Non confundir con Camiño do Faro, editorial coruñesa.
O Camiño dos Faros é unha ruta de sendeirismo, que ten o mar coma protagonista, do noroeste galego —na provincia da Coruña— que une Malpica de Bergantiños (lugar de saída) con Fisterra (lugar de chegada) ao longo de 200 km en dirección suroesteSegundo o sentido de marcha que propoñen os autores da ruta. pola beira do mar. A presenza de faros ao longo do percorrido é o que lle dá nome, pero tamén decorre por outros lugares de interese da Costa da Morte: praias, bosques, dunas, acantilados, ríos ou regos, peiraos pesqueiros, estuarios, fontes de auga, espazos de valor arquitectónico etc.
Esta ruta adoita dividirse en oito etapas dunhas 9 horas de camiñada a ritmo de paseo, cunha media de 26 km por etapa, a máis curta das cales é a de Laxe a Arou (Camariñas), de 18 km, e a máis longa a que vai desde Camariñas ata Muxía, de 32,6 km. No seu camiño desde Malpica ata Fisterra pasa, ademais destes concellos, polos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía e Cee.
O nome da ruta, Camiño dos Faros, fai referencia aos numerosos faros construídos na costa durante os dous últimos séculos para facer segura a navegación marítima nesa zona, coñecida como Costa da Morte, un nome acuñado pola prensa británica na década de 1890 despois dunha serie de naufraxios mortais.
Pequenas cruces ao longo da costa, probablemente en lembranza aos percebeiros afogados, son un recordatorio do perigoso que é este tramo, tanto para os pescadores locais como para os navegantes en rutas máis longas. miniatura|150px|A Ferida en Muxía Ademais dos faros, outros recordatorios das diferentes traxedias ocorridas nesta zona inclúen o Cemiterio dos Ingleses, que contén os restos de mariñeiros ingleses naufragados a finais do século XIX, ou tamén os restos ocasionais de barcos e carga que deron lugar a nomes de praias, rochas, baixíos etc. O monumento máis dramático é A Ferida, unha escultura (unha enorme laxa de rocha), situada en Muxía fronte ao océano Atlántico, nun outeiro ao carón do santuario da Virxe da Barca, relacionada co afundimento do petroleiro MV Prestige en 2002.
Historia O 7 de decembro de 2012 un grupo de catro sendeiristas galegos, amigos desde a infancia, xunto con dous cans decidiron saír andar pola beira do mar desde Malpica ata Fisterra aproveitando os camiños que abriran ao seu paso pescadores e percebeiros: unha viaxe de 200 kmPor estrada esta ruta é de 71,8 km bordeando a costa do noroeste de Galicia que tardaron varias semanas en completar. Querían crear unha ruta que se mantivese o máis preto posible do mar, e deseñala foi a súa forma de convidar a outras persoas a gozar dela.
Particularmente impresionante foi o apoio que tivo o Camiño dos Faros entre as comunidades locais. Non só limparon e sinalizaron o carreiro, senón que axudaron a desenvolver un programa de actividades que atraeu a esta costa sendeiristas, ciclistas e corredores de toda Galicia.
Homologación Houbo numerosos intentos por parte da Asociación Camiño dos Faros para homologar esta ruta como camiño de gran percorrido (GR). Porén, aínda non se chegou a un acordo coas diferentes administracións, de modo que ese proceso de homologación aínda non se rematou.
Etapas miniatura|esquerda|150px|Porto de Malpica, punto de partida do Camiño dos Faros En principio, o Camiño dos Faros divídese en oito etapas, aínda que cabe a posibilidade de organizalo segundo o ritmo ou as esixencias de cadaquén. Seis das etapas (cada etapa corresponde a un día de camiñada) seguen unha mestura de carreiros que pasan por cantís e praias, mentres que as outras dúas diríxense cara ao interior, circunvalando as rías de Corme e Laxe e de Camariñas, ao longo do que son dous tramos de costa moi quebrada. A maioría das etapas comezan e terminan en pequenas aldeas pesqueiras con moitas opcións de aloxamento.
1ª etapa: Malpica-Niñóns
miniatura|150px|Vista da capela do Santo Hadrián coas illas Sisargas a esquerda da foto Esta 1ª etapa comeza no porto de Malpica e acaba na praia de Niñóns, xa no concello de Ponteceso, despois de percorrer 21,3 km, case todos dentro do concello de Malpica.
Despois de deixar atrás o porto de Malpica crúzase a vila malpicá rumbo ao noroeste ata chegar á rúa da Praia. Desde aquí xa se albisca o océano Atlántico e o primeiro dos grandes faros, que non toca a ruta pois está situado nas illas Sisargas, que acompañan o camiñante, ao lonxe, na meirande parte desta etapa. A rúa da Praia vai bordeando ao seu paso a praia de Area Maior, ata chegar á rúa Canido, que bordea a praia de Canido. Alí cóllese a senda que leva ata a praia de Seaia, que se bordea por un camiño de táboas, deixando entre o camiño e a praia as primeiras dunas de area do Camiño dos Faros. Desde aquí a senda segue bordeando o monte ata o cabo de Santo Hadrián, tramo no que se atopa a fonte de Santo Hadrián, cuxa auga segundo as crenzas populares cura as verrugas. Xa no cabo, atópase a ermida de Santo Hadrián —famosa pola súa romaría— e un miradoiro, que permite ver o camiño xa feito, o seguinte tramo da etapa e as illas Sisargas.
Desde aquí séguese bordeando a costa, deixando atrás o coído de Fontán e a punta do Castro, ata chegar á praia de Beo. Logo de superada continúase a ruta, deixando atrás a rada do porto da Tella, punta Galiana e o castro de Entretorres (un dos poucos castros marítimos da zona que esta totalmente sen estudar), a continuación séguese cara ao lugar de Seiruga, ata chegar á praia de Seiruga. Para chegar a ela cómpre cruzar o regato do Esteiro, que pode supoñer un problema dependendo do estado da marea e do caudal de auga que leve: é frecuente ter que remangarse e descalzarse para cruzado, e entre os meses de xaneiro e marzo pode ser preciso tomar a ruta altenativa que sae desde Beo porque o seu caudal imposibilita cruzalo.
Xa na praia de Seiruga, esta crúzase por unha pasarela de madeira que atravesa as dunas e conduce ata o lugar de Seiruga, desde onde se continúa bordeando o monte da Insua e pasando pola punta Cherpa e os acantilados de Secova do Monte ata chegar á depuradora de Barizo, a pedra das Garzas e a estrada asfaltada que leva ata a praia de Barizo. Logo de cruzar e subir un pequeno monte de eucaliptos a ruta continúa ata chegar ao porto de Barizo, onde comeza o tramo máis difícil desta etapa: a zona de punta Cabalo, a punta de Ensubelas e o Alto da Barreira, desde o que xa se albisca o faro de Punta Nariga, a costa de Niñóns e a do Roncudo.
A partir de aqui báixase un pequeno tramo ata chegar ao faro, para seguir polas penas do Rubio, a enseada do Lago, Punta Queimada e chegar á praia de Niñóns onde remata esta primeira etapa.
miniatura|150px|Praia de Niñóns, punto de chegada da 1ª etapa e de saída da 2ª
2ª etapa: Niñóns-Ponteceso
miniatura|150px|esquerda|Cruz no Roncudo miniatura|150px|Vistas da praia de Balarés desde o Camiño dos Faros. A 2ª etapa comeza na praia de Niñóns e acaba en Ponteceso, xusto ao pé da casa onde naceu o bardo e escritor do himno galego, Eduardo Pondal (1835-1917), e da ponte que une Ponteceso e Cabana de Bergantiños sobre o río Anllóns, despois de percorrer 27,1 km. Esta etapa transcorre na súa totalidade polo concello de Ponteceso.
Despois de deixar atrás a praia de Niñóns, esta etapa comeza camiñando durante un pequeno treito por un bosque de piñeiros que leva ata a pequena praia do Morro; dende aquí séguese ata a punta do Niño do Corvo, pásase ás beiras das praias do Niño do Corvo e da de santa Mariña, e continúase ata chegar ao porto de Santa Mariña. Ao saír del camíñase os primeiros metros por detrás deste para seguir bordeando a costa pasando polos acantilados da Eiroa e a punta do Pichón ata chegar á altura dun cruceiro onde se xira á esquerda para dirixirse ao interior, seguindo as frechas verdes que indican o camiño. Un pouco máis adiante, atravesando entre os montes de Mean, á esquerda, e Arbosa, á dereita, pódese ver pegado ás rochas un curro artesanal que se usa para coidar unha manda de cabalos salvaxes, que con sorte se poderían ver. Hai que continuar ata atopar a estrada asfaltada que leva ao porto de Santa Mariña, que se segue durante uns 200 m ata coller a senda que leva á cima do monte Arbosa, o alto do Bravío, desde onde se ve por vez primeira a enseada da Barda e a praia do mesmo nome, aproximadamente a un quilómetro de camiño.
Chegados alí, hai que continuar pola estrada ata o cruzamento, onde se colle á dereita para enfrontar a costa da Tremosa, un tramo bastante duro que se pode evitar seguindo pola estrada que leva dereita á aldea do Roncudo, lugar de arribada deste tramo. A medida que se bordea a costa sen parar de subir chégase á punta Espiñeira, desde onde un tramo bastante sinuoso duns 50 m achega o camiño ata a punta do Castro. Desde alí pásase ao lado da enseada da Grixoa xunto á punta de Eiras, que a separa da enseada de Eiras, para chegar despois ata a punta da Percebellosa, onde o camiño se separa da costa para ascender ata a pequena aldea do Roncudo. Nela os camiñantes poden avituallarse da auga da fonte que esta aldea ten sinalada para os seus visitantes. Logo de cruzar a aldea ponse rumbo ao faro do Roncudo pola estrada que se atopa á dereita e que unha vez pasada dá paso a un descenso algo complicado ata a Laxe das Pesqueiras, desde onde se continúa deixando atrás a pedra Golfeira e a furna da Fuxisaca, antes de chegar ao faro do Roncudo. O nome de Roncudo, que aparece en varios topónimos, procede do ruído rouco que fai o mar cando rompe nos cantís próximos.
Desde o faro do Roncudo ata o porto de Corme camíñase por unha estrada asfaltada duns 3 km. Neste tramo vaise pasando xunto ao mar da Eiruxa, o pozo do Aguillón, a praia da Insua, a cala das Gralleiras e a cala de Area das Conchas. Xa no porto bordéase o lugar ata chegar á praia da Arnela e un pouco máis adiante á praia do Osmo, onde se atopa a furna do Osmo. Desde aquí bordéase a praia ata chegar a unha estrada asfaltada pola que cómpre camiñar un puco para sortear a praia. Deseguido, cóllese a senda que leva ata a praia da Ermida, desde a que se pode ver a illa da Estrela, e séguese camiñando ata a praia de Río Covo, un pequeno areal ao que se chega por unha camiño bastante costento. Despois da praia séguese por un carreiro estreito que leva ata a punta do Canteiro, desde onde se continúa subindo por unha costa curta pero pina, que leva ata A Parede, no Monte Facha, punto no que comeza unha baixada ata praia de Balarés.
Esta praia abandónase bordeándoa polo camiño de táboas colocadas nas dunas e deseguido cóllese a senda que leva ata a punta de Calbaqueiro, desde a que se ve a furna do Encanto e a illa Tiñosa, ademais de toda a costa de Cabana de Bergantiños. Máis adiante aparecen as dunas rampantes (as máis altas de Europa) do Monte Branco xunto a lingua de area que forma a Barra na desembocadura do río Anllóns, e que da forma o esteiro que se forma no río Allóns antes de desaugar na ria de Corme e Laxe. É esta unha zona extremadamente sensible desde o punto de vista ambiental, así que ao pasar por elas débese ter conta de non saír do carreiro marcado para así preservalas. Desde este punto pode verse a illa dos Cagallóns (un montículo que adoita quedar illado co abalo das mareas vivas) e un pouco máis adiante, unha caseta para a observación de aves, pois este é un lugar privilexiado para esa actividade. Seguindo o camiño e á dereita cóllese o dique do Couto, que separa o río da xunqueira para evitar inundacións, que conecta cun pequeno tramo ás beiras do río, que vai ata a casa de Eduardo Pondal, punto final desta 2ª etapa.
miniatura|150px|Ponte sobre o río Anllóns, punto de chegada da 2ª etapa e saía da 3ª
3ª etapa: Ponteceso-Laxe
A 3ª etapa comeza na ponte de Ponteceso e acaba no porto de Laxe, despois de percorrer 25,3 km, a maior parte deles polo concello de Cabana de Bergantiños, onde se atopa o cumio desta ruta (312 m sobre o nivel do mar), o monte Castelo de Lourido.