Rubén Albés Yáñez, nado en Vigo o 24 de febreiro de 1985, é un exfutbolista e adestrador de fútbol galego. Dende febreiro de 2026 adestra o Umm Salal de Qatar.

Traxectoria

Como futbolista Pasou polas canteiras do CP Alerta-Traviesas e do Areosa e na tempada 2004/05 chegou ao Rápido de Bouzas, co que debutou esa tempada na Terceira División. Pasou logo polo Pontevedra B, de Preferente, e polo Céltiga, de Terceira, antes de regresar ao Rápido de Bouzas na 2007/08, co que xogou dúas tempadas. En 2009, con 23 anos, despois de sufrir lesións e vendo que non chegaría a profesional, decidiu retirarse e converterse en adestrador.

Como adestrador Comezou como adestrador cando xogaba no Pontevedra B, facendo de adestrador asistente no equipo cadete, e máis tarde foi tamén asistente dos xuvenís do Rápido de Bouzas, cos que logrou o ascenso á División de Honra. En 2009 púxose brevemente á fronte dos xuvenís do Pontevedra, antes de recibir unha chamada para adestrar na canteira do Valencia. Permaneceu unha tempada no club, ao mesmo tempo que adestraba o Universitat València, da 2ª rexional.

En 2010 fíxose cargo do Burjassot CF, da Terceira División, converténdose no adestrador máis novo de España, dentro das categorías nacionais. Pasou logo polo Catarroja, da mesma categoría, e en 2012 marchou a Marrocos, onde actuou como segundo adestrador de Benito Floro no Wydad de Casablanca. En xuño de 2013 asinou como novo adestrador do Novelda CF. Comezou a tempada 2014/2015 como segundo adestrador de Fran Yeste no CD Eldense e pero tivo que deixar o club en outubro, despois de que Yeste fose denunciado por carecer de licenza e seren os dous sancionados durante tres meses. Regresou ao club en marzo, xa como primeiro adestrador, e conseguiu salvar o equipo do descenso.

O 29 de xuño de 2015 confirmouse a súa chegada á Segunda División B, ao fichar como adestrador do filial do Real Valladolid, o Real Valladolid Promesas, substituíndo ao tamén galego Rubén de la Barrera. Despois dos malos resultados do primeiro equipo, o 21 de outubro de 2015 o club decidiu destituír ao adestrador Gaizka Garitano, e incorporar no seu lugar a Miguel Ángel Portugal. Rubén Albés deixou o filial e converteuse no segundo adestrador do primeiro equipo. Na tempada seguinte volveu tomar as rendas do filial valisoletano, co que obtivo a sexta praza do seu grupo.

En 2017 deixou o cargo para ser o adestrador do Celta B, tamén de Segunda B, co que xogou o play-off de ascenso a Segunda División na súa primeira tempada, sendo eliminado en semifinais polo FC Cartagena. Na tempada seguinte, a 2018/19, logrou a permanencia a última hora no play out contra o CD Alcoyano. En xuño de 2019 fichou pola UCAM Murcia para a tempada 2019/20 da Segunda B. Foi destituído en outubro, despois de sumar só unha vitoria en sete partidos cun cadro de xogadores chamado a loitar pola parte alta da táboa.

En xuño de 2020 converteuse no adestrador do FC Hermannstadt, da Liga I romanesa, converténdose no técnico máis novo en adestrar na Primeira División romanesa. Comezou con bos números e encadeou a mellor xeira de resultados da historia do club, cunha soa derrota en 14 encontros, pero os resultados foron empeorando e en xaneiro de 2021 rescindiu o seu contrato, co equipo de Sibiu ocupando a penúltima posición da táboa.

En abril de 2021 chegou á Segunda división española, fichando polo Lugo e converténdose no cuarto adestrador da tempada no equipo branco e vermello, despois das destitucións de Juanfran, Mehdi Nafti e Luis César Sampedro. Colleu o equipo no 20º posto a falta de sete xornadas e acabou logrando a permanencia no derradeiro partido, ao gañar pola mínima ao Rayo Vallecano cun gol de Manu Barreiro. Grazas a isto, foi renovado para a tempada 2021/22, na que completou un ano máis tranquilo, rematando 7 puntos por riba dos postos de descenso. Ao remate da tempada deixou o club lugués.

A finais de xuño de 2022 foi anunciado como novo adestrador do Albacete, equipo que viña de lograr o ascenso a Segunda unhas semanas antes. A pesar de ter o segundo orzamento máis baixo da categoría, Albés levou ao Albacete ata a sexta praza da liga, clasificándose así para a promoción de ascenso a Primeira, onde caeron ante o Levante. O bo xogo do equipo disparou a súa popularidade entre os seareiros do club, que acadou a histórica cifra de 12.000 abonados. Con todo, unha serie de malos resultados durante a tempada 2023/24 provocou a súa destitución en marzo de 2024, despois de ter sumado só 7 dos últimos 33 puntos en xogo.

En xuño de 2024 foi anunciado como novo adestrador do Sporting de Gijón, tamén en Segunda. Dirixiu o club asturiano durante un total de 36 partidos oficiais, nos que sumou 10 vitorias, 14 empates e 12 derrotas. Foi destituído o 6 de abril de 2025, despois dunha xeira de nove encontros sen gañar. En febreiro de 2026 anunciouse a súa fichaxe polo Umm Salal de Qatar.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Datos do adestrador en BDFutbol .

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1985 Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Rápido de Bouzas Categoría:Xogadores do Pontevedra CF B Categoría:Xogadores do Céltiga FC Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Novelda CF Categoría:Adestradores do CD Eldense Categoría:Adestradores do Real Valladolid B Categoría:Adestradores do Celta de Vigo B Categoría:Adestradores do UCAM Murcia Categoría:Adestradores do FC Hermannstadt Categoría:Adestradores do CD Lugo Categoría:Adestradores do Albacete Balompié Categoría:Adestradores do Sporting de Gijón