Diego González Rivas, nado na Coruña en 1974, é un cirurxián galego, considerado un dos mellores do mundo na súa especialidade. É o creador dunha técnica de cirurxía torácica videoasistida minimamente invasiva que opera cunha única incisión.
Traxectoria
Primeiros anos Fillo dunha enfermeira, na súa xuventude xogou ao hóckey a patíns, deporte que comezou a practicar no colexio Obradoiro. Posteriormente xogou na escola da Leyma, onde tivo como adestrador a un dos mellores xogadores de todos os tempos, Daniel Martinazzo, e máis tarde formou parte da canteira do Liceo da Coruña ata os 14 anos.
Formación e carreira profesional Licenciouse en Medicina e Cirurxía na Universidade de Santiago e formouse en Cirurxía Torácica e Transplante de Pulmón no Hospital Universitario da Coruña, no que traballa. Tamén é cirurxián no Hospital San Rafael, sendo o creador da Unidade de Cirurxía Torácica Minimamente Invasiva (UCTMI), e no centro médico HM Modelo. É ademais o creador e actual director do programa de adestramento videotorascópico no Hospital Pulmonar de Shanghai, na China, o centro torácico máis grande do mundo.
Comezou a realizar cirurxías minimamente invasivas para reseccións anatómicas no ano 2007, despois de aprender a técnica no Cedars Sinai dos Ánxeles co doutor Rob Mckenna. Máis tarde aprendeu a técnica do dobre porto en Duke, Carolina do Norte, co doutor Thomas Anthony D'Amico, e finalmente revolucionou a técnica desenvolvendo a cirurxía pulmonar cunha única incisión.
Desde 2018 traballa no sistema robótico uniportal subxifoideo (Sistema robótico Da Vinci) realizando as primeiras lobectomías e timectomías do mundo nos Estados Unidos de América.
Adhesións Foi coordinador do comité de congresos da Sociedade Española de Cirurxía Torácica, colabora coa Sociedade Europea e a Sociedade Internacional de Cirurxía Cardiotorácica Minimamente Invasiva. É membro de varias sociedades científicas e colabora coa American Association of Thoracic Sergery e ten publicacións en revistas especializadas.
Honras Está considerado o cirurxián que ten operado en máis países (120) e cidades do mundo.
Foi finalista no premio Princesa de Asturias en 2018 e de 2014 a 2018 foi Premio Top Doctors. O Goberno chinés concedeulle o Premio Nacional de Ciencias e Tecnoloxía na categoría de Innovación e Técnicas Punteiras, o primeiro estranxeiro en recibilo.
Doutor Honoris Causa polla Universidade Miguel Hernández de Elche en 2025.
Nos medios O libro Imposible es nada de Elena Pita recolle o traballo deste prestixioso médico na súa loita contra o cancro e a dor.
A Fundación María José Jove estreou en abril de 2021 o documental Operation beyond the borders que narra a viaxe a Gaza para operar durante a pandemia do coronavirus COVID-19 e formar médicos in situ na técnica Uniportal Vats.
Movistar Plus+ e a Televisión de Galicia emitiron en 2024 a serie Curando o mundo, seguindo ao cirurxián coruñés por diversos países de África, Europa e Asia pondo en práctica a súa técnica CTMI. A serie está dispoñíbel na plataforma AGalega.gal.
En setembro e 2024 foi entrevistado no programa La Revuelta de TVE por David Broncano, quen fora operado por Diego González Rivas.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Páxina web Canle YouTube
Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1974 Categoría:Médicos da Coruña Categoría:Cirurxiáns de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes