María Assumpció Català i Poch, nada en Barcelona o 14 de xullo de 1925 e finada no mesmo lugar o 3 de xullo de 2009, foi unha profesora, matemática, e astrónoma española, que se dedicou á docencia dende 1952 até 1991.

Comezou como axudante da Sección de Astronomía do Seminario Matemático de Barcelona, ligado ao Padroado de Afonso X o Sabio do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Posteriormente, traballou no Instituto Henri Poincaré e tamén colaborou coa cátedra especial de Tecnoloxía da Universidade Politécnica de Cataluña.

En 1970, converteuse na primeira muller que obtivo o doutoramento en Ciencias no Departamento de Matemáticas da Universidade de Barcelona (UB), cunha tese que se titulaba Contribución ao estudo da dinámica dos sistemas estelares de simetría cilíndrica. Ademais, levou a cabo observacións sistemáticas de manchas solares, cálculo de órbitas e eclipses durante máis de trinta anos e dirixiu once teses de licenciatura e sete teses doutorais.

Representou durante 15 anos a España na Comisión 46 da Unión Astronómica Internacional sobre o ensino da astronomía e, dende 1997 até o seu falecemento no ano 2009, foi asesora científica na sección de astronomía da edición española da revista National Geographic.

Xubilouse en 1984, pero continuou asistindo a eventos como as reunións semestrais da Sociedade Española de Astronomía, o que a mantivo en contacto coas comunidades astronómicas e universitarias.

Traxectoria Infancia O seu pai, Albert Català, traballaba na banca e a súa nai, Assumpció Poch, era mestra, pero deixou de traballar en canto contraeu matrimonio. Català i Poch foi a maior de cinco descendentes, catro fillas e un fillo, que tivo o matrimonio.

Debido ao traballo do pai, toda a familia mudouse a Montblanch cando Català aínda era pequena. No entanto, aínda que iniciou os seus estudos alí, continuou a súa educación primaria nas Escolas Católicas do Sacro Corazón e María Inmaculada de Barcelona, xa que volveron pouco despois de terse trasladado.

Estudos superiores Cando acabou a Guerra Civil, cursou o Bacharelato no Instituto Poeta Maragall e en 1947 empezou a carreira na UB. Que unha muller estudase naquela época era algo excepcional, con todo, o pai de Català quería que tanto os seus fillos como as súas fillas tivesen a oportunidade de facer o que quixesen.

No entanto, foi o tío avó dos irmáns o que lles ensinou as curiosidades do universo. Jaume Poch i Garí era catedrático de Xeografía, e lle apaixonaba a astronomía. O profesor levaba aos seus sobriños netos á montaña e ensináballes a situarse buscando os puntos cardinais ou a pescudar a hora do día mirando a sombra das ramas e, cando se facía de noite, mostráballes os segredos do universo. Máis tarde Poch i Garí dáballe a María Asunción Català, cando xa estaba no instituto, problemas astronómicos e filosóficos para que os resolvese. Desta forma, transmitiulle a Català a súa paixón por esta rama da ciencia e polas estrelas.

Cando Català comezou na UB, a única carreira na que se podía estudar Astronomía era a de Matemáticas e, naquel tempo, tan só había cinco mulleres estudándoa. Con todo, o número de mulleres estudantes foi diminuíndo conforme a carreira ía avanzando e, cando Català estaba no terceiro curso, era a única estudante. En 1953 licenciouse e continuou cos seus estudos preparándose o doutoramento.A situación económica precaria da posguerra, xunto coa vontade de seguir a tradición familiar, fixeron que se presentase ás oposicións a profesora de secundaria de Matemáticas, unha profesión que exerceu durante doce anos, dende 1963 até 1975, no Instituto Infanta Isabel de Barcelona.

En 1971, aprobou a súa tese doutoral, o que a fixo a primeira muller que conseguiu o doutoramento en Matemáticas na UB e, nese mesmo ano, comezou a traballar como profesora no Departamento de Astronomía da UB.

Traxectoria

Carreira profesional Empezou a traballar mentres asistía ás clases e preparaba o traballo cara a conseguir o seu doutoramento. Entre 1952 e 1970 traballou na Facultade de Ciencias da UB como axudante de clases prácticas das materias Astronomía Xeral e Topografía, Astronomía Esférica e Xeodesia, Matemáticas, Matemáticas Especiais, Ampliación de Matemáticas para químicos e Mecánica Racional con nocións de Mecánica Celeste.

Por outra banda, foi a encargada da Facultade de Ciencias da UB durante os cursos 1957-1958 e dende o 1968 até o 1971. Entre 1960 e 1974 foi profesora adxunte na Facultade de Ciencias e dende 1965 a 1967, foi profesora de Matemáticas na Facultade de Farmacia.

Dende 1971 até o comezo dos anos 80, colaborou coa Cátedra Especial de Tecnoloxías do Espazo da Universidade Politécnica de Cataluña impartindo clases de Astrodinámica e Mecánica Celeste.

En 1975 empezou a traballar como profesora adxunte numeraria na Facultade de Física da UB, despois de aprobar as oposicións para traballar como profesora de Astronomía. Este posto fixo que se convertese na primeira astrónoma que traballaba como profesora numeraria nunha universidade española. Por outra banda, entre 1982 e 1984, traballou alí como profesora agregada ensinando Astronomía, Astrofísica, Geofísica e Geodesia; esta última cando se renovou a súa impartición na Facultade de Astronomía e Meteorología da UB, o que a fixo colaborar cientificamente co Instituto Cartográfico de Cataluña. Nesta universidade traballou ata que se xubilou con 65, que era a idade de xubilación estipulada pola lei naquela época.

Paralelamente, a doutora impartiu seminarios específicos e cursos monográficos sobre astronomía e, tamén, traballou no labor de visibilización da muller no campo da astronomía, formando parte de Ella es astrónoma, un grupo que se creou para reivindicar o papel da muller na astronomía, e participando xunto con outras astrónomas en Mujeres en las estrellas, unha canle de televisión da UNED.

Ademais de ser profesora, tanto de secundaria como de universidade, tamén tivo cargos en importantes organizacións internacionais e nacionais. Por exemplo, foi membro da Unión Astronómica Internacional (UAI) dende 1976 e, durante 15 anos; e a representante española da Comisión 46 para o ensino da astronomía desta asociación. Por outra banda, foi membro da Sociedade Astronómica Europea, a Sociedade Española de Astronomía, a Sociedade Catalá de Historia da Ciencia e a Técnica e da Sociedade Catalá de Matemáticas. Tamén tivo o privilexio de formar parte do Grupo de Investigación de Historia das Ciencias dende 1978 e, dende 1985, do Instituto Millàs Vallicrosa de Historia da Ciencia Árabe. Ademais, dende 1997, foi asesora científica da Sección de Astronomía da edición española de National Geographic.

Así mesmo, foi membro da Comisión de Ensino de Astronomía que creou a Direcció General de Batxillerat e que promoveu o Departamento de Física da Terra e Cosmológica da UB en 1983.

Outro dos trazos que describe a súa carreira profesional é o seu traballo coa ciencia médica e árabe, así como o material de estudo que creou en forma de libros e apuntamentos, como Apuntamentos de Astronomía, que foi utilizado por xeracións de astrónomos e que segue sendo utilizado aínda.

Xubilouse en 1990.

Carreira investigadora En 1954, Català recibiu unha bolsa do CSIC para que investigase na astronomía de posición, con cálculo e rectificación de órbitas de cometas. Ademais, no Ano Xeofísico Internacional (1957-1958), traballou en astronomía observacional, cálculo e rectificación de órbitas de cometas e observación diaria de manchas e protuberancias solares no Observatorio da Cátedra de Astronomía da UB, en colaboración co Observatorio Astronómico Nacional. Estas colaboracións investigadoras tiveron importantes resultados, como o descubrimento da radiación do cinto de Van Allen e o lanzamento do primeiro satélite Sputnik I.

Dende 1957 até 1969 foi axudante da Sección de Astronomía do Seminario Matemático de Barcelona do Padroado Afonso X o Sabio do CSIC, aínda que a súa traxectoria científica comezou neste lugar como bolseira. En 1965 colaborou na investigación na especialidade de Astronomía Árabe para unha Axuda para a Investigación na Universidade en Historia da Ciencia.

Entre 1974 e 1990, ademais de investigar sobre a astronomía de posición, traballou no estudo da dinámica dos sistemas estelares.

En 1978, recibiu a bolsa Ajut per ao Foment da Investigació na Universitat. Esta bolsa permitiulle investigar no campo da astronomía de posición, as eclipses, os cálculos de ocultacións e tránsitos, a dinámica dos sistemas estelares e a dinámica galáctica. Ao mesmo tempo, entre 1976 e 1979, visitou por motivos laborais o Instituto Henri Poincaré dentro do Programa de Cooperación Científica Hispano Francesa, a Universidade de París VI.

Català investigou a estrutura da nube de Oort de cometas no Observatoire de Meudon e tamén tivo a oportunidade de formar parte de diferentes proxectos subvencionados, por exemplo, do proxecto da Axencia Espacial Europea Selección e determinación de posicións de estrelas e planetas como apoio ao satélite astrométrico Hipparcos.

Á parte do seu labor investigador, tamén nos deixou estudos sobre a ciencia árabe, como As obras matemáticas de Maslama de Madrid (1965), Arquímedes árabe: o tratado dos círculos tanxentes (1968) e Dous tratados do Arquímedes árabe: tratado dos círculos tanxentes e o libro dos triángulos (1971).

Premios e recoñecementos

Profesora emérita con carácter honorífico pola UB en 2004.

2009: Creu de Sant Jordi

Epónimos

Dende marzo de 2016 o telescopio reflector Dall-Kirham do observatorio do Centre d'Observació de l'Univers en Àger en Lleida chámase Telescopio Asunción Catalán. Foi o primeiro telescopio con nome de muller do Estado Español. Dende abril de 2018 o interior do quinteiro Comte Borrell 305 de Barcelona ten o nome " Jardí d'Assumpció Català".

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Comunicaciones de la UB

Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Profesores da Universidade de Barcelona Categoría:Astrofísica Categoría:Matemáticas