Marjorie Trees Townsend (nada Rhodes), nada en Washington o 12 de marzo de 1930 e finada o 4 de abril de 2015, foi unha enxeñeira eléctrica estadounidense e a primeira muller en dirixir o lanzamento dunha nave espacial para a NASA.
Traxectoria Marjorie Rhodes empezou a estudar aos 15 anos e foi a primeira muller en obter un título de enxeñería na Universidade George Washington cando se graduou en 1951.
Carreira Ao principio da súa carreira, Townsend traballou no Instituto Nacional de Normas e Tecnoloxía e no Laboratorio de Investigación Naval. Incorporouse á NASA en 1959. Os seus primeiros traballos centráronse nos satélites meteorolóxicos TIROS-1 e Nimbus. Co tempo, foi a primeira muller en converterse en directora de proxectos de naves espaciais no Goddard Spaceflight Center, responsable de Uhuru, o primeiro satélite deseñado para a astronomía de raios X.
Traballou con Bruno Rossi e o premio Nobel Riccardo Giacconi no programa de Pequenos Satélites Astronómicos, e foi a Kenya cando o programa espacial italiano lanzou o Uhuru desde a plataforma de San Marco.
Marjorie Townsend retirouse da NASA en 1980, recibindo a Medalla ao Servizo Excepcional e a Medalla ao Liderado Destacado polo seu traballo. Despois, foi directora de enxeñería de sistemas espaciais de BDM International e vicepresidenta de Space America. Retirouse do seu traballo no sector privado en 1996.
Townsend foi coinventora dun sistema de telemetría dixital, patentado en 1968, que formaba parte do satélite meteorolóxico do programa Nimbus.
Premios e recoñecementos Marjorie Townsend foi presidenta da Academia de Ciencias de Washington. Foi membro do Instituto de Enxeñeiros Eléctricos e Electrónicos e presidiu a sección local do Instituto Americano de Aeronáutica e Astronáutica. En 1972 foi nomeada Caballero da Orde da República Italiana polo seu traballo en Uhuru. En 1976 foi nomeada alumna distinguida da Universidade George Washington. En 2006 ingresou no Salón da Fama da Enxeñería.
Notas
Véxase tamén Outros artigos
Mulleres na NASA
Categoría:Persoal da NASA Categoría:Enxeñeiros aeroespaciais Categoría:Finados en 2015 Categoría:Nados en 1930