Ricardo Iván Rodríguez Araya, nado en Zürich o 25 de agosto de 1992, é un futbolista suízo de orixe galega e chilena. Xoga habitualmente de lateral esquerdo, aínda que a súa polivalencia permitiulle xogar en ocasións noutras posicións como central, dobre pivote ou extremo esquerdo. O seu equipo actual é o Betis, da Primeira División de España.
Criouse na canteira do FC Zürich, co que debutou profesionalmente na Super Liga suíza en 2010. No 2012 foi traspasado ao VfL Wolfsburg, co que disputou 184 partidos nas cinco seguintes tempadas, gañando unha Copa de Alemaña e unha Supercopa. Dende 2017 milita na Serie A de Italia, país no que comezou como xogador do Milan, sendo traspasado en 2020 ao Torino. Co equipo piemontés disputou 129 partidos repartidos en catro tempadas, antes de fichar polo Betis.
Foi internacional coa selección suíza en 144 ocasións dende o seu debut en 2011, sendo o segundo futbolista con máis partidos na historia do combinado helvético, só por detrás do seu compañeiro Granit Xhaka. Disputou coa camisola suíza catro Mundiais (2014, 2018, 2022 e 2026) e tres Eurocopas (Francia 2016, Europa 2020 e Alemaña 2024).
É irmán dos tamén futbolistas Roberto e Francisco Rodríguez.
Traxectoria
Primeiros anos Naceu en Zürich, sendo fillo de José Manuel Rodríguez, un emigrante galego de Crecente, e de Marcela, unha chilena de Viña del Mar. Xa antes de nacer, os médicos descubríronlle unha hernia diafragmática, e informaron aos seus pais de que había só un 50% de posibilidades de que sobrevivise. A pesar dos continuos pasos polo hospital nos seus primeiros anos de vida, conseguiu saír adiante e dedicarse ao fútbol, ao igual que os seus dous irmáns Roberto e Francisco.
FC Zürich (2002-2012) Despois de pasar polo FC Schwamendingen entrou no 2002 nas categorías inferiores do FC Zürich. En xullo de 2009, aos 16 anos, estivo no banco do primeiro equipo no partido da terceira rolda de clasificación para a Liga de Campións 2009/10 contra o NK Maribor, no que o equipo esloveno gañou 2-3.
O 21 de marzo de 2010, con 17 anos, debutou co primeiro equipo na Super Liga suíza, substituíndo ao lesionado Hannu Tihinen no partido da xornada 25 contra o AC Bellinzona. O seu debut como titular foi o 5 de abril, no Derbi de Zúrich contra o Grasshopper, que acabou con vitoria por 3-2. O 28 de abril de 2011, marcou o seu primeiro gol profesional, abrindo o marcador ante o Neuchâtel Xamax en Letzigrund e gañando o partido por 3-0.
Debutou en competición europea o 27 de xullo, na ida da terceira rolda de clasificación para a Liga de Campións 2011/12 contra o Standard de Liège no estadio Maurice Dufrasne de Bélxica. Xogou o partido completo e deu a asistencia a Admir Mehmedi, no gol do empate que puxo o definitivo 1-1. Xogou tamén o partido de volta, no que o seu equipo gañou 1-0, así como os dous partidos da seguinte rolda contra o Bayern de Múnic.
Deixou o equipo na metade da campaña, pero aínda así foi elixido pola afección suíza como o mellor xogador da tempada por diante de Oliver Buff e Pedro Henrique.
VfL Wolfsburg (2012-2017) O 13 de xaneiro de 2012, oficializouse o seu traspaso ao VfL Wolfsburg por 7.500.000 €, quedando vinculado durante catro anos e medio ao club alemán. Fíxose rapidamente coa titularidade, debutando na Bundesliga o 21 de xaneiro, na vitoria pola mínima contra o FC Colonia. Xogou todos os partidos da tempada como titular e sen ser substituído, sendo o lateral esquerdo favorito do adestrador Felix Magath.
Comezou como titular no primeiro terzo da tempada seguinte pero tras a destitución de Magath, chegou ao banco Lorenz-Günther Köstner, que preferiu utilizar a Marcel Schäfer. Recuperou a titularidade no terzo final da tempada, xa con Dieter Hecking como adestrador.
O 9 de novembro de 2013, marcou de falta o seu primeiro gol co VfL Wolfsburg, nun partido da Bundesliga contra o Borussia Dortmund no Volkswagen Arena. Rematou a tempada 2013-14 con cinco goles e nove asistencias na liga e foi incluído entre os mellores defensores do campionato. Coas súas nove asistencias foi o defensa con máis asistencias da tempada en Europa.
O 18 de setembro de 2014 marcou o seu primeiro gol en competición europea, nun encontro da Europa League contra o Everton FC, de tiro libre e despois de ter marcado un autogol. Tres días despois, marcou dous goles na vitoria por 4-1 sobre o Bayer Leverkusen, o primeiro de penalti e o segundo de volea tras un saque de esquina de Kevin De Bruyne.
Posteriormente anotou 2 goles contra o Lille OSC, nunha vitoria por 0-3 que lle permitiu ao Wolfsburg clasificarse para a seguinte rolda da Europa League. Foi elixido mellor xogador suízo de 2014.
En xaneiro de 2015 asinou un contrato que o vencellaba co equipo ata xuño de 2019. O 7 de abril marcou de penalti o único gol do partido contra o SC Freiburg, ademais de impedir un gol na liña da portería, clasificándose deste xeito o seu equipo para as semifinais da Copa de Alemaña. O 30 de maio conquistou a Copa, a primeira da historia do club, tras vencer na final ao Borussia Dortmund.
Comezou a tempada 2015/16 gañando a Supercopa contra o Bayern de Múnic, despois de marcar o primeiro dos lanzamentos na quenda de penaltis (o partido rematara con empate a un). O 6 de abril de 2016, no partido de ida dos cuartos de final da Liga de Campións contra o Real Madrid, marcou de penalti o primeiro dos dous goles do seu equipo (2-0). Rompeu con este gol a xeira do porteiro Keylor Navas, que levaba 738 minutos sen encaixar un gol na máxima competición europea. A tempada 2016/17 foi a súa última no equipo alemán, pechando a súa etapa neste con 184 partidos e 22 goles.
AC Milan (2017-2020) O 8 de xuño de 2017, fíxose oficial a súa fichaxe polo AC Milan, cun contrato por catro anos. O prezo do traspaso foi duns 15 millóns de euros máis tres en variables, sendo a terceira fichaxe da etapa chinesa do equipo milanés. Escolleu o dorsal 68, en referencia ao ano de nacemento da súa nai, falecida de cancro no 2015. Debutou co Milan nun partido de clasificación para a Europa League contra o CSU Craiova, marcando o gol da vitoria por 1-0 que significou o regreso do equipo italiano a unha competición europea máis de tres anos despois.
Debutou na Serie A o 21 de agosto, nunha vitoria por 3-0 contra o Crotone en San Siro, e marcou o seu primeiro gol na liga de penalti na vitoria por 2-0 contra o SPAL, tamén en San Siro, o 20 de setembro. O 15 de outubro, no derbi da Madonnina, provocou o penalti que logo transformou Mauro Icardi, completando o seu triplete particular para derrotar por 3-2 ao Inter.
Desde entón, aínda que foi un habitual no Milan, non alcanzou as cotas que se esperaban del, e o Milán fracasou repetidamente nos seus intentos de regresar á Liga de Campións.
Cesión ao PSV (2020) O 30 de xaneiro de 2020, saíu cedido ao PSV Eindhoven ata o final da tempada. Xogou só seis partidos con este ata que a liga foi paralizada e finalmente suspendida pola pandemia de COVID-19. A continuación volveu ao equipo de Milán, aínda que con poucas opcións de seguir alí.
Torino (2020-2024) O 19 de agosto de 2020 oficializouse o seu traspaso ao Torino FC para os seguintes catro anos. Debutou nun partido de liga ante o Cagliari, xogando como titular, pero acabou caendo dos onces iniciais na parte final da tempada, trala chegada ao banco de Davide Nicola. Disputou un total de 18 partidos oficiais na súa primeira campaña no Piemonte, na que o Torino acabou un só posto por riba do descenso á Serie B. O seu peso no equipo aumentou na tempada 2021/22, co croata Ivan Jurić como adestrador, dobrando o número de encontros disputados e xogando case sempre como titular, para rematar a liga na décima posición. Continuou como un fixo nas aliñacións titulares de Jurić nas seguintes dúas campañas, nas que o equipo acabou décimo e noveno respectivamente. O balance final dos seus catro anos en Turín foi de 129 encontros oficiais e un gol.
Betis (2024-) No verán de 2024, tras rematar o seu contrato co Torino, trasladouse a Sevilla, onde asinou como novo xogador do Betis. Durante a primeira parte da tempada 2024/25 non contou coa confianza do técnico Manuel Pellegrini, descontento co seu rendemento, pero tralo ecuador da competición acabou facéndose coa titularidade por diante do francés Romain Perraud, sendo unha peza importante nos esquemas do adestrador chileno. O 28 de maio de 2025 foi titular na final da Conference League ante o Chelsea no estadio de Wrocław, a primeira final europea da historia do Betis, onde o equipo andaluz perdeu por 1-4.
Selección nacional miniatura|222x222px| Xogando contra a Arxentina no 2012.
Categorías inferiores Formou parte da selección suíza sub-17 que gañou a Copa do Mundo do 2009 en Nixeria, sendo un dos mellores xogadores da competición. Marcou no partido da fase de grupos contra o Xapón, nos dezaseisavos de final contra Alemaña, e foi autor dun dos catro goles na semifinal contra Colombia, que meteron aos suízos na súa primeira final dunha competición da FIFA dende os Xogos Olímpicos de 1924. Xogou os 90 minutos da final contra Nixeria no Estadio Nacional de Abuja, onde Suíza conquistou o primeiro título da súa historia, ao gañar por 1-0 cun gol de Haris Seferović.
Selección olímpica En 2012 participou co equipo suízo nos Xogos Olímpicos de Londres. Disputou os tres partidos da primeira fase, contra México, Corea do Sur e Gabón, caendo eliminados tras sumar só un punto.
Selección absoluta Foi 134 veces internacional coa selección suíza absoluta, sendo o segundo futbolista suízo con máis partidos internacionais da historia, só por detrás dos 141 do seu compañeiro Granit Xhaka. Anotou nove goles coa selección. O seu debut produciuse o 7 de outubro de 2011, nun partido de clasificación para a Eurocopa 2012 contra a selección galesa, no que entrou no segundo tempo como substituto de Xherdan Shaqiri. Catro días despois foi titular na vitoria contra Montenegro por 2-0 que deixaba ao equipo suízo na terceira praza final do grupo G, fóra da Eurocopa.
Xogou nove dos dez partidos de clasificación para o Mundial de 2014, acabando o equipo suízo como campión do grupo, con sete puntos de vantaxe sobre o segundo, Islandia. O 13 de maio de 2014, o adestrador da selección suíza, Ottmar Hitzfeld, incluíuno na lista oficial de 23 xogadores convocados para afrontar o Mundial do Brasil. Alí xogou completos os catro partidos do combinado suízo. Realizou o saque de córner que rematou de cabeza Admir Mehmedi para facer un dos dous goles na vitoria contra o Ecuador (2-1), e participou na vitoria por 3-0 contra Honduras que clasificou aos suízos para os oitavos de final, onde caeron contra a Arxentina por 1-0, cun gol de Di María.
Xogou tamén todos os encontros completos de Suíza na Eurocopa de 2016. Os helvéticos caeron no partido de oitavos de final, celebrado no Estadio Geoffroy-Guichard de Saint-Étienne contra Polonia, despois de empatar a un gol e perder a quenda de penaltis, na que Rodríguez anotou o seu lanzamento.
O 8 de outubro de 2016 marcou o seu primeiro gol coa selección, nun partido de clasificación para o Mundial de 2018, contra Hungría no Groupama Aréna de Ferencváros, Budapest. Os suízos quedaron segundos do seu grupo, por detrás de Portugal, tendo que xogar unha eliminatoria contra Irlanda do Norte. Ricardo Rodríguez fixo o único gol suízo no partido de ida no Windsor Park de Belfast, que acabou con empate a un gol, e salvou un balón na liña de gol no minuto 91 do partido de volta en Basilea, logrando así o billete para a cita mundial en Rusia. Na primeira fase Suíza volveu conseguir unha das dúas prazas do seu grupo para os oitavos de final, onde perderon contra Suecia. Rodríguez xogou de novo os catro partidos completos.