José Tunel Cabaleiro, máis coñecido como Talladas, nado en Redondela o 3 de agosto de 1912 e finado no mesmo lugar o 8 de marzo de 1993, foi un futbolista galego que xogaba de porteiro.

Tras comezar no Redondela e no Porriño, disputou co Unión Sporting de Vigo a histórica campaña 1935/36 na Segunda División. Ao remate desta marchou ao Brasil para xogar no Galícia de Salvador. Pouco despois converteuse no primeiro galego e o primeiro español en xogar no Flamengo, así como no seu primeiro gardameta estranxeiro. A continuación foi tamén o primeiro e único español en vestir a camiseta do Santos FC, equipo no que estivo de 1938 a 1941. Rematou a súa carreira no Jabaquara.

Traxectoria

Inicios Naceu en Redondela, onde seu pai tiña unha pequena empresa de transporte de pasaxeiros con carruaxes de cabalos. Xogou no Redondela e no Porriño, ata que en agosto de 1935 foi fichado polo Unión Sporting de Vigo, para disputar a histórica campaña 1935/36 na Segunda División. O equipo rematou na derradeira posición do grupo despois de sumar só tres vitorias (fronte a Sporting de Gijón, Valladolid e Deportivo da Coruña) e un empate (fronte ao Zaragoza).

Galícia EC O 4 de marzo de 1936 embarcou para o Brasil no buque Antonio Delfino, despois de recibir unha oferta do Galícia Esporte Clube, o equipo creado en Salvador de Baía por emigrantes galegos tres anos antes. A oferta chegoulle despois de que o vise xogar Emilio Cal, un dos directivos do Galícia. As súas primeiras actuacións no equipo baiano foron malas, debido a que estaba acostumado a xogar de día, mentres que os partidos do Galícia no Campo da Graça disputábanse de noite e con luz artificial, por mor da calor que facía polo día.

Con todo, un gran partido contra o Vasco da Gama e unhas boas actuacións posteriores fixeron que gañase fama e contribuíron ao segundo posto do equipo no Campionato Baiano, por detrás do Bahia. Ademais foi convocado para unha xira por Pernambuco coa selección do Estado de Baía.

Flamengo O seu bo facer fixo que se interesara por el o Flamengo, que andaba na busca dun porteiro, e finalmente foi contratado despois de que un amigo do presidente do club lle dixese a este que Talladas era mellor que os porteiros da selección brasileira, Rei e Jurandir. Así, o 14 de febreiro de 1937 converteuse no primeiro futbolista español da historia do Flamengo, e un dos dous únicos en todo o século XX, xunto ao pontevedrés Ufarte. Foi ademais o primeiro gardameta estranxeiro do equipo.

No club de Río de Xaneiro tivo como competidor polo mesmo posto ao brasileiro Dorival Knipel, alcumado Yustrich, e compartiu equipo entre outros con Leônidas e Fausto. Xogou 19 partidos co equipo vermello e negro, que acabou segundo no Campionato Carioca por detrás do seu máximo rival, o Fluminense.

Santos FC A comezos de 1938 trasladouse a Santos, no estado de São Paulo onde fichou polo Santos FC.odia.ig.com.br/ Além de Marí, Flamengo já teve outros dois espanhóis em sua história; conheça! Debutou o 9 de xaneiro nunha vitoria fronte ao Corinthians no Vila Belmiro e pronto destacou pola súa gran elasticidade e flexibilidade. Xogou catro anos no equipo, disputando 67 partidos. Foi o único futbolista español en militar no club santista en toda a súa historia.

Jabaquara A finais de 1941 fichou polo Hespanha FC, logo chamado Jabaquara, tamén vencellado á colonia española no país. Con este equipo xogou durante os seguintes anos o Campionato Paulista e sufriu tamén unha rotura de peroné despois dunha entrada do dianteiro Pardal.

Regreso a Galicia e retirada En 1946 volveu a Galicia, e aínda que probou co Espanyol e adestrou co Celta de Vigo, acabou deixando o fútbol. Tras a súa retirada rexentou un matadoiro en Redondela.

Familia Tiña cinco irmáns e un deles, tamén alcumado Talladas, foi porteiro entre outros do Pontevedra, o Rápido de Bouzas e o Arousa.

Á súa volta do Brasil coñeceu a Carmen Carrera Queimaliños, coa que casou en 1948. Tiveron tres fillos: Marcelina, Jose Luis e Manuel Ignacio.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en Redondela Categoría:Nados en 1912 Categoría:Futbolistas de Redondela Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Porriño Industrial CF Categoría:Xogadores do Redondela FC Categoría:Xogadores do Unión Sporting Club Categoría:Xogadores do Galícia Esporte Clube Categoría:Xogadores do Flamengo Categoría:Xogadores do Santos FC Categoría:Galegos do Brasil Categoría:Finados en 1993