Loris Benito Souto, nado en Aarau o 7 de xaneiro de 1992, é un futbolista suízo, de orixe galega. Xoga como defensa no Young Boys da Super Liga suíza e é internacional coa selección suíza.
Traxectoria
Orixes Naceu na cidade suíza de Aarau, sendo fillo dun asturiano e unha galega da Pastoriza, Arteixo.
FC Aarau Criouse futbolisticamente no FC Aarau, debutando profesionalmente co primeiro equipo na Primeira división o 1 de novembro de 2009, con 17 anos, fronte ao Neuchâtel Xamax da man do adestrador Martin Andermatt. O equipo, cuxa portería defendía o seu tío Iván Benito, acabou a tempada descendendo á Segunda división. Continuou dúas tempadas máis no club e en 2012 fichou polo FC Zürich.
FC Zürich Chegou a Zürich para ocupar a vacante deixada polo tamén suízo-galego Ricardo Rodríguez. Militou durante dous anos no club, conquistando unha Copa de Suíza e xogando a fase previa da Europa League. En marzo de 2013 acadou sona mundial durante un partido de liga contra o FC Thun, cando foi mordido por unha garduña que invadira o campo e que el mesmo atrapara despois de varios minutos de interrupción.
Benfica En xuño de 2014 foi traspasado ao Benfica. Co equipo lisboeta gañou a Liga, a Copa e a Supercopa, e debutou na Liga de Campións nun encontro fronte ao Bayer Leverkusen. Con todo, o adestrador Jorge Jesus apenas lle deu minutos durante a tempada, chegando a xogar algúns partidos co filial, polo que deixou o equipo ao remate desta.
Young Boys O 23 de xuño de 2015 asinou co Young Boys de Berna, regresando así ao seu país natal. Nas súas dúas primeiras tempadas, nas que o equipo quedou subcampión de liga por detrás do FC Basel, Benito sufriu varias lesións que o mantiveron afastado dos terreos de xogo durante meses. Xa recuperado, disputou máis de 70 partidos nas tempadas 2017/18 e 2018/19, gañando dúas ligas consecutivas, a primeira co adestrador Adi Hutter e a segunda con Gerardo Seoane. Ademais disputou a Liga de Campións na edición 2018/19, caendo na fase de grupos despois de ser encadrado con Manchester United, Juventus e Valencia.
En xullo de 2019 foi presentado como novo xogador do Girondins de Bordeaux, da Ligue 1 francesa, onde se fixo coa titularidade dende o seu debut. Xogou dous anos no club de Bordeos, acumulando 59 partidos e 1 gol.
Tras un breve paso polo Sion, en xaneiro de 2022 regresou ao Young Boys, co que sumou a súa terceira liga suíza na tempada 2022/23, na que se proclamou campión tamén da Copa de Suíza.
Selección nacional Foi internacional coas seleccións suízas sub-19, sub-20 e sub-21 en 25 ocasións, marcando 1 gol.
O 14 de novembro de 2018 debutou con selección suíza absoluta nun amigable contra Qatar que acabou coa vitoria do equipo asiático por 0-1. En 2021 foi convocado por Vladimir Petković para a disputa da Eurocopa de 2020, adiada un ano pola pandemia de COVID-19. Xogou un encontro durante o torneo, a vitoria por 3-1 sobre Turquía, e acadou co seu equipo os cuartos de final, despois de eliminar nos oitavos á Francia campioa do mundo.
Palmarés Benfica Primeira Liga (1): 2014/15. Copa da Liga (1): 2014/15. Supercopa de Portugal (1): 2014.
FC Zürich Copa de Suíza (1): 2013/14.
Young Boys Super Liga suíza (3): 2017/18, 2018/19, 2022/23. Copa de Suíza (1): 2022/23.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en ceroacero.es . Datos do xogador en soccerway.com .
Categoría:Nados en 1992 Categoría:Nados no cantón de Argovia Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Suízos de ascendencia galega Categoría:Futbolistas de Suíza Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Aarau Categoría:Xogadores do FC Zürich Categoría:Xogadores do SL Benfica B Categoría:Xogadores do SL Benfica Categoría:Xogadores do BSC Young Boys Categoría:Xogadores do FC Girondins de Bordeaux Categoría:Xogadores do FC Sion Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Suíza