Nicolás González Iglesias, nado na Coruña o 3 de xaneiro de 2002, é un futbolista galego, que xoga de centrocampista no Newcastle United, da Premier League de Inglaterra. É fillo do histórico capitán do Deportivo da Coruña, Fran, e sobriño do tamén exfutbolista José Ramón.

Traxectoria

Montañeros Fillo do futbolista Fran, capitán e xogador con máis partidos na historia do Deportivo da Coruña, Nico naceu na Coruña o 3 de xaneiro de 2002, tres meses antes de que seu pai levantase a Copa do Rei no Santiago Bernabéu o día do célebre Centenariazo.

Comezou a xogar ao fútbol no campo de fútbol 7 da casa de seus pais en Xaz (Oleiros), e aos seis anos ingresou na canteira do Montañeros CF, onde exercía como adestrador do primeiro equipo o seu tío José Ramón, tamén excapitán do Deportivo. A pesar de varias lesións, axiña empezou a destacar pola súa habilidade e por unha forte competitividade. Por este motivo militaba en categorías superiores ás da súa idade, xogando con rapaces dous ou tres anos maiores. Ás ordes de Jaime Paz compartiu equipo con xogadores como Álex Ramos, Dani Tasende ou os xemelgos Isra e Álex Pérez, todos maiores que el.

FC Barcelona

Categorías inferiores Tras un achegamento do Deportivo da Coruña, que non se chegou a concretar por non se chegar a un acordo sobre en que categoría debería xogar, en 2013, con 11 anos, ingresou na canteira do FC Barcelona, que seguía os seus pasos dende o Torneo Internacional Arousa Fútbol 7 de 2012, no que o Montañeros derrotara ao Barcelona por 2-0 con dous goles de Nico.

Xogou primeiramente no Infantil B e foi subindo polas diferentes categorías do Barça, conquistando o título de liga co Infantil B (2013/14), o Cadete B (2015/16), o Cadete A (2016/17) e o Xuvenil A (2019/20).

FC Barcelona B O 19 de maio de 2019 debutou co filial, o FC Barcelona B, nun encontro fronte ao Castellón, na derradeira xornada da Segunda división B.

Comezou a tempada 2020/21 con ficha no equipo xuvenil, pero xogou de xeito habitual co filial, e en febreiro de 2021, xa convertido nun fixo nas aliñacións do adestrador blaugrana García Pimienta, pasou a ser a todos os efectos xogador do filial. En maio de 2021 o club renovou o seu contrato por tres tempadas, establecendo unha cláusula de rescisión de 500 millóns de euros.

Primeiro equipo O 15 de agosto de 2021 debutou co primeiro equipo do FC Barcelona na Primeira División, na primeira xornada da tempada 2021/22 contra a Real Sociedad no Camp Nou, entrando como substituto de Sergio Busquets no minuto 83. Un mes e medio despois xogou o seu primeiro partido como titular, colocándoo Ronald Koeman no equipo inicial nunha vitoria por 3-0 contra o Levante. O 29 de setembro fixo o seu debut na Liga de Campións, disputando a media hora final na derrota por 3-0 contra o Benfica no Estádio da Luz. Marcou o seu primeiro gol como profesional o 12 de decembro do mesmo ano, nun partido de liga contra o Osasuna no Sadar.

En xaneiro de 2022 foi subido definitivamente ao primeiro equipo, e completou a tempada cun total de 37 partidos, 17 deles como titular, e 2 goles.

En agosto do mesmo ano o club renovou o seu contrato ata 2026, aumentando a súa cláusula de rescisión ata os 1.000 millóns de euros, e para a tempada 2022/23 foi cedido ao Valencia, adestrado por Gennaro Gattuso.

Valencia Debutou co equipo valenciano na primeira xornada ante o Girona e marcou o seu único gol coa camiseta ché tres semanas despois diante do Getafe. En decembro sufriu a fractura do quinto metatarsiano do pé esquerdo, lesión que o obrigou a pasar polo quirófano e que o afastou durante varios meses dos terreos de xogo. Con todo, reapareceu a un gran nivel en marzo de 2023 e fíxose rapidamente coa titularidade, na que se mantivo ata o final da tempada. Completou o seu paso polo Valencia cun total de 26 partidos e un gol.

Porto En xullo de 2023 confirmouse o seu traspaso ao Porto de Portugal, por 8,5 millóns de euros, sendo unha petición do técnico Sérgio Conceição. Disputou o seu primeiro encontro co club na Primeira Liga na primeira xornada, sendo titular na vitoria por 1-2 sobre o Moreirense no Parque Joaquim de Almeida Freitas. Nos seus primeiros meses en Portugal custoulle entrar nas aliñacións titulares, pero a continuación o seu rendemento comezou a mellorar notablemente. O 26 de maio de 2024 conquistou a Copa de Portugal, sendo titular na final contra o Sporting no Estadio Nacional en Oeiras. Pechou a súa primeira tempada cun total de 39 partidos e 2 goles.

Comezou a tempada 2024/25 con Vítor Bruno como novo adestrador e marcou na Supercopa de Portugal un dos catro goles cos que o seu equipo remontou os tres tantos iniciais do Sporting, gañando así o título que inauguraba a campaña. Nos seguintes meses realizou grandes actuacións co Porto, sumando seis goles e sete asistencias, ata o punto de converterse nun dos xogadores máis destacados da liga. O 30 de xaneiro de 2025 no estadio Partizan de Belgrado marcou ante o Maccabi Tel Aviv o gol que clasificou ao seu equipo para os 1/16 de final da Europa League. Ese partido, que supuxo o debut de Martín Anselmi como adestrador do Porto, foi tamén o último de Nico González co club portugués, pois catro días despois, nos últimos instantes do mercado invernal, o Manchester City anunciou a súa fichaxe, despois de pagar os 60 millóns de euros da súa cláusula de rescisión. Converteuse así no traspaso máis caro dun futbolista galego na historia, dobrando os 30 millóns de euros que pagara o Al-Ahli saudita por Gabri Veiga en 2023. O balance final do seu ano e medio no Porto, foi de 68 partidos oficiais, 9 goles e 9 asistencias.

Manchester City Incorporado co obxectivo de suplir a baixa de longa duración do último gañador do Balón de Ouro, Rodri, Nico González chegou ao vixente campión da Premier League e da Liga de Campións no peor momento deportivo do club inglés dende a chegada de Pep Guardiola, na quinta praza da táboa e despois de sufrir unha histórica goleada por 5-1 a mans do Arsenal. Debutou co equipo citizen o 8 de febreiro, xogando como titular nun partido da FA Cup ante o Leyton Orient en Brisbane Road, pero foi substituído aos 20 minutos tras mancarse nunha acción do xogo. Reapareceu unha semana despois saíndo de inicio na goleada por 4-0 ante o Newcastle, no que foi o seu debut na Premier League, e foi titular tamén catro días despois na Liga de Campións ante o Real Madrid, marcando o único gol do seu equipo, insuficiente para evitar a eliminación por un resultado global de 6-3. Nos seguintes meses foi perdendo protagonismo no equipo, en favor de Mateo Kovačić, e pechou a súa primeira tempada en Inglaterra cun total de 17 partidos e 2 goles.

Na tempada 2025/26 mellorou notablemente o seu rendemento, asentándose na medular do equipo e converténdose nun substituto de garantías para Rodri. En marzo de 2026 gañou o seu primeiro título co club inglés, conquistando a EFL Cup na final contra o Arsenal de Arteta. Un mes despois, nas semifinais da FA Cup contra o Southampton, marcou un gol dende fóra da área co que o seu equipo se meteu na final do torneo. Aínda que quedou fóra da final de Wembley por decisión técnica, o seu equipo proclamouse campión de torneo ao derrotar o Chelsea. A pesar de contar cun grande apoio entre os seareiros e de ter expresado a súa vontade de continuar no club, non entrou nos plans do novo adestrador Enzo Maresca nin do director Hugo Viana para a tempada 2026/27. En agosto de 2026 anunciouse o seu traspaso ao Newcastle United por 58 millóns de euros. Pechou o seu paso por Manchester cun total de 59 partidos oficiais e 4 goles.

Selección española O 8 de outubro de 2021 debutou coa selección española sub-21, nun encontro fronte a Eslovaquia.

Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopaLiga de CampiónsEuropa LeagueOutrosInclúe partidos de promoción de ascenso a Segunda División, Supercopa de España, Copa da Liga de Portugal, Supercopa de Portugal, Copa Mundial de Clubs e Community Shield.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesBarcelona Atlètic2018/19Segunda B10--------102020/21Segunda B230------102402021/221ª RFEF20--------20Total club26000000010270Barcelona2021/22Primeira27220403010372Valencia2022/231ª RFEF 26 1 00----- - 261Porto2023/24Primeira Liga2527060--103922024/25Primeira Liga17520--7131286Total club42790607141688Manchester City2024/25Premier League1114011----1622025/26Premier League2514180--504222026/27Premier League00------1010Total club36281910060594Total carreira 157 11 19119110112 1 18115

Palmarés Porto Copa de Portugal (1): 2023/24. Supercopa de Portugal (1): 2024.

Manchester City FA Cup (1): 2025/26. EFL Cup (1): 2025/26.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web oficial do FC Barcelona .

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 2002 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Barcelona B Categoría:Xogadores do FC Barcelona Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores do FC Porto Categoría:Xogadores do Manchester City FC Categoría:Xogadores do Newcastle United FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-17 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21