Asma Abdallá ou Asma Mohamed Abdallá (tamén coñecida como: Asmaa, Abdallah, Abdullah; en ), nada en Khartún en 1946, é unha diplomática sudanesa. Desde o 8 de setembro de 2019 é a ministra de Asuntos Exteriores do Sudán no gabinete do primeiro ministro Abdalla Hamdok, durante a transición sudanesa de 2019 á democracia. É a primeira muller en asumir o posto de Ministra de Exteriores na historia do Sudán.
Traxectoria Abdalla naceu en Khartún en 1946. Estudou Economía e Ciencias Políticas na Universidade de Khartún e tras graduarse en 1971 foi unha das tres mulleres pioneiras en incorporarse como embaixadoras no Ministerio de Asuntos Exteriores xunto a Fatima Albeeli e Zainab Abdlkareem. Ten tamén unha mestría en relacións internacionais pola Universidade de Siracusa.
Representou ao seu país en diversos foros africanos e europeos incluídas as misións diplomáticas sudanesas en Estocolmo, Oslo e Rabat. En 1990 tralo golpe de estado sudanés de 1989 que levou a Omar al-Bashir ao poder, foi despedida do seu cargo como Ministra Plenipotenciaria e Subdirectora do departamento das Américas do Ministerio de Asuntos Exteriores.
Foi perseguida e hostigada polo réxime de Bashir e exiliouse a Marrocos onde traballou na secretaría da organización Árabe para a defensa contra o crime en Rabat, despois na secretaría xeral dos ministros de traballo árabes en Rabat e na Organización Islámica para a Educación, a Ciencia e a Cultura (ISESCO). Nos últimos anos do goberno da al-Bashir regresou a Sudán e creou unha oficina de tradución con varios diplomáticos que foran tamén despedidos.
2018-19 protestas sudanesas Durante as protestas no Sudán de 2018-19, Abdallá uniuse ás Forzas da Liberdade e o Cambio (FFC) aproveitando a súa experiencia no traballo diplomático para o movemento revolucionario do país participando no Grupo de Traballo de Política Exterior. Promoveu as demandas do movemento popular en diversos foros internacionais.
Ministra de Asuntos Exteriores Abdallá non estaba na lista inicial de candidatos a carteiras ministeriais, con todo o primeiro ministro Abdalla Hamdok preferiuna a outros candidatos polo seu papel na oposición ao goberno de al-Bashir, o seu apoio ás protestas reclamando un cambio político e a súa experiencia diplomática. Abdallá converteuse así na primeira muller ministra de Asuntos Exteriores do Sudán o 8 de setembro de 2019 no Gabinete de Transición da transición sudanesa de 2019 á democracia. No mundo árabe é a terceira ministra de Asuntos Exteriores, precedida por dúas ministras de Mauritania.
Entre os seus obxectivos prioritarios de traballo como ministra ten o reto de levantar as sancións dos Estados Unidos sobre Sudán pola crise de Darfur e por acoller durante un tempo ao líder de Al Qaeda Osama Bin Laden.
Outras tres mulleres forman parte do primeiro gabinete de transición: a activista Wala'a Essam al-Boushi, Ministra de Mocidade e Deportes, Lena el-Sheikh Ministra de Traballo e Desenvolvemento Social e a profesora de arqueoloxía Intisar el-Zein, Ministra de Educación Superior.
Notas
Categoría:Nados en 1946 Categoría:Nados no Sudán Categoría:Políticos do Sudán Categoría:Diplomáticos