean-Baptiste de Villèle, que exercía o cargo desde o reinado de Lois XVIII. Era sabido que as principais leis promovidas polo primeiro ministro eran parte dunha lista de leis que Carlos X lle entregara ao principio do seu reinado, e que quería ver ratificadas pola Cámara de Deputados e a dos Pares o antes posible. Estas leis, tremendamente impopulares, ían encamiñadas a outorgar grandes poderes e privilexios á nobreza e ao clero, en detrimento do terceiro estado; en definitiva, a iniciativa lexislativa de Carlos X pretendía abolir os principais logros da Revolución. En 1825 aprobouse unha das leis máis polémicas, destinada a indemnizar a todos aqueles nobres que foran donos de terras expropiadas durante a Revolución. A lei Anti-Sacrilexio dese mesmo ano convertía en delito penal calquera ofensa cometida contra a Igrexa Católica; esta lei foi empregada como instrumento de vinganza política contra moitos políticos liberais.

Non obstante, o episodio da Garda Nacional de 1827 puxo de manifesto o desgaste de Carlos X. En novembro dese ano, o ultramonárquico Villèle perdeu a mayoría parlamentaria, e foi desprazado do poder. O seguinte primeiro ministro, Jean-Baptiste de Martignac, era un político moderado a quen Carlos X detestaba. O rei pensou no ministerio deste como nun mal pasaxeiro, e non dubidou en conspirar contra o seu primeiro ministro, que se viu forzado a dimitir en agosto de 1829. Martignac foi sucedido polo ultramonárquico Jules de Polignac, amigo do rei de escasa intelixencia política. Porén, o ascenso de Polignac coincidiu coas eleccións do 30 de agosto de 1829, en que os ultramonárquicos perderon calquera posibilidade de controlar as cámaras lexislativas. O abandono das filas promonárquicas do conservador Chateaubriand, moi descontento coa elección de Polignac, deixou estes en minoría, polo que Polignac e Carlos X manobraron para non convocar as novas cámaras ata marzo de 1830, previndo iniciativas lexislativas de tendencia liberal. Mentre, en xaneiro de 1830, Carlos X declarou a guerra a Alxeria debido a que o vicerrei Hussein Dey expulsara o cónsul francés na zona; con esta guerra Carlos X esperaba distraer a atención do público da situación política interna.

Finalmente, o 2 de marzo de 1830, Carlos X tivo á fin que convocar as Cámaras para inaugurar a lexislatura. No seu discurso inaugural ante elas agardábase que Carlos se mostrase moderado e conciliador, mais en vez diso, fixo un panexírico da súa política, xustificando a elección de Polignac como primeiro ministro e obviando o talante eminentemente liberal das novas cámaras. Estas viron no discurso do rei unha provocación á que responderon o 18 de marzo votando un decreto que esixía que o gabinete e os ministros do rei contasen coa aprobación das cámaras. O día anterior, coñecendo a inminente iniciativa, o rei e o seu goberno convocara eleccións xerais para xullo, e o 19 de marzo Carlos X disolvía as cámaras. O descontento popular foi inmenso.

Previndo unha derrota electoral, Carlos X non dubidou en tratar de manipular as eleccións, que comezaron o 23 de xuño; o 6 de xullo, vendo que a súa situación política era moi precaria, o rei foi urxido por Polignac a que invocase o artigo 14 da Constitución, que permitía suspendela ante unha situación de emerxencia, outorgando poderes extraordinarios ao monarca. Mediante o exercicio dos poderes de emerxencia, Carlos X pretendía convocar unhas novas eleccións e manipular os resultados ao seu favor, o que esixía en primeira instancia poder nomear prefectos provinciais afíns ao partido ultramonárquico. De limitarse a iso, o autogolpe de estado talvez tivese éxito, mais aconsellado por Polignac, o consello de ministros redactou as Ordenanzas de Xullo, un conxunto de catro ordenanzas encamiñadas a abolir a liberdade de prensa, disolver a nova cámara de deputados, alterar o sistema electoral e convocar novas eleccións para setembro. Polignac cría que deste xeito o éxito do golpe estaba garantido.

Revolución de Xullo miniatura|300px|A liberdade guiando o poco, de Eugène Delacroix, alegoría da revolución de 1830 Carlos X asinou as ordenanzas no Château de Saint-Cloud o 25 de xullo, crendo así rematada a criste política que el mesmo iniciara. As ordenanzas publicáronse no Moniteur (o boletín oficial do estado) o 26 de xullo, causando unha fonda sorpresa en París. Aínda que nun primeiro momento pareceu que o pobo non ía reaccionar ante elas, axiña se demostrou o contrario: a prensa liberal, encabezada polo xornalista Adolphe Thiers, e que ía ser abolida de facto grazas ás ordenanzas, comezou a chamar á resistencia contra as pretensións do monarca. O 26 de xullo pola tarde, unha inmensa multitude comezou a reunirse nos xardíns do Palais-Royal, un lugar simbólico desde a Revolución francesa. Os gritos de "Abaixo os Borbóns!" e "Viva a Constitución" sucedéronse; esa noite, a policía pechou os xardíns do Palais Royal, e a multitude, furiosa, reuniuse nas rúas adxacentes, dando comezo aos disturbios. A mañá do 27 de xuño a policía clausurou os xornais que continuaban a publicarse; cando a nova chegou á xente, tomaron de novo os xardíns do Palais Royal. Carlos X, temeroso da revolta, ordenou os soldados alí apostados que disolvesen a multitude. Ante os disparos que esta fixo contra eles, o exército abriu fogo. Sucedéronse os disturbios, e os comercios do Palais Royal foron saqueados. O 28 de xullo o pobo de París comezou a montar barricadas nas rúas. O mariscal Marmont, a quen Carlos X puxera ao mando da situación, urxiu o monarca a reconciliarse co pobo derrogando as ordenanzas. Carlos X negouse, ao tempo que os homes de Marmont, simpatizantes da causa do pobo, comezaban a desertar. A situación de Marmont era precaria; Carlos X ordenara abrir fogo contra a multitude, mais esta, armada e parapetada tralas barricadas das estreitas rúas do centro, obrigouno a retroceder cos restos da súa tropa cara ao Palacio das Tullerías.