Iago López Carracedo, nado en Castro de Ribeiras de Lea o 6 de abril de 1999, é un futbolista galego. Xoga de lateral dereito no Lugo, da Primeira Federación.
Traxectoria Formouse nas categorías inferiores do CD Lugo e estando en idade xuvenil pasou á canteira do Deportivo da Coruña. Debutou co Fabril na penúltima xornada da tempada 2016/17, nunha vitoria por 1-2 contra o CD As Pontes, coa que o filial branquiazul se proclamou campión de Terceira División. Na seguinte tempada compaxinou o equipo xuvenil con algunhas convocatorias para o filial, pero sen chegar a xogar con este na Segunda B.
No verán de 2018 fichou polo Peralada, filial do Girona, na Segunda División B. Disputou 29 encontros e anotou dous goles esa tempada, na que o equipo acabou descendendo, e comezou a adestrar co primeiro equipo.
O 19 de agosto de 2019 anunciouse a súa cesión por unha tempada á UD Logroñés, tamén da Segunda División B. Xogou 17 partidos da liga regular durante a tempada 2019/20, nos que anotou un gol (fronte ao Haro), contribuíndo a que o seu equipo acabase campión de grupo. Xogou tamén o partido de volta da promoción de ascenso contra o Castellón, no que a UD Logroñés acabou logrando o pase á Segunda División na quenda de penaltis.
En agosto de 2020, o Girona renovou ao xogador ata xuño de 2022 e volveuno ceder ao Logroñés para a tempada 2020/21 na Segunda División. Debutou na categoría de prata na primeira xornada contra o Sporting de Gijón no Molinón, e foi titular en case todos os partidos da campaña, na que o equipo rioxano acabou descendendo.
En xullo de 2021 fichou polo Mirandés, tamén de Segunda División. En Miranda de Ebro disputou un total de 25 partidos, 10 deles como titular, nun equipo que pasou boa parte da tempada ao bordo dos postos de descenso, ata que a chegada de Joseba Etxeberria ao banco mudou o rumbo do club ata rematar na 14ª posición, 9 puntos por riba do descenso.
Buscando máis continuidade, para a tempada 2022/23 baixou unha categoría, fichando polo Alcorcón, da Primeira División RFEF. Na súa primeira campaña xogou 27 encontros, 21 deles dende o once inicial, contribuíndo ao ascenso do equipo de Fran Fernández a Segunda. Consolidouse na titularidade na seguinte tempada, na que sumou 35 encontros oficiais (32 deles saíndo dende o once inicial), pero non puido evitar o descenso do equipo.
Na tempada 2024/25 puxo rumbo a Romanía, onde militou durante un ano no Universitatea Craiova, da Liga I. En agosto de 2025 anunciouse o seu regreso ao Lugo, na Primeira Federación.
Selección galega de afeccionados En marzo de 2020 proclamouse coa selección galega de afeccionados campión da fase estatal da Copa das Rexións da UEFA en Las Rozas, vencendo na final a Andalucía.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en Castro de Rei Categoría:Nados en 1999 Categoría:Futbolistas de Castro de Rei Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Girona FC Categoría:Xogadores do CF Peralada Categoría:Xogadores do UD Logroñés Categoría:Xogadores do CD Mirandés Categoría:Xogadores da AD Alcorcón Categoría:Xogadores do CD Lugo